O xulgado suspende as actuacións sobre Meirás ata resolver se o mobiliario debe considerarse parte da leira

Nesa resolución, na que se declara que o pazo é propiedade do Estado, "non se condena aos demandados a entregar os mobles existentes nas distintas dependencias ao Estado". Contra a sentenza cabe presentar recurso.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 20/05/2021 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña suspendeu as actuacións relativas ao Pazo de Meirás ata resolver se o mobiliario forma parte do inmoble e das leiras incluídas no recinto que a familia Franco debe devolver ao Estado, tal e como decretou o xulgado de primeira instancia nunha sentenza confirmada pola Audiencia Provincial da Coruña e contra a que cabe presentar recurso.

Nesa resolución na que se declarou que o pazo é propiedade do Estado "non se condena aos demandados a entregar os mobles existentes nas distintas dependencias ao Estado", polo que, tal e como determinou a Audiencia Provincial, corresponde ás administracións públicas "promover o correspondente incidente de execución para discutir e resolver sobre cal é a extensión da sentenza que se executa".

Por iso, a Administración Xeral do Estado presentou un incidente de execución no que demanda a "necesaria conservación do inventario" aprobado no seu día polo xulgado, así como unha segunda cuestión incidental na que solicita a "delimitación dos bens integrantes e pertenzas" do pazo tendo en conta o artigo 334 do Código Civil, no que se definen os bens inmobles. Pola súa banda, o Concello de Sada reclama que se inclúa, a efectos de execución de sentenza, o mobiliario como parte do Pazo de Meirás.

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña tramitará o tres cuestións incidentais de forma conxunta e resolveraas ao mesmo tempo. Contra a providencia ditada hoxe cabe presentar recurso de reposición no prazo de cinco días.

Pazo de Meirás / CONTACTO PHOTO - Europa Press. / Europa Press
Pazo de Meirás / CONTACTO PHOTO - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta