O Eco Franciscano

O outro día participei dunhas frutíferas xornadas no local da CNT no barrio de Conxo. As palestras trataban sobre os territorios deste país dende diferentes enfoques críticos e experiencias sociais. Unha das participantes agasalloume cun cartaz a prol do ensino laico nas escolas. Ela, anacorsindicalista, é profesora nun instituto galego. Quéixase da censura interna vixente no centro. Como se aínda existisen conserxes excombatentes da Divisón Azul, uns trasgos retiran sempre das cortizas a publicidade destas campañas de concienciación social.

Por Xurxo Ayán | Compostela | 04/11/2013

Comparte esta noticia
A acción política comunitaria, a resistencia colectiva tivo dous grandes fitos na historia deste país. O primeiro deles foron as Irmandades do século XV, cando os labregos e burgueses se puxeron a derrubar castelos en Galicia. O retorno dos nobres e a derrota irmandiña condanaron durante séculos de novo ao campesiñado. Moitos ríos de tinta ten sementado esta revolución abortada. Co gallo da difusión do coñecemento xerado a partir das escavacioóns arqueolóxicas do Castelo da Rocha Forte, levo un tempo revisando a literatura ao respecto. Hai opinións para todos os gustos, incluso para os curas. O crego Couselo Bouzas escribiu un libro no que misturaba maxistralmente, sen sabelo, unha análise marxista do conflito social, cunha conceción providencialista da Historia:
 
“Varias fueron las causas de la guerra hermandina, que bien podríamos reducirla a una, aunque con varias ramificaciones: el estado social de entonces […] un estado social imperfecto; porque el mayor o menor progreso de una sociedad está en que el mayor número de los que la componen puedan gozar de cierto bienestar material, de una cantidad correspondiente de bienes materiales y de la plenitud de sus derechos civiles. Pero de estos estados sociales imperfectos, transitorios, no se pasa a otros perfectos de ordinario, más que con grandes conmociones, con fuertes sacudidas de las cuales la providencia se vale para fines más altos, materiales y morales. Desde este punto de vista hemos de considerar el protagonismo teleológico de la guerra hermandina”.
 
O libro chámase La guerra hermandina e foi publicado en 1925 en Compostela na imprenta relixiosa El Eco Franciscano. Os tipógrafos que traballaron até 1936 en El Eco Franciscano eran na súa maioría anarquistas, entre eles os irmáns das dúas Marías, os Fandiño (disto falaremos na seguinte entrega para o GC). Estes obreiros cualificados viviron ese segundo momento histórico de resistencia ao que me refería antes: os anos da IIª República. Nunca até o de entón se acadara un verdadeiro estado laico. Loxicamente, co golpe de estado, iso pagouse, e caro. Co trunfo feixista en Compostela, os tipógrafos de El Eco Franciscano foron asesinados e perseguidos, mentres do prelo saían cartaces, opúsculos e libros que louvaban o Glorioso Alzamento Nacional. O mesmo acontecía na imprenta do Seminario Conciliar. O presbítero Manuel Silva Ferreiro daba a lume” Galicia y el Movimiento Nacional” (1938) con datos tan exactos sobre os inimigos rojos que foi empregado como guía polos represores. A desfeita foi tal que o autor tentou retirar da circulación os exemplares pagando do seu peto. Este fenómeno era catedrático de Cosmoloxía, Moral… e Ética.
 
Non fai falla ser anarquista para decatarse dun proceso evidente promovido pola dereita cavernaria galega e española desde 1936: a supresión da laicidade do Estado, esa cousa tan decimonónica e pasada de moda. Así se entenden cousas como unha iniciativa que pagamos todos os cidadáns galegos (coa que está caíndo): a celebración do 800 aniversario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela. A Xunta de Galicia financia con recursos públicos as veleidades historiográficas dunha orde relixiosa, dáme igual que sexa católica, budista ou de druídas brigantinos. O 15 de maio pasado, nun acto público, o señor dos Peares, presidente de Galicia, entre outras memeces, declaraba a rentes dun frade co seu hábito:” la principal intuición de San Francisco de Asís radica en tener fe en la evolución colectiva y creer en una iglesia dinámica capaz de ir restaurando esperanzas poco a poco. Debemos encontrar en el ejemplo de San Francisco de Asís una referencia de futuro que permita reeditar en el siglo XXI la renovación de la sociedad que é siempre predicó en su trayectoria”.
 
A Xunta declarou esta actividade conmemorativa “Acontecemento excepcional de interés público”. O señor dos Peares, bicadedos de bispo, xa foi de peregrinación a Asís. As empresas que colaboren nesta campaña nacionalcatólica serán premiadas con desgravacións fiscais. O presidente desexa que a guinda do pastel a poña o Papa Francisco visitando Galicia. A ínclita Directora Xeral de Turismo vende a moto da repercusión turística do evento (non aprenderon nada con Ratzinger?) e incentiva as industrias culturais a deseñar shows e montar saraos cun aquel franciscano. O Consorcio de Santiago vai restaurar o Hotel-Monumento de San Francisco en Compostela. Só falta que nomeen a frei Carballo presidente de Galicia, e acabamos con isto de vez. Daquela, en vez de con unha Franziskaner, brindarei cunha Carallaner. Abofé.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA