Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2021 | Actualizada ás 22:20
O ecoloxismo galego tivo días atrás unha xornada de celebración cando a Xunta de Galicia fixo pública a súa proposta de sanción contra Endesa por ter contaminado a auga do río Eume entre agosto e outubro do ano pasado. A multa, contra a que a empresa xa anunciou recurso, ascendería a 1’8 millóns de euros, unha sanción aplaudida polo movemento verde de Galicia; que, porén, esixe investigar máis a fondo a cuestión para delimitar posibles infraccións legais.
Esa é a petición de ADEGA-Ferrolterra, que acusa á empresa de “neglixencia” na xestión das augas do encoro da Capela; e que, segundo a Xunta, a empresa decidiu abrir para producir electricidade a sabendas de que contiña metais pesados. Segundo a formación ecoloxista, a resolución do expediente administrativo “non resolve a problemática de fondo nin evita que se volvan repetir sucesos contaminantes”.
Esta problemática viría definida porque, de acordo coa plataforma, a investigación debería ir máis alá e analizar “a fondo” as causas que provocaron esa turbidez do Eume. O obxectivo sería delimita se existen ou non motivos que poidan derivar nunha causa penal contra a empresa; que, segundo o informe, decidiu abrir as augas a pesar das advertencias negativas da Xunta.
ELIMINAR A "CONCESIÓN FRANQUISTA"
ADEGA critica a resolución en tanto que, segundo subliñan, “tampouco se determinan as accións e medidas que debería tomar Endesa para que o río Eume e o Parque Natural non teñan que sufrir novos sucesos de contaminación” por mor deste “mal estado e a mala xestión do encoro da Capela”. A solución pasaría por obrigar á empresa a retirar os lodos do encoro “dun xeito ambientalmente apropiado” e logo tratalos, para evitar así “dunha vez por todas” estes episodios de contaminación que a asociación trata como “recorrentes”.
Do mesmo xeito, consideran insuficiente a sanción tendo en conta o longo percorrido das supostas “irregularidades” da compañía no espazo natural das Fragas do Eume: “esta multa non recompensa todo o impacto que Endesa e o encoro da Capela teñen exercido nos últimos 50 anos sobre o río e sobre este espazo natural protexido”. “Xa é momento de declarar caduca a concesión franquista e liberar o Eume de medio século de contaminación incesante”, remachan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.