Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2021 | Actualizada ás 09:30
A polémica do porto da Coruña, que días atrás foi contestada cunha mobilización contra o seu emprego urbanístico, vén de desatar unha treboada de propostas para unhas instalacións sobre que sopran ventos de cambio. A derradeira voz en se erguer entre a multitude vén da man da Plataforma pola defensa do tren A Coruña - As Mariñas, que conta cun plan para instalar un servizo de ‘cercanías’ na cidade herculina.
Dende a asociación explican que o plan pasaría por aproveitar as vías dispostas no interior do porto para instalar un servizo de proximidade entre a Estación de San Diego ata Palexco, ao pé do Parrote. Deste xeito, a liña ferroviaria permitiría cruzar a banda oriental da cidade en poucos minutos.
Para dar a coñecer a proposta, a Plataforma anuncia que organizará un roteiro ás 12:00 horas do vindeiro domingo co obxectivo de “defender o tren como a mellor opción para aliviar o tráfico de vehículos privados”. O roteiro, que seguirá o traxecto desa liña proposta, sairá desde a Estación de San Diego e transorrirá polo interior do Porto seguindo o trazado das vías ata o peirao de Batería, fronte ao Palexco.
INTERMODAL
“Tendo en conta onde está a Estación de Mercadorías de San Diego, non se entende que non se aproveite esta instalación para un tren de proximidade que mellore a mobilidade en toda a Comarca”, sinalan desde a Plataforma. Para este colectivo, as vías do Porto poderían aproveitarse para o tren e ter un apeadeiro preto da Praza de Ourense, xusto onde está o acceso ao Porto e paran agora os buses urbanos e interurbanos. A Plataforma tamén cre que sería mellor opción a Estación de San Diego para a estación intermodal tendo en conta a súa situación “privilexiada”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.