Saúdo

Segundo artigo da sección lingüística da sección 'Baguiño a baguiño', de Henrique Arguindey. Desta volta sobre as formas de saúdo en galego e a súa orixe.

Por H.Harguindey | Cangas | 25/11/2013

Comparte esta noticia
Antes de mais nada, o saúdo.
 
Bo día. Ou Boa tarde. Ou, mesmo, Boa noite.
 
Este é  o procedemento máis habitual para saudar na maioría das linguas, segundo a parte da xornada na que un se atope: desexar que a persoa ou as persoas a quen non diriximos teñan un bo momento.
 
E en galego tamén usamos esa fórmula.
 
A que debemos rexeitar é a fórmula “Boas” por ser unha simple tradución mecánica do español “Buenas” (sobrentendendo “tardes/noches” e, sorprendentemente, ampliado ao masculino “días”) que non ten tradición ningunha en galego.
 
Naturalmente, existen outras posibilidades. Para comezar, a de desexar saúde (pois iso significa “saudar”): “Saúde!” ou, no diminutivo garimoso tan querido ao galegoportugués, “Saudiña!”. Tamén é moi empregado o saúdo  “Ola!” (escrito con h nalgunhas linguas e sen el noutras) que ten equivalentes fónicos en distintos idiomas (o Hello! inglés ou o Hallo! alemán, por exemplo) ou soan de xeito moi semellante noutros como o hawaiano Aloha! utilizado para saúdo ou despedida e que expresa bos desexos.
 
En galego expresamos desexos de ventura cando saudamos ou nos despedimos dicindo: Que lle/vaia ben! Ou Que che medre! (enténdese “o benestar”).
 
E invocamos a protección divina cando nos despedimos Adeus! Deus o acompañe! etc.  Tamén aludimos aos augurios ou presaxios (como bos agoiros) nunha fórmula que do latín  augurium chegou ao galego (e ao castelán) a traveso do euskera Agur! Tradicionalmente dicíase moito entre nós Abur! Aburiño!
 
Moi espallada internacionalmente está hoxe a fórmula italiana Ciao! que orixinalmente significa escravo e coa que significamos “Son o seu escravo!”, o seu servidor, como dicimos noutras fórmulas.
 
E mais nada por hoxe. Despedímonos cunha fermosa frase tradicional galega:
 
 Saudiña e que cante o merlo!
 

Aperta de mans
Aperta de mans
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA