Pontevedra inaugura unha particular ruta gastronómica co mariscos como protagonistas

Haberá tapas de ostrón, mexillón, zamburiña, vieira, navalla, ameixa, berberecho e escupiña en 46 locais da cidade.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 18/06/2021 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Pontevedra xa ten o seu Roteiro de Petiscos da Festa das Cunchas. Un roteiro degustando as tapas ofertadas por 46 establecementos de Pontevedra que participan nesta interesante iniciativa que ten a varios tipos de marisco como protagonistas culinarios.

O tenente de alcalde, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, inauguraron esta mañá, acompañados polos concelleiros socialistas Iván Puentes e Marcos Rey, participan no Roteiro de Petiscos da Festa das Cunchas
O tenente de alcalde, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, inauguraron esta mañá, acompañados polos concelleiros socialistas Iván Puentes e Marcos Rey, participan no Roteiro de Petiscos da Festa das Cunchas | Fonte: Concello de Pontevedra

O tenente de alcalde de Pontevedra, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, inauguraron este venres, acompañados polos concelleiros socialistas Iván Puentes e Marcos Rey, inauguraron este particular roteiro culinario petiscando tres destas tapas. Tratase dunha deliciosa vieira á prancha salteada con salsa ao 'ajillo' sobre base de pan de cea con tomate natural untado e xamón serrano de porco criado con castañas elaborada polo Café Bar Lelé II, rexentado por Rafael Rúa; uns mexillóns fritos con pataca e pemento ofertados pola propietaria do restaurante Hangar 218, Charo Muñiz, e outra receita de mexillón, neste caso en pataca, confeccionado por Ramón Pedras Lorda, de La Cata.

Blanco deulle "a benvida a este evento gastronómico que conta coa implicación de 46 negocios de hostalería da cidade e que, ao longo de 12 días, ofrecerá a pontevedreses e visitantes a oportunidade de gozar de deliciosas receitas elaboradas cos oito mariscos que protagonizan a festividade: ostrón, mexillón, zamburiña, vieira, navalla, ameixa, berberecho e escupiña.

Os establecementos e petiscos foron recollidos en 5.000 folletos informativos (algúns deles editados en braille pola Once e dispoñibles na oficina de Turismo de Pontevedra), que os clientes deberán ir selando nos distintos locais. Os 150 primeiros que poidan amosar que probaron ao menos unha tapa de cada un dos oito mariscos obterán un premio directo. Os galardóns anunciaranse a través das redes sociais de Pontevedra Capital Gastro e recolleranse na oficina de Turismo (planta baixa da Casa Consistorial).

Esta fin de semana tamén se poderá desfrutar das Xornadas Gastronómicas da Festa, nas que os locais participantes ofrecen un menú pechado baseado nos oito mariscos de cuncha, cunha dinámica semellante á da Feira Franca e que terán como aliciente para clientes e hostaleiros a ambientación decorativa dos locais con motivos mariñeiros. O establecemento máis votado nas redes sociais de Pontevedra Capital Gastro obterá un substancioso premio (as publicacións deberán etiquetarse co hashtag #DECOfestadascunchas).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta