Galicia volve a niveis de exportación prepandemia, segundo o Foro Económico

Expertos sinalan Galicia como unha das comunidades con mellor comportamento, mentres o conxunto do Estado aínda non alcanzou esa plena recuperación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2021 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

Galicia volve a niveis de exportación prepandemia, segundo o Barómetro Exportador de Galicia (Baexga), que elabora o Foro Económico de Galicia. Así, entre maio de 2020 e abril de 2021 (12 meses) exportouse máis que nos 12 meses anteriores á pandemia (marzo de 2019-febreiro 2020). E é que as exportacións galegas creceron un 147,2% en abril en comparación co mes do confinamento de 2020. É a repunta máis elevada desde o inicio da pandemia, o que se traduce nun "punto de inflexión" na evolución. Supón o dobre que o avance no estado (+71,8%).

Neste informe con datos a data de abril de 2021, elaborado polos profesores da Universidade da Coruña e membros do Foro Económico, Isabel Novo e José Manuel Sánchez, sinala Galicia como unha das comunidades con mellor comportamento, mentres o conxunto do Estado aínda non alcanzou esa plena recuperación (sitúase no 94% dos niveis anteriores á crise).

O estudo apunta ao "extraordinario" comportamento da automoción cun nivel de exportacións ao 150% respecto ao período anterior á crise. A isto súmase a "boa recuperación" do metal e a resiliencia do sector agroalimentario. No outro extremo, o téxtil e os combustibles aínda sofren o impacto da pandemia e aínda queda para volver a índices exportadores pasados.

Os analistas do Foro observan que non se trata dun dato illado, senón que constitúen "unha tendencia" que provoca que Galicia teña unha taxa de converxencia a niveis previos á pandemia máis favorable que o total español.

Exportacións agroalimentarias (arquivo). JLBORT - Arquivo
Exportacións agroalimentarias (arquivo). JLBORT - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta