Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/12/2013 | Actualizada ás 17:38
O persoal de Tragsatec, empresa do Grupo Tragsa, inicia peches na sede que o grupo ten no Polígono do Tambre, en Santiago de Compostela. Serán todas as semanas, de luns a xoves entre as 20:30 e as 8:30, para rexeitar o ERE de extinción.
O persoal de Tragsatec denuncia, deste xeito, unha situación que afectará a 117 persoas en Galicia —8,76 % do total—, de 1.336 en todo o Estado —610 en Tragsatec e 726 en Tragsa—. "Isto significa que de cada cen postos de traballo que se destrúan no grupo, case nove estarán en Galicia", apunta CC.OO. nun comunicado.
Os traballadores afectados serán despedidos cunha indemnización de vinte días por ano traballado ata un máximo de doce mensualidades. A Dirección do grupo abriu o prazo para as adscricións voluntarias ata o 20 de decembro, fixándose o 10 de xaneiro de 2014 como data límite para responder ás solicitudes. A partir dese día, a empresa notificaralle a cada persoa a rescisión do seu contrato.
Ademais do peche, o persoal de Tragsatec manifestárase o vindeiro 10 de decembro diante da sede da Xunta de Galicia, xa que a Administración autonómica é un dos principais clientes do grupo, amais de accionista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.