Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/10/2025 | Actualizada ás 16:01
Os orzamentos da Xunta para 2026 esgotarán o teito de gasto, fixado en 14.177 millóns de euros --un 1,6 % máis que no presente exercicio-- e a Consellería de Facenda atópase "pechando o mapa de incentivos fiscais", coa intención de presentar o proxecto un ano máis "en tempo e forma". Así o sinalou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, despois de reunirse en primeiro lugar con representantes de organizacións sindicais e despois co presidente da patronal.
O primeiro encontro estivo marcado pola ausencia de CIG, o sindicato maioritario en Galicia, que decidiu non acudir ao considerar a convocatoria "unha farsa" que, na súa opinión, non serve para modificar as partidas orzamentarias e pola falta tamén de CC.OO. A responsable de organización de Comisiones, Maica Bouza, indicou --consultada por Europa Press-- que non participaron porque foron convocados o martes e, despois de avisar de que non podían asistir por citas médicas, non obtiveron resposta. Así, viu "falta de respecto institucional".
Unha das dúas representantes de UGT, Ana María Pereira, apuntou que trasladaron ao titular de Facenda a necesidade de que as contas teñan como prioridades a vivenda, o emprego e a dependencia. Pola súa banda, o conselleiro limitouse a asegurar que o proxecto cumprirá a regra de gasto e volverá facerse sen recorrer ao endebedamento, o que leva unha "moderación" no custo dos intereses. A cuestións dos medios de comunicación, tamén afirmou que contemplará "algunha rebaixa fiscal", como a xa adiantada sobre o material escolar, e asegurou estar "a pechar o mapa de incentivos fiscais".
Á marxe disto, referiuse ao cadro macroeconómico que acompaña ás contas, e resaltou que son xa "seis anos de crecemento consecutivo" da economía galega, cunha composición "que se equilibra" e "encaixa ben a crise" a nivel internacional. Tamén celebrou os "bos datos" en canto a creación de emprego e baixada do paro e recalcou que os orzamentos se presentarán "en tempo e forma" a pesar de carecer de información por parte do Goberno central.
"AMIGABLES" COAS EMPRESAS
Pola súa banda, o presidente da confederación de empresarios de Galicia (CEG), Juan Vieites, aplaudiu a "boa orientación" das contas, aínda que reclamou que sexan "amigables" coas empresas en materia fiscal. "Non endebedarse é moi boa noticia", agregou, despois de referirse a a importancia dos fondos europeos 'Next Generation' e aos 150 millóns que, segundo os seus datos, quedan pendentes para 2026.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.