O Ourense non pasa do 0-0 contra nove

O Racing de Santander, tras quedar en inferioridade, desesperou con faltas e perdas de tempo o Ourense, que non foi quen de impoñer o seu xogo no Couto. O árbitro sacou once cartóns amarelos e dous vermellos.

Por gcdeportes | Ourense | 15/12/2013 | Actualizada ás 01:04

Comparte esta noticia

Ficha técnica
CD Ourense:
Manu Táboas; Yosu, Moisés, Portela, Pinillos; Yebra (Álex Fernández, 72’), Iker Alegre (Rubén Arce, 82’), Juan Martínez (Gustavo Souto, 64’), Javi Hernández, Adrián Cruz e Borja Valle.
Real Racing Club: Mario; Francis, Oriol, Agustín, Juanpe; Iñaki, Nieto (Pedro Orfila, 87'), Javi Soria, Rubén Durán (Borja Granero, 45'), Ander Lafuente e Kone.
Sen goles.
Árbitro: Germán Cid Camacho (castelán). Expulsou no Racing por dobre amarela a Agustín (7’ e 37’) e con vermella directa a Koné (62’), que xa recibira antes outra amarela (23’). Tamén houbo cartóns para Rubén Durán, Francis, Iñaki e Oriol nos visitantes. No Ourense, amarelas a Borja Yebra, Portela, Moisés e Javi Hernández.
Incidencias: partido da 18ª xornada de Liga no grupo I da 2ªB no estadio do Couto.

O Racing de Santander rematou con nove, pero aínda así non conseguiu marcar o Ourense. Trala expulsión de Agustín no minuto 37, os visitantes fixeron o partido que lles conviña, trabado, con perdas de tempo e pouco xogo, e os de Luisito non foron quen de facer o seu fútbol. O Racing saiu vivo do Couto, e os ourensáns marcharon con sensación de derrota, por ter deixado escapar dous puntos ante un rival polos postos de promoción.

Principiou o partido co control do Ourense, que se achegaba á meta de Mario. Unha falta lanzada por Yebra u unha ocasión de Javi Hernandez, a quen lle roubaron a pelota, foron as dúas chegadas locais. Pero as mellores ocasións foron do Racing: no 15', Manu Táboas parou un remate coa testa de Oriol nun córner; no 21, un tiro de Ander Lafuente pasou rozando o pau; e no 24’, houbo un rebumbio na área pequena, solventado por Manu Táboas.

No minuto 37, o partido mudou polas bravas. Agustín, por un cobadazo nun salto, recibiu a segunda amarela. O Racing quedaba con dez, e o seu unico obxectivo a partir de aí foi manter o empate. Aínda así, Juanpe, coa testa nun córner, puido facer o 0-1 antes do tempo de lecer.

O Racing meteu a Granero para controlar aínda máis o partido. Os de Luisito tiveron a mellor ocasión no 55', nun córner que Moisés rematou coa testa ao longueiro. Tamén houbo un penalti que pareceu claro sobre Portela nun córner, pero o árbitro non se atreveu a pitalo. Si expulsou a Koné con vermella directa por unha entrada perigosísima a Moisés. Luisito sacou a Gustavo Souto e Álex Fernández, pero o Ourense xogaba a impulsos e non chegaba con claridade á área rival. O Racing non deixaba xogar, e a cada pouco un racinguista quedaba ‘mancado’ no céspede. O Ourense tentábao, pero sen moito tino. Houbo remates de Pinillos e Rubén Arce, pero nada con moito perigo. Ao final, 0-0 e os ourensáns que marcharon coa sensación de ter perdido dous puntos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta