A Xunta inviste 10 millóns de euros para a inserción laboral de 4.000 persoas

Estarán destinadas a asociacións, que deberán garantir a integración do 35% das persoas implicadas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2021 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores unha orde pola cal se destinan máis de 10 millóns a unha nova edición dos programas integrados de emprego, que acompañarán este ano a case 4.000 desempregados na procura dun posto de traballo e na adquisición dunha mellor formación.

En concreto, esta liña, dotada con 10.080.000 euros a cargo dos fondos finalistas do estado, activa un total de 40 programas dirixidos cada un a 100 parados coa meta de potenciar a súa inclusión laboral. A convocatoria está orientada a entidades locais, soas ou agrupadas, e a organizacións con personalidade xurídica sen ánimo de lucro.

Serán elas as que planifiquen os seus plans, que deben garantir, como mínimo, a inserción laboral do 35% dos participantes nas formacións. O Goberno galego pon o seu foco, como parte prioritaria, nas persoas en risco de exclusión social, vítimas de violencia machista, menores de 30 anos, maiores de 45, persoas con discapacidade ou inmigrantes.

A orde reserva 2 millóns para abastecer a programas dirixidos en exclusiva ás mulleres desempregadas, co obxectivo de que reciban atención específica que lles permita entrar no mercado de traballo.

Unha oficinal do SEPE (antigo INEM), en Madrid (España), a 15 de marzo de 2021.. Eduardo Parra - Europa Press
Unha oficinal do SEPE (antigo INEM), en Madrid (España), a 15 de marzo de 2021.. Eduardo Parra - Europa Press

AXUDAS PARA AFECCIONADOS

Na mesma xornada deuse a coñecer que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade convoca unha nova liña de axudas, dotada con 50.000 euros, para a realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle este mércores a nova subvención da que se poderán beneficiar institucións sen fins de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, tal e como informou Cultura nun comunicado.

Apoiaranse propostas que teñan unha duración mínima de dous días consecutivos e un máximo de seis, e que como mínimo destinen un 30% do total das actuacións artísticas a cargo de grupos e ou compañías galegas. Ademais, as actividades deberán ser gratuítas para o público, entre outros requisitos.

As axudas convócanse en réxime de concorrencia competitiva e a axuda máxima por beneficiario será de 6.000 euros --que poderá ascender os 7.500 euros cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais--.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta