Alba de Groria

Bos días Galicia, benvidos á sintonía da Radio Galega.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 23/07/2021

Comparte esta noticia
Hoxe vai ser o día máis caloroso de xullo deste ano, con máximas que se aproximan aos 36 graos, rematando así co contraste das altas temperaturas dos nosos veciños do sur e leste, aínda que sen chegar ás súas máximas de máis de corenta.  Nada comparado coas inundacións de Alemaña e o Benelux, ainda que se agardan chuvascos para o resto da semana. 
 
Namentres o coronavirus non dá tregua, coa incidencia xa a niveis de febreiro por mor da variante Delta. O voceiro do comité de expertos independentes do Servizo Nacional de Saúde, Xoán Cerdeira, insistiu na precaución e nas medidas de distanciamento social, se ben o noso país está nos niveis de vacinación máis altos da Unión Europea. 
 
O fin de curso político coincide, como é tradición, coas celebracións previas ao Día Nacional, este ano coa particularidade de ser un ano xacobeo en pandemia. Nestes días nos que os señores deputados se aprestan a abandonar por unhas semanas a colina do Gaiás, a Compostela política apura os días antes de tomar praza en Portonovo, ou, como di a crónica social Raxoi-do-Mar, o centro do debate político é o Plan de Recuperación.  
 
Antes de mudar para os seu campamento de verán en Baiona, a Galicia empresarial xuntouse coa académica e parte da política na tradicional reunión de Casal de Armán de Ribadavia do Foro Económico de Galicia. Evidenciouse de novo a fonda discrepancia entre os que piden o uso deses fondos para manter o noso sistema educativo entre os primeiros da OCDE e combater o cambio climático para evitar dramas coma os de Centroeuropa.   
 
Outros decántanse por usar esta oportunidade para mellorar as nosas infraestruturas. Antón Remonde, presidente da Federación Empresarial Galega, insistiu na necesidade de dotar a Galicia dun Tren de Alta Velocidade como xa ocorre en Francia ou Xapón.  
 
Sen embargo Brandán Ferro, da Conferencia Intersindical, amosouse partidario de avanzar na modernización do sector produtivo para que a masa laboral non sexa a que pague o custe da Transición Xusta, como é o caso da alúmina e a celulosa.  O coordinador da área metropolitana das Rías Baixas, Miguel Cabaleiro, insistiu pola contra que é necesario modernizar dunha vez o ten metropolitano sobre todo eixo Tui-Porriño-as Neves, e esixiu o mesmo tratamento cá modernización da liña Santiago-Lugo, xa iniciada.   
 
O presidente do Foro, o Catedrático Santiago Loureiro, incidiu pola contra que hai reformas que non precisan de fondos senón de vontade política: mencionou a sempre adiada reforma das pensións, pero tamén unha mellor regulación do rural, para evitar os ben coñecidos casos que os habitantes das aldea do interior vense obrigados a vender as súas casas de arquitectura tradicional pola forte demanda da Galicia urbana sobre o rural, sobre todo para adquirir segundas residencias.  
 
O destino deses fondos e grandes proxectos conxuntos debaterase tamén na próxima cimeira bilateral lusogalaica, que seguindo a tradición celebrarase este ano no lado portugués, concretamente na illa de Funchal. O Presidente galego, Brión Cernadas, será acollido previamente en visita privada polo seu homólogo luso Marcelo Rebelo de Sousa para logo abrir o seminario de verán da USC a Universidade de Coimbra sobre os populismos. O comunicado do servizo de Presidencia non o menciona, obviamente, pero a preocupación de ámbolos líderes é a colaboración existente entre o Chega! Portugués e o seu case homónimo no parlamento galego.  
 
En Funchal tamén se evidenciará o estado de saúde da coalición de goberno minoritario. A Primeira Ministra Uxía Fortes deberá decidir se pospón a crise de goberno ata despois do verán ou se vai dar a sorpresa nos próximos días. As tensións entre os galeguistas e os socialdemócratas son máis que evidentes e a oposición liberal, co apoio táctico da fronte nacional popular e os populistas do Chegz!  evidencia o crecente fragmentación do noso sistema político. Como veu dicir o editorial d´A Nosa Terra de hoxe, os tempos nos que a Fortes se lle chamaba a Merkel Galega son ben pasados.  
 
Mais novas: As fragatas “Independencia” e “Liberdade” arribaron esta madrugada ao porto de Marín tras cumprir cos nosos compromisos internacionais na seguridade no Océano Índico.  O almirante da Mariña Galega, Roi de Castro, amosou a satisfacción polo deber cumprido nesta terceira misión para asegurar a liberdade de navegación. 
 
No eido cultural, e a diferencia do ano pasado, o coronavirus aperta pero non afoga os festivais do verán galego. Tanto Ortigueira coma o Festival de Cans decidiron ir adiante, aproveitando o aire libre e aforos máis reducidos.  Se ben o Festival de Cans non coincidirá este ano co festival de Cannes, o Novo Cinema Galego volveu ser un éxito de público e crítica, se ben nin “Rosalía” nin a máis comercial “Cuñados” trouxeron nesta edición un galardón para Galicia.   
 
Seguindo cos novas de sociedade, no telexornal da G1 de mediodía entrevistará un grupo de estudantes españois que veñen facer cursos de verán en galego antes de que comece o ano académico. Se ben se estes estudantes terán a maioría das clases en inglés, existe unha crecente tendencia a escoller esa clases de cursos para familiarizarse coa nosa lingua e cultura, e, como non, desfrutar da animada vida compostelana antes de que comecen as esixencias do noso modelo educativo. Xa saben, hoxe ás 12.30. 
 
No eido de deportes, segue a polémica na prensa deportiva sobre as consecuencias do mal desempeño da selección galega na Eurocopa deste ano. Seguen a producirse en redes sociais campañas que esixen a dimisión de Alberte Vázquez trala derrota en oitavos dos albicelestes pola selección francesa. En todo caso, a pretempada e o mercado de verán botan fume, con potenciais traspasos de Nando do Compos cara o PSG e a posible chegada de Boulaya do Metz para o Celta. No Depor todo se fía ao que diga o patrón Amancio Regueira nos próximos días.  
 
Isto é todo polo boletín da primeira hora. Xa saben que teñen boletíns horarios da Radio Galegas a as novas en continuo no G24 e na nosa web. Lembren que en breve comeza o a tertulia do G24, hoxe Xan Guindán e Miguel Rodrigues entrevistan a Antón Gago, novo premio nacional de narrativa e todo un fenómen de ventas e crítica coa súa triloxía real e máxica sobre os celtas galegos e Xaquín Sabarís, recente Premio Nacional de Ensaio sobre ese mesmo asunto.   
 
Nós volvemos ás 12 coas novas da hora do xantar. Ata daquela, que teñan un bo día. 
 

Unha das imaxes de Castelao.. REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES
Unha das imaxes de Castelao.. REAL ACADEMIA GALEGA DE BELAS ARTES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos