Proxectan unha rede social para conectar a comunidade neofalante

Será parte dun traballo da Facultade de Ciencias da Comunicación en colaboración con Política Lingüística para analizar por que se produce este salto ao galego por parte de persoas que tiveron o castelán como lingua materna.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2021 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

O fenómeno neofalante, xa tratado por Galicia Confidencial, segue xerando interese público. Á atención colleitada da man da sociedade --retratada, sobre todo, nas redes sociais-- vén de seguir a comunidade investigadora. A USC anuncia que desenvolverá un proxecto para estudar que leva á rapazada castelanfalante a recuperar a lingua galega para o seu uso diario e non só litúrxico, como podería quedar de cumprirse as malas predicións do Consello de Europa.

Estudante cun teléfono móbil e un ordenador
Estudante cun teléfono móbil e un ordenador | Fonte: Santi Alvite

O estudo deste fenómeno será desenvolto polo grupo de investigación Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación en colaboración coa Xunta de Galicia. Segundo apuntan dende a institución compostelá, o traballo pasará por analizar ese proceso de incorporación ao uso do galego por parte das persoas que tiveron o castelán como primeira lingua. 

Neste senso, destacan, a proposta inicial --que podería ser modificada-- inclúe a elaboración dun portal web e o aproveitamento de aplicacións sociais para implicar a colectivos que optaron por incorporar a lingua galega nas súas interaccións cotiás. Así, Novos Medios procederá a deseñar o sitio web para logo traballar nunha ferramenta interactiva que funcionará como rede social da comunidade neofalante para desenvolver lazos entre esas persoas que optaron por dar o salto ao galego. 

DIMENSIÓN EMPRESARIAL

“A web servirá tamén como fío de contacto entre distintos sectores que empregan a lingua galega para facer negocio, polo que se creará unha área empresarial específica destinada a conectar a responsables de empresas ou persoas interesadas en crear negocios e a servir de enlace entre estes, en distintos países, a través da lingua galega”, destacan dende a universidade. O proxecto arrincará este ano e perdurará ata 2023.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Farían ben en analizar os motivos que levaron á xente a deixar morrer a rede social Cabozo Seguramente atoparían nesta análise algúns motivos dignos de ter en conta á hora de lanzar a nova rede... // https://cabozo.com/index.html