Feijóo denuncia o modelo "convulso" catalán fronte a "estabilidade" galega

Destaca que o país é, agora, un "país atractivo" para os inversores extranxeiros que mercan as empresas galegas como Pemex ou Banesco e defende a súa política social. "Temos logrado que o estado do benestar estea intacto", presume.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/12/2013 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

A situación política de Catalunya serviulle de excusa ao presidente da Xunta para pasar por alto a grave crise que padece o país. De feito, Alberto Núñez Feijóo, comparou a "estabilidade social e política" que vive Galicia coas "aventuras que levan a outras comunidades á división e á incerteza", en alusión a Catalunya.

Feijóo na tradicional mensaxe de fin de ano
Feijóo na tradicional mensaxe de fin de ano | Fonte: Xunta

Na súa tradicional mensaxe de Nadal, Feijóo criticou á Generalitat por "crear fendas artificiais, agravios fantasmagóricos e obxectivos imposibles". "Crear frustración non é o obxectivo da política democrática. Xerar identidades excluíntes, conduce a enfrontamentos que poden tardar en cicatrizar. Fronte a ese modelo convulso, os galegos seguimos outro tranquilo", suliñou.

E é que para Feijóo, o modelo galego é o da "estabilidade". "A nosa identidade é tan forte como calquera, pero non precisa inventar inimigos, nin erguer fronteiras, nin fomentar o illamento", apuntou. E é que para o presidente galego, "España é unha patria común e solidaria, e Europa un marco de convivencia compartido".

"Non receamos dos veciños, senón que sempre vemos neles aliados cos que unir esforzos. Galicia, en definitiva, é responsable e fiable", engadiu.

Galicia, atractiva para Pemex ou Banesco

O presidente galego insistiu no traballo que fixo para Galicia sexa, segundo dixo, "unha das comunidades autónomas máis atractivas para investimentos foráneos". Referírese a compra de NGB pola venezolana Banesco ou as promesas --aínda non cumplidas-- da méxicana Pemex de realizar varios floteis no pais. "A chegada de investidores aos sectores máis diversos, dende o naval ata a banca, é unha mostra de que emprendedores e multinacionais importantes queren iniciar unha andaina con nós. Confían na nosa capacidade, na nosa calidade humana e profesional", apuntou.

Por iso, presumiu de "recuperación" e do "deber cumprido" e destacou a defensa do servizos públicos durante o seu executivo.

Máis servizos públicos

"Temos logrado que o substancial da Autonomía do benestar estea intacto, e todos os galegos poden ter confianza plena na solvencia e na continuidade dos Servizos Públicos", apuntou.

Feijóo di que "non ignora" eses "dramas que están ao noso redor". "Cómpre dar respostas que non sexan efémeras, que permitan robustecer a sociedade e a economía, que garantan a continuidade desa idea común que chamamos Galicia", engadiu.

Sen embargo, defendeu as medidas postas en marcha estes anos. "Estámolo facendo con decisións que son moi semellantes ás que teñen que adoptar moitos pais e nais de familia", dixo.

Feijóo elexiu o Centro de Transfusión de Sangue de Galicia para a súa mensaxe de Nadal. Un escenario no que presumiu, ademais, de solidariedade. Esta é a súa mensaxe de fin de ano íntegra:

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2013

Boas tardes.

Estamos no Centro de Transfusión de Galicia, no mesmo lugar onde a noite do 24 de xullo, miles de galegos responderon ante a maior catástrofe da nosa historia cun exemplo e o fixeron dunha forma da que nos sentimos orgullosos. 

Quero que as primeiras palabras sexan de recordo para as persoas falecidas na traxedia de Angrois, de alento para as súas familias nestas datas tan sinaladas. 

Pero quero tamén acordarme das galegas e dos galegos que aquela noite se achegaron ata aquí para doar o sangue que necesitaban os feridos, así como de todos os que dun ou doutro xeito colaboraron, axudaron, ou cumpriron co seu deber de socorrer aos afectados. Aquela fatídica noite vimos unha Galicia a disposición de Galicia.

A miña presenza aquí é unha maneira de renderlle homenaxe a todos os que, dende este mesmo lugar, demostraron que o noso é un pobo solidario e un pobo unido. Grazas de todo corazón. 

Galicia amosouse, coma sempre o fixo nos momentos difíciles, como unha familia grande que camiña xunta dende tempo inmemorial, e quere manterse xunta no futuro. Sabemos de onde viñemos, sabemos onde estamos e sabemos a onde imos.

Nestes días de xuntanza, os galegos temos a sorte de congregar en torno á mesma mesa diferentes xeracións. Ninguén máis apto que os nosos maiores para lembrarnos que ningún tempo pasado foi mellor. As súas lembranzas axudan a entender con perspectiva a encrucillada na que se atopa o noso país. É unha situación difícil que esixe esforzos e sacrificios. Mais aló das estatísticas, a crise afecta a persoas que ven en perigo as súas posibilidades, en risco o seu proxecto vital. 

Quen ten responsabilidades públicas nin pode ignorar eses dramas que están ao noso redor, nin pode enganar a xente afirmando que as solucións son simples. Non o son. 

Cómpre dar respostas que non sexan efémeras, que permitan robustecer a sociedade e a economía, que garantan a continuidade desa idea común que chamamos Galicia. 

A gran diferenza entre estas turbulencias e as que tiveron que padecer os que nos precederon, é que a nosa terra non está soa, nin carece de ferramentas propias para erguerse de novo. Formamos parte dun mundo que soubo conciliar liberdade e desenvolvemento. Compartimos con ese mundo desafíos, inquedanzas e medidas destinadas a preservar un modelo de vida que queremos para nós e para os que nos han de suceder. 

Preservalo non é posible co inmobilismo. Todo o que conseguimos na democracia pode morrer se non somos quen de axustalo ás novas necesidades. Estámolo facendo con decisións que son moi semellantes ás que teñen que adoptar moitos pais e nais de familia. 

A súa responsabilidade non lles permite negar teimosamente os problemas ou pospoñer temerariamente as solucións. A nosa, tampouco. Eles queren para os seus o mellor dentro das condicións que veñen impostas pola realidade. Nós, tamén.

En vésperas da chegada do novo ano, este Centro de Transfusión de Galicia, que xustamente este ano 2013 cumpriu o seu 20 aniversario, é exemplo dun modelo público de benestar en pé dende hai moito tempo e que, malia a crise, estamos sendo capaces de manter e de mellorar. 

Ademais diso, o noso país ofrece unha estabilidade social e política que contrasta con aventuras que levan a outras comunidades á división e á incerteza. Para a nosa idiosincrasia, non é doado entender que as institucións sirvan para crear fendas artificiais, agravios fantasmagóricos e obxectivos imposibles.

Crear frustración non é o obxectivo da política democrática. Xerar identidades excluíntes, conduce a enfrontamentos que poden tardar en cicatrizar. Fronte a ese modelo convulso, os galegos seguimos outro tranquilo. A nosa identidade é tan forte como calquera, pero non precisa inventar inimigos, nin erguer fronteiras, nin fomentar o illamento. Vemos en España unha patria común e solidaria, e en Europa un marco de convivencia compartido. 

Non receamos dos veciños, senón que sempre vemos neles aliados cos que unir esforzos. Galicia, en definitiva, é responsable e fiable.

Así o ven aqueles que nos últimos tempos decidiron compartir con nós a súa enerxía. Galicia é unha das comunidades autónomas máis atractivas para investimentos foráneos. A chegada de investidores aos sectores máis diversos, dende o naval ata a banca, é unha mostra de que emprendedores e multinacionais importantes queren iniciar unha andaina con nós. Confían na nosa capacidade, na nosa calidade humana e profesional. 

Certamente, non creo que sexa casual que boa parte deses capitais proceda de nacións onde a nosa xente sementou un prestixio que poucos outros pobos teñen. Saben como somos e cren en nós e nas nosas capacidades. 

Galicia está no mundo e o mundo está en Galicia. Cumprimos así un dos requisitos fundamentais para iniciar a fase da recuperación. Ese recoñecemento internacional certifica que a sociedade galega está facendo ben as cousas. 

Esa aposta por nós de compañías habituadas a avaliar con precisión as posibilidades dun territorio, evidencia que estamos no bo camiño. Os esforzos non son estériles. 

Dicir a verdade é o primeiro mandamento dun gobernante. Cando Galicia iniciou a súa ofensiva contra a crise, o diagnóstico non admitía paliativos: estabamos nunha situación de emerxencia. Negalo entón era irresponsable. Negar agora que se albisca un novo horizonte, é abonarse a un pesimismo que en nada axuda a reiniciar a senda do crecemento. Europa, España e Galicia están saíndo pouco a pouco da súa convalecencia. Hai que dicilo con tanta prudencia como convicción.

Dicíalles que falarlles dende este Centro de Transfusión é unha maneira de render homenaxe á nosa solidariedade. Ningún galego é alleo para outro galego. Existe entre nós un vencello que nin sequera pode romper a distancia, como o demostra o feito de que Galicia sexa algo presente e vivo na emigración. 

O que nos identifica é a capacidade para arroupar o compatriota en dificultades, para socorrer o que precisa da nosa axuda. Non somos un país por estar xuntos, senón por facermos cousas xuntos e axuntarnos fronte á adversidade.

O mundo ollou admirado a reacción dos galegos diante da catástrofe ferroviaria de Angrois. Aquelas xornadas quedaron xa inscritas para sempre na nosa historia. Nos lugares máis afastados do mundo, millóns de persoas sentiron que aqueles homes e mulleres que rescataban, coidaban ou consolaban, estaban representando o  mellor do xénero humano. Cómpre conservar ese espírito e facer del a nosa divisa. Eu penso que os galegos somos así e queremos seguir sendo así.

Con ese desexo, expreso a miña felicitación a todos. Somos un gran pobo que vén de lonxe e quere ir lonxe. Confiemos en nós. Miremos o futuro con decisión. 

Deséxolles boas festas e un 2014 que dea resposta a todas as nosas esperanzas. 

Moitas grazas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 21 comentarios

7 Establefeijoomente

Estabilidade galega. Supoño que se nos conformamos cunha pobreza estable para nunca xamais entón si.

6 Ana

Si, pero os xovenes galegos seguen a emigrar, entre outros sitios, a Catalunya. Catalunya e unha nacion industrializada, con boas infraestructuras e con unha poboacion orgullosa da sua lingua propia. O pobo catalan non é sumiso nin conformista, e neste momento estan a defender algo tan importante como é o "dereito a decidir".

5 Rayleigh

Bah bah...circulen. Que facedes opinando sobre Feijoo ? Falade do que realmente interesa os galegos: Se ANOVA e o BNG van xuntos ou revoltos nas europeas. Algo moitísimo máis interesante e que se ve, elección tras elección, que é o que de verdade apasiona os galegos. Anda...non molestedes ó PP!!

1 r2d2

que non volte a ferula dictatorial o nacionalismo!o AGE ataca, o AGE insulta, o AGE minte, o AGE envelena o parlamento, o AGE nos toma o pelo, o AGE recibe cartos publicos, o AGE aspira a gobernar dictatorialmente (vieiras).... XA NON SE PODEN TOMAR A BROMA AS ACECHANZAS E XOGOS FLORAIS DO AGE, o acaso e que gustaron os contos viquingos de calvito e cia. E que decir das ultimas ameazas a siciliana contra parlamentarios elexidos democraticamente.

4 Manola de Ourense

Alberto: Deíxate de soltar disparates

3 José

Fala da Catalunya porque sabe que ele aqui ten os dias contados e antes ou despois (eu espero que antes) os partidos nacionais galegos tornarão o PP um partido absolutamente irrelevante na Galiza. Tenta fazer prevenção pensando que os galegos são parvos...