Reforma do sistema de pensións: a sustentabilidade

A reforma do sistema de pensións que está por vir pretende asegurar a sustentabilidade do actual sistema de reparto no que a xeración en idade de traballar paga as pensións dos reformados. Tal como estes pagaron as pensións da xeración previa e tal como a xeración actual espera que os que están por vir soporten as súas. Coa reforma, o sistema pasará de ser un de prestación definida –dado un historial de cotización, a pensión á cal esta da dereito está perfectamente definida- a un de contribución definida –o que toca cotizar está claro, mais a prestación á que da dereito ha depender das circunstancias demográficas e económicas.

Por Fernando del Río | Santiago de Compostela | 02/01/2014

Comparte esta noticia
O obxectivo desta transformación do sistema de pensións é garantir a súa solvencia. O actual de prestación definida non pode garantila dado que en determinado momento as obrigas adquiridas poden ultrapasar os recursos dispoñíbeis. Porén, un sistema de contribución definida adapta as prestacións en cada momento aos recursos dispoñíbeis.
 
Dadas as previsións demográficas a medio prazo a insolvencia do actual sistema de pensións xa é case unha realidade. Por un lado, a esperanza de vida dos reformados está a aumentar e hai que pagarlle unha pensión a unha persoa cada vez mais tempo. Por outro lado, a taxa de substitución é moi baixa e previsibelmente decrecente xa que cada vez entra mais xente con dereito a maiores pensións no pool de reformados en relación á que entra no pool de cotizantes.  Estes dous factores demográficos tradúcense en que a taxa de dependencia, o cociente pensionistas sobre cotizantes, non deixe de aumentar.  
 
Para realizar a transformación dun sistema de prestación definida a un de contribución definida estanse a manexar dúas ferramentas:  o Factor de Sustentabilidade e o Índice de Revalorización do Sistema de Pensións. Por suposto, a reforma que se faga do actual sistema de pensións debería non só esforzarse en garantir a súa solvencia mais tamén en corrixir certas iniquidades que salpican o sistema de pensións español. Mais esta é unha cuestión que non pretendo tratar nestas liñas.
 
O Factor de Sustentabilidade axusta a pensión inicial dun individuo en función da esperanza de vida da súa xeración de xeito que o fluxo das pensións recibido por dous individuos de diferentes xeracións con distinta esperanza de vida teña o mesmo valor esperado presente. Por tanto, na medida en que o esperábel no medio prazo é un incremento gradual da esperanza de vida, este factor introduce nun futuro previsíbel un  elemento de corrección á baixa das futuras pensións.
De acordo co Índice de Revalorización do Sistema de Pensións  estas hanse revalorizar coa intención de cadrar o gasto en pensións cos ingresos estruturais do sistema –é dicir, aqueles que se darían nunha situación chamada de pleno emprego e corrixidos, por tanto, de circunstancias cíclicas. Para que así non se produza un substancial desfase entre a evolución de gastos e ingresos Na medida en que a medio prazo o previsíbel é que o número de pensionistas se incremente a un ritmo maior que o de cotizantes entón debemos comezar a afacernos a que as pensións se revaloricen por debaixo da inflación durante un prolongado período de tempo.
Por tanto, si. Se vostede tiña o temor de que a reforma do sistema de pensións ía ir en prexuízo da súa xenerosidade estaba no certo. Mais non hai outra. Se o que se quere é garantir a solvencia do actual sistema entón unha reforma deste tipo é absolutamente precisa. A non ser que o que se pretenda é un forte incremento  das cotizacións sociais e/ou da porcentaxe de impostos destinados a sufragar os custos crecentes do sistema. Un aumento das cotizacións sociais sería o último cravo do ataúde para o emprego e os asalariados neste país, así que prefiro non seguir por esta vía. Aumentar a porcentaxe de impostos destinados a soster o sistema de pensións implicaría ben subilos –e se xa as taxas impositivas españolas son disparatadas, non quero nin contarlle a onde nos levaría- ou ben recortar noutros usos –e por aquí non parece haber moita marxe, a non ser que se reduzan os gastos en educación ou sanidade.  
 
Mais, como sempre, hai alternativas. Non desespere. Pódese reformar o modelo ou mudar de modelo. Hai outras posibilidades. E non son entelequias. Con maior ou menor suceso téñense implementado noutros países. Mais isto deixámolo, se lle parece, para un próximo artigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fernando del Río (Ordes, 1968) Licenciado en Economía e Máster en Comercio Exterior pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente é Profesor Titular de Universidade na Universidade de Santiago de Compostela. Previamente foi axudante na Universidade Carlos III de Madrid, profesor visitante na Universidade de Vigo e investigador do CEPREMAP (París). As súas áreas de investigación de interese son a Macroeconomía Dinámica e o Crecemento Económico. Ten artigos de investigación publicados en prestixiosas revistas académicas internacionais tais como o Journal of Economic Theory, Journal of Development Economics ou Oxford Economic Papers. Membro da Executiva Nacional de Converxencia 21 e Presidente da Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia (GALIDEM).