Sistemas de pensións: Beveridge vs. Bismarck

Os sistemas de reparto –aqueles nos que a xeración en idade de traballar paga as pensións dos reformados- divídense en dous tipos: sistemas Beveridge e sistemas Bismarck. Actualmente, os sistemas de pensións dos países anglo-saxóns están mais perto do paradigma Beveridge mentres que os de Europa continental, incluída España, están mais perto do Bismarck.

Por Fernando del Río | Compostela | 23/01/2014

Comparte esta noticia

Un sistema Bismarck é un sistema contributivo no que a pensión dun reformado é proporcional á súa cotización. O nome débello ao Canciller prusiano Otto von Bismarck, artífice da unificación alemá, quen a finais do século XIX implementou un pioneiro sistema de pensións. Un sistema Beveridge é un sistema non contributivo no que todos os reformados reciben unha pensión mínima financiada principalmente con impostos xerais do Estado. Willian Beveridge foi Catedrático de Economía en Oxford, primeiro representante do Partido Liberal na Cámara dos Comúns e logo, unha vez nomeado Barón de Tugall pola raíña, cabeza do grupo liberal na Cámara dos Lores. El elaborou o famoso informe de 1942 que sentou as bases do actual sistema de seguranza social británico.

Un sistema Beveridge permite manter o gasto en pensións en porcentaxe do PIB dentro dunhas marxes aceptábeis, o que por suposto implica manter acoutada a presión impositiva, a cal, ademais, non recae exclusivamente nas rendas salariais. Permítaseme, para ilustrar esta afirmación, dar a porcentaxe de gasto público en pensións en termos do PIB para un puñado de países no ano 2012. Australia (3.5%), Canada (4.5%), Reino Unido (6.2%) e Estados Unidos (6.8%) con sistemas de inspiración Beveridge. Francia (13.7%), Alemaña (11.3%), Italia (15.4%) e España (9.3%) con sistemas de aroma Bismarck. A media da OCDE era do 7.8% no 2012.

No longo prazo, un sistema Beveridge posúe o potencial de reducir o gasto en pensións a unha diminuta porcentaxe do PIB. Nun sistema Beveridge, a pensión debe axustarse anualmente en función da taxa de inflación para manter o seu poder adquisitivo, co cal a evolución do gasto en pensións en porcentaxe do PIB será igual á taxa de variación da taxa de dependencia (cociente entre reformados e cotizantes) menos a taxa de crecemento da produtividade. A longo prazo, a taxa de crecemento da produtividade normalmente será positiva mentres que a variación da taxa de dependencia tenderá a ser cero. Así, a porcentaxe do gasto en pensións en termos do PIB non deixará de reducirse. Eventualmente tendendo a cero.

No longo prazo, nun sistema Bismarck o gasto en pensións en porcentaxe do PIB tende a ser constante e determinado en última instancia pola taxa de dependencia e a xenerosidade da pensión media. Nun sistema Bismarck as pensións son proporcionais a cotización e salarios e crecen entón ao seu mesmo ritmo ( aproximadamente igual á taxa de crecemento da produtividade mais a taxa de inflación). Consecuentemente, a cotización media e a pensión media varían aproximadamente ao mesmo ritmo e, por tanto, a taxa de variación do gasto en pensións en porcentaxe do PIB é igual á taxa de variación da taxa de dependencia. Xa que a longo prazo a taxa de variación da taxa de dependencia tenderá a ser cero entón o gasto en pensións en porcentaxe do PIB tende a ser constante.

Por tanto, un sistema Beveridge permite ter un seguro social para as persoas de idade avanzada sen supor unha pesada lousa para os contribuíntes. Mesmo, ignorando cuestións conxunturais, o peso no longo prazo pode tornar nimio. A ameaza que pode sufrir o sistema de pensións Beveridge é que a presión política dos reformados inste aos gobernantes a subir as pensións por riba da taxa de inflación. Por iso, o sistema debería dotarse dun deseño institucional que minimice este risco establecendo algún tipo de regra fixa que impida unha revalorización das pensións por riba da inflación. Mais, como lle di Joe E. Brown a Tony Curtis en “Some Like It Hot”: ninguén é perfecto.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fernando del Río (Ordes, 1968) Licenciado en Economía e Máster en Comercio Exterior pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente é Profesor Titular de Universidade na Universidade de Santiago de Compostela. Previamente foi axudante na Universidade Carlos III de Madrid, profesor visitante na Universidade de Vigo e investigador do CEPREMAP (París). As súas áreas de investigación de interese son a Macroeconomía Dinámica e o Crecemento Económico. Ten artigos de investigación publicados en prestixiosas revistas académicas internacionais tais como o Journal of Economic Theory, Journal of Development Economics ou Oxford Economic Papers. Membro da Executiva Nacional de Converxencia 21 e Presidente da Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia (GALIDEM).