Celanova sae a camiñar para defender os seus BIC dun novo parque eólico

Convocan unha andaina popular contra un "polígono" de aeroxeradores situado a só 3 km do centro histórico.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Continúan as mobilizacións contra o actual modelo de implantación de eólicos en Galicia. Desta vez, a contestación social emerxe do concello ourensán de Celanova, onde a plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova vén de convocar unha marcha popular para protestar contra o proxecto dun “polígono” de muíños de vento que estarían situados a tan só tres quilómetros do centro histórico da localidade.

Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva
Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva

A escasa distancia que separaría o proxecto achegado á Xunta pola promotora da vila faría que as torres aeroxeradoras foran visibles “desde toda a comarca”. A plataforma convocante incide en que a afección visual tamén afectaría a “calquera dos elementos BIC que alberga o termo municipal”, incorrendo un prexuízo “notábel” para a paisaxe e que, a ollos da mesma fonte, supoñería “unha vulneración flagrante das Directrices da Paisaxe e do Convenio Europeo da Paisaxe”.

Para opoñerse ao proxecto en cuestión, a plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova vén de convocar unha andaina popular “en defensa da auga, a paisaxe e o patrimonio da Casa da Neve”, un dos emprazamentos sobre os que a sombra dos eólicos pende con maior densidade. 

ACÚIFEROS AMEAZADOS

O traxecto decorrerá dende a Praza Maior do concello ata o propio Monte da Casa da Neve. O percorrido ten unha duración estimada de entre unha hora e media e unha e 45 minutos e, de acordo coa plataforma, trátase dun sendeiro de dificultade media, razón pola que insisten na necesidade de portar auga e vestimenta adecuada. O roteiro pasará pola zona dos Pozos da Lagoa, un emprazamento que, de acordo coas mesmas fontes, resultaría afectado nos seus acuíferos polo proxecto tramitado por BayWa R.E., de orixe alemá.

A plataforma convida á participación veciñal na mobilización e recorda que “non é preciso anotarse para participar na Marcha”, que estará adaptada no “seu desenvolvemento ás medidas sanitarias e de seguridade en vigor na data”. Aínda con todo, os interesados en adiantar a súa presenza na marcha poden facelo seguindo este enlace.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 coelerno

1. A emerxencia climática NON se combate inzando o territorio de enormes máquinas de aproveitamento eólico que teñen como único FIN encher os petos dos accionistas das grandes corporacións enerxéticas. 2. A proliferación SEN CONTROL de aeroxeradores vai na dirección oposta á que debe ser unha transición ecolóxica xusta e verdadeiramente sustentábel. 3. Destruír territorio, agredir fauna e flora, atacar á saúde das persoas, expulsar poboación do rural, secar acuíferos, eliminar patrimonio e posibilidades de desenvolvemento alternativas NON contribúe a esa transición ecolóxica, é simplemente un lavado-verde para prorrogar até o colapso o modelo de consumo enerxético actual. SALVEMOS CELANOVA, SALVEMOS VEREA, BANDE, MUÍÑOS, CALVOS, O XURÉS E TODA ESTA TERRA QUE PRETENDEN CONVERTER EN TERRA DE SACRIFICIO... e nós con ela.

1 Gamela

O sacrificio xa comezou e nós seguimos pensando que imos salvarnos da queima ? https://twitter.com/00Gamela/status...