Por BNGRibeira (http://bng-ribeira.gal) | GC ABERTO | 24/01/2014
O portavoz do BNG en Ribeira Xosé Antonio Vázquez Cobas, Alexandre Ríos responsable de xuventude e o concelleiro Luís Pérez, compareceron en rolda de prensa para denunciar o malgasto de cartos públicos que o goberno do PP en Ribeira está a facer.
Destacan o malgasto de 14.000€ nunha revista de propaganda que Partido Popular fixo chegar ás vivendas dos habitantes do municipio. Afirman que se fixo de costas aos grupos políticos que forman parte do Concello e, polo tanto, non teñen nada que ver con esa publicación.
Por coherencia e para amosaren o seu rexeitamento, devolvéronlle a revista ao alcalde, Manuel Ruiz Rivas.
Tanto Vázquez Cobas como Luís Pérez, debullaron outros despilfarros como os máis de 10.000€ en teléfono da Alcaldía ou os escandalosos gastos en publicidade e protocolo.
Lembran como subiron as taxas e impostos municipais un 5% en dous anos e contrapoñen iso aos 7.000€ para novas adquisicións da biblioteca, á redución de 7.000€ en servizos sociais, 2.000€ menos á Unidade de drogodependencias (UAD), ou a baixada de 2.000€ da Oficina de Municipal de Información ao Consumidor (OMIC).
Ribeira ten máis de 2.000 desempregados/as e que desde 2010 tiveron que emigrar 1915 persoas do concello, dos cales una maior parte eran mozos e mozas.
"Mentres o goberno do PP en Ribeira gasta cartos na súa propia publicidade e máis de700.000€ de xeito opaco sen que se saiba o destino destes cartos, seguimos carecendo de plan de emprego, plan de dinamización e axuda ao pequeno comercio ou plan de dinamización hostaleira" aputaron.
Finalizan dicindo que seguirán loitando para rematar co malgasto de cartos públicos para que se invistan en partidas realmente necesarias así como en servizos públicos esenciais tales como sanidade, dependencia ou ensino.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.