O Sergas abrirá "nos próximos días" a posibilidade de pedir cita presencial en atención primaria

Era unha das reclamacións que tiña feito a oposición desde hai semanas que acusa ao Goberno galego de fomentar a sanidade privada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2021 | Actualizada ás 11:14

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) abrirá "nos próximos días" a posibilidade de que os pacientes concerten cita presencial para o seu médico de cabeceira en atención primaria.

O anuncio foi efectuado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na súa quenda de resposta á portavoz do BNG, Ana Pontón, durante a sesión de control do primeiro pleno do curso político na Cámara autonómica.

Tras ser apelado pola líder nacionalista a concretar cando se recuperarán as citas presenciais en atención primaria, Núñez Feijóo sinalou que será "nos próximos días" cando os galegos poderán pedir unha consulta física co seu médico de cabeceira a través do teléfono ou a páxina web do Sergas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control do Parlamento de Galicia. DAVID CABEZÓN / XUNTA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control do Parlamento de Galicia. DAVID CABEZÓN / XUNTA / Europa Press

Minutos máis tardes, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, concretou que será este xoves cando se abrirá o sistema de solicitude de cita presencial nos ambulatorios, que poderá pedirse na páxina web do Sergas. O titular de Sanidade puxo o acento en que "nunca deixou de haber consultas presenciais" que, di, podían solicitarse no mostrador dos centros de saúde.

Agora, continuou, poderán pedirse na páxina web, aínda que non foi máis aló nos detalles de como funcionará o sistema ou o volume de citas en persoa que poderán atender os facultativos.

SESIÓN DE CONTROL

O anuncio, concretado máis tarde polo responsable de Sanidade, partiu de Feijóo no careo mantido coa portavoz nacional do Bloque, que centrou a súa primeira pregunta ao presidente na sesión de control na situación da sanidade e, en concreto, a atención primaria.

"A súa campaña de recortes é a mellor campaña de publicidade que podería soñar a sanidade privada", espetou Pontón na súa primeira intervención tras acusar a Núñez Feijóo de levar a cabo unha estratexia de "acoso e derriba" contra a sanidade pública durante os seus 12 anos á fronte da Administración autonómica.

Para Pontón, o Goberno galego logrou "dar carta de normalidade ao que parecía imposible", en referencia á "non presencialidade" nos servizos de atención primaria, onde os cidadáns se enfrontan a "unha carrreira de obstáculos" para lograr unha cita presencial "para a que teñen que esperar ata 31 días".

Na súa resposta, Feijóo afeou a Pontón que "veña coa mesma carraca constantemente" sobre a sanidade e preguntouse se os presidentes autonómicos "socialistas e nacionalistas" que gobernan en comunidades como Cataluña, Valencia, Estremadura ou Euskadi "tamén queren recortar en atención primaria".

"Será que todos os presidentes autonómicos queren recortar ou que todos temos un problema?", preguntouse o presidente galego, que lamentou que "todas as respostas" ás propostas da Xunta para facer fronte ás "carencias" de persoal en sanidade, como a convocatoria dun MIR extraordinario ou a creación da especialidade de médico de urxencias, topáronse con "o non" dos "socios" do BNG no Goberno central.

"Doce anos gobernando e agora a culpa da situación da sanidade é do BNG e de Ana Pontón", replicou a líder nacionalista, que tachou de "disparate" as palabras do presidente, que "evidencian o seu fracaso" na xestión do sistema sanitario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Os galegos poderán pedir cita presencial en Atención Primaria ! Pero o que non dixo é que contra o vicio de pedir él se reserva a virtude de non dar atención sanitaria pública ! Claro que se botas 3 meses na lista de agarda, sempre poderás solicitar que che operen na Privada (Ribera Salud - Fátima en Vigo)