Unha reforma electoral que vai saír cara

Cuestionar o sistema electoral e pretender a súa reforma non é fútil pois as institucións que o conforman son chaves para a calidade democrática. Para lograr un deseño óptimo debemos ter claros os obxectivos. Un sistema electoral debe posuír dúas características. Por un lado, debe dar lugar a un resultado representativo da distribución de preferencias entre os electores. Polo outro, debe fornecer de incentivos para que os representantes se comporten de acordo coas preferencias dos representados.

Por Fernando del Río | Santiago de Compostela | 07/02/2014

Comparte esta noticia
Para lograr ambos obxectivos é preciso que o sistema sexa informacionalmente simple e así os electores non necesiten procesar moita información para coñecer as características e actuacións dos representantes. Este requirimento é consecuencia de que xa que o valor dun voto é case nulo, pois nunca -ou case nunca- é decisivo cando o número de votantes é elevado, entón os electores estarán moi pouco dispostos a incorrer en grandes custos de informarse para decidir o sentido do seu voto e controlar as actividades dos representantes. A necesidade da simplicidade informacional invalida un coñecido sistema electoral, o das listas abertas.  Obter a información necesaria sobre todos os postulantes para marcar o cadro correspondente  é demasiado custoso para esperar que unha porcentaxe significativa dos electores o faga. Podería dicirme o nome dun candidato do Partido Popular a Senador pola provincia de A Coruña nas últimas eleccións xerais?
 
Aínda que hai moitas variantes de sistemas electorais, dous son os mais importantes. O sistema proporcional atribúelle a cada lista unha representación igual á porcentaxe de votos acadada. O sistema maioritario uninominal concédelle a representación da xurisdición ao candidato que obtiver o maior número de votos. Os países anglo-saxóns e a Franza prefiren sistemas maioritarios, mentres que en Europa continental estílanse mais os sistemas proporcionais. 
O sistema proporcional tende a ser representativo pola súa propia definición, mais na dimensión dos incentivos presenta algún problema xa que o rendemento de responsabilidades é indirecto. Os representantes non son directamente responsábeis ante os electores, mais ante a xerarquía partidaria que lles concedeu a posibilidade de ocupar un posto nas listas. Porén, na medida en que o sistema proporcional sexa moi concorrencial, entón as xerarquías partidarias estarán interesadas en vixiar o comportamento dos seus representantes ante o temor de perder as próximas eleccións.
 
Por contra, no sistema maioritario a responsabilidade do representante ante o representado é directa, sen intermediarios. Mais, pódense presentar problemas de representatividade xa que, ao darllo todo ao gañador, pode deixar sen representación unha ampla porcentaxe do electorado, sobre todo terceiras opcións. Agora ben, na medida en que a cantidade de xurisdicións sexa numeroso, o problema de representatividade que presenta o modelo maioritario pode verse temperado xa  que nunhas ha gañar unha cor e noutras outra, de forma que a distribución de representantes non difira moito da porcentaxe de voto no total das xurisdicións. Tamén compre ter en conta que nun sistema maioritario os partidos políticos adquiren unha natureza diferente á que teñen nun sistema proporcional, pois agrupan no seu seo unha un abano moito mais amplo de sensibilidades. Así, as cámaras resultantes dos sistemas maioritarios soen ser moito mais plurais e representativas do que pode parecer a primeira vista.
 
Todos os sistemas electorais son en certa medida manipulábeis. A forma típica de manipular un modelo maioritario é o Gerrymandering. O que consiste en definir os limites das xurisdicións electorais para conformar maiorías favorábeis ou para reducir as maiorías dalgunha facción rival. Os sistemas proporcionais manipúlanse instaurando xurisdicións con números mínimos de escanos ou porcentaxes mínimas de entrada para reducir a proporcionalidade. Ambas tácticas teñen sido dilixentemente aplicadas na Galiza e en España en beneficio dos partidos políticos maioritarios asegurándolles un número mínimo de escanos e permitíndolles perder un número significativo de votos sen unha redución considerábel de representantes. A minoración resultante da concorrencia permite aos representantes desenvolver malas prácticas sen custo algún, pois poden perder apoio popular sen risco de que a súa representación mingúe. Por suposto, hai outros moitos xeitos de manipular os sistemas electorais: financiamento público dos partidos maioritarios, espazos gratuítos nos medios de comunicación, financiamento gobernamental dos medios de comunicación privados, mailing electoral,...  Toda unha panoplia de regulacións que dificultan que os electores esixan responsabilidades aos representantes impedindo a súa reelección.
 
A reforma electoral que o Partido Popular pretende agudiza as distorsións que presenta o modelo electoral galego. O Partido Popular sabe que a reforma asegúralle nos malos tempos –e  en circunstancias previsíbeis-  unha porcentaxe maior do número de escanos e sabe que coa reforma a perda dun Deputado –e por tanto das súas eventuais maiorías-  vai requirir a perda dun maior número de votos. E todo isto non son entelequias. No ano 2009 o Partido Popular obtivo nas eleccións autonómicas 789.427 votos, o 46.68% do total, e 38 escanos no Parlamento. No 2012 obtivo 661.281 votos, o 45,79% do total, porén, a pesares da perda de respaldo popular, seus son hoxe 41 escanos. Estas cousas poden pasar segundo se partillen os votos e se atribúan os escanos, mais non é moi desexábel que pasen. Se un goberno perde apoio popular debe, dun xeito ou outro, pagalo. Ou polo menos non saír premiado! Pois coa reforma do Partido Popular isto continuará a pasar aínda con mais frecuencia. 
 
O noso sistema electoral require reformas, claro está. Mais non no interesado sentido defendido polo Goberno de Feijóo. Débense desmantelar todas as trabas á libre concorrencia –algunhas citadas nun parágrafo previo- que impiden o castigo cidadá ás malas políticas e entorpecen o acceso de novas opcións ás cámaras. Moi sinteticamente alá vai unha proposta. Corenta escanos atribuídos en 40 xurisdición conforme a un sistema maioritario uninominal a unha ou dúas voltas e 21 proporcionalmente nunha única xurisdición sen limite algún de entrada.    
En definitiva, reforma si, imprescindíbel, mais non esta. Non unha que ha ser moi prexudicial para o noso sistema político pois protexe aínda mais da concorrencia as grandes forzas políticas e dificulta o castigo electoral ás súas políticas.  Consecuentemente, os representantes terán menos incentivos a seren virtuosos e a implementar as políticas que nos fagan mais prósperos. Por iso, a ver se a pretendida poupanza non nos  sae cara.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fernando del Río (Ordes, 1968) Licenciado en Economía e Máster en Comercio Exterior pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente é Profesor Titular de Universidade na Universidade de Santiago de Compostela. Previamente foi axudante na Universidade Carlos III de Madrid, profesor visitante na Universidade de Vigo e investigador do CEPREMAP (París). As súas áreas de investigación de interese son a Macroeconomía Dinámica e o Crecemento Económico. Ten artigos de investigación publicados en prestixiosas revistas académicas internacionais tais como o Journal of Economic Theory, Journal of Development Economics ou Oxford Economic Papers. Membro da Executiva Nacional de Converxencia 21 e Presidente da Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia (GALIDEM).