As batidas conta o lobo en Galicia eran "practicamente inexistentes" antes da prohibición, di o SLG

Con todo, a Xunta vén de desenvolver unha intensa campaña contra o Goberno Central que podería ser lida como un intento de erosión do Executivo central.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2021 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Continúa a polémica pola protección do lobo contra a caza impulsada e aprobada polo Goberno central poucas xornadas atrás. Desta vez, o movemento de fichas non vén da man da Xunta de Galicia, que está a dar a batalla para impedir que a regulación saia adiante, senón do Sindicato Labrego Galego. A histórica plataforma reivindica que as axudas do Executivo central aos gandeiros se repartan tendo en conta as particularidades do agro galego, xa que “non todo o estado español é latifundista”. 

Un lobo ibérico . Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Un lobo ibérico . Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

“Precisamos un programa de sanidade animal eficiente, que protexa ao lobo ao tempo que palie os impactos nas granxas e que evite o contaxio de enfermidades a cabana doméstica”, sinalan dende a asociación. A plataforma, á marxe desta demanda, deixa un apuntamento de grande interese para a guerra política que vén de estalar entre a Xunta e o Goberno a raíz desta prohibición. E é que as batidas contra o lobo en Galicia foron “case inexistentes” nos últimos dez anos. 

Dende a plataforma detallan que a inclusión no listado LESPRE de todas as poboacións do lobo como especie vulnerable supón que esta deixe de ser considerada especie cinexética, unha circunstancia que ata agora tiña en Galicia e que permitía “baixo determinadas condicións e previa autorización da Xunta de Galicia que se puidera cazar de xeito puntual”. Con todo, destacan que estas batidas autorizadas pola Xunta de Galicia nos últimos dez anos eran “practicamente inexistentes”.

Deste xeito, o apuntamento do Sindicato Labrego Galego suma unha incógnita á forte mobilización institucional que a de Galicia segue a desenvolver contra a prohibición da caza, e pon sobre a mesa a posibilidade de que o rexeitamento público da Xunta contra o protección da especie garde máis relación cunha táctica de erosión política que unha preocupación real polo espallamento desta especie ao longo do territorio autonómico. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta