O lecer infantil, sen limitacións de grupos pero máis restricións que o de adultos no exterior

Terán unha capacidade máxima do 90%.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/10/2021 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

A chamada 'nova normalidade' ábrese camiño en Galicia desde este fin de semana, coa xeneralización dos aforamentos en interior ao 90 por cento e no exterior ao 100 por cen. No lecer infantil hai avances como a eliminación de máximos nos grupos, pero mantéñense máis restricións de capacidade que nas actividades de adultos no exterior, que se limitan ao 90 por cento.

Unha menor con máscara  na praia das Salseiras, no concello da Laracha, A Coruña
Unha menor con máscara na praia das Salseiras, no concello da Laracha, A Coruña | Fonte: M. Dylan - Europa Press - Arquivo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres as normas que abren camiño á 'nova normalidade', que xeneralizan a capacidade do 90 por cento nos interiores e do 100 por cen en exteriores. Pero non así para os centros de lecer infantil, que segundo a propia descrición do DOG, son aqueles establecementos abertos ao público que se destinan a xogos e atraccións recreativas deseñados especificamente para idade igual ou inferior a 12 anos, así como os destinados á celebración de festas infantís.

Así, mentres que no sector do lecer nocturno establécense dous niveis de seguridade, un con certificado covid (que permite o 90 por cento de capacidade en interior e 100 por cen en exterior), os establecementos para nenos quedan co 90 por cento tanto dentro como fóra.

COLECTIVO SEN VACINAR

O grupo menor de 12 anos é a única franxa de idade que non ten aprobada a vacina para a súa administración, aínda que xa está en fase de análise por parte das axencias do medicamento tras presentar Pfizer os resultados do seu estudo (para o de 5 a 11 anos). Por baixo de seis anos, a máscara non é obrigatoria e, de feito, a Organización Mundial da Saúde (OMS) desaconsella o seu uso nese grupo de idade, tanto polas necesidades psicosociais como polos fitos do desenvolvemento dos nenos.

Así, a OMS recolle que o uso da máscara "non debe ser obrigatorio para os nenos de ata cinco anos, en aras da seguridade e o interese xeral do neno e dada a súa incapacidade de utilizar adecuadamente unha máscara cunha asistencia mínima".

No caso dos menores de 6 a 11 anos, aínda que si está regulado que se use en España (e en Galicia), a OMS tampouco aposta polo uso estendido da máscara, senón que a recomenda só "se hai transmisión xeneralizada" na área onde reside o neno, así como que se teña en conta tanto a capacidade do neno para empregar este elemento, a supervisión dun adulto e as posibles repercusións de levar posta unha máscara sobre a aprendizaxe e desenvolvemento psicosocial.

ACTIVIDADES DE TEMPO LIBRE

O DOG tamén recolle que as actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil e albergues e campamentos xuvenís poderán realizar actividades cun 90 por cento de capacidade.

As actividades, en todo caso, deberán evitar o contacto entre os participantes e non poderán realizarse actividades que impliquen contacto físico constante entre participantes.

Os albergues e campamentos, neste caso, poderán manter unha ocupación de ata o 75 por cento da súa capacidade máxima. No caso de campamentos, a ocupación nas tendas será do 75 por cento da súa capacidade máxima habitual, "garantindo a distancia interpersoal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta