Por Galicia Confidencial | Allariz | 19/05/2025 | Actualizada ás 20:00
A inauguración deste ano do Festival Internacional de Xardíns, cadrando co Día das Letras Galegas, abriu coa actuación do grupo de cantareiras Ergutío. No acto, conducido pola xornalista Raquel Rosa, participaron a Alcaldesa, Cristina Cid, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor. Este último puxo en valor a "colaboración institucional" para dar vida a proxectos de proxección internacional como o Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA).
Baixo o lema “Cambio climático, unha oportunidade para o xardín”, a XV edición do FIXA ofrece unha mirada renovada sobre a función dos espazos verdes fronte á crise climática. Das preto de 40 propostas recibidas, foron seleccionadas 9 creacións internacionais, ás que se suman o xardín elaborado polo CEIP Padre Feijoo de Allariz e os dous xardíns premiados na edición anterior.
Nesta edición participan proxectos procedentes de Las Palmas de Gran Canaria, Madrid, Ourense, Ecuador, Uruguai, México, Bolivia e Austria, consolidando o carácter global e transformador do festival.
O XURADO
O xurado desta edición está encabezado polo paisaxista portugués Francisco Caldeira Cabral. Completan o xurado representantes da Asociación Española de Paisajismo (AEP), da Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR), da Universidade Politécnica de Madrid e do propio Concello de Allariz.
No acto de inauguración fixeron entrega de diplomas aos equipos participantes, recoñecendo deste xeito o esforzo e a calidade creativa dos proxectos seleccionados nesta XV edición.
ENTREGA DE PREMIOS DA EDICIÓN 2024
No que respecta á entrega dos premios aos xardíns gañadores da edición anterior (2024), estes foron os galardoados:
-Premio técnico (AEP): “Step Into a Work of Art”, do equipo The Gallerists (Viena), recollido por Ines Altrichter.
-Premio popular: “El jardín al revés”, dos autores Manuel Amigo, Ane Txintxurreta e Selva Vallverdú, recollido por esta última.
APERTURA DE PORTAS
Tras pechar o acto institucional a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, abríronse as portas do recinto para que todas as persoas puidesen visitar os xardíns da edición 2025. Durante o percorrido, adultos e cativos tiveron a oportunidade de participar en obradoiros e experimentos relacionados co cambio climático, convertendo a experiencia nun encontro lúdico e educativo.
Ás 20:00 h. a Banda Unión Musical de Allariz ofreceu un concerto dentro do recinto, poñendo música á tarde e facendo da inauguración un evento completo, dinámico e participativo, que celebrou a natureza, a creatividade e o compromiso co medio ambiente.
O recinto poderá visitarse ata o 31 de outubro, e os visitantes poderán votar polo seu xardín favorito, contribuíndo así ao espírito participativo e vivo deste festival único no Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.