Por que Messi gaña moito mais que Di Stéfano?

Non sei se se preguntou algunha vez por que Lionel Messi gaña moito mais diñeiro do que nunca soñou Alfredo Di Stéfano. Non vin xogar a Frecha Loura. Contan que foi un dos mellores. Si vexo ao Messi e situaríao nun pequeno grupo de privilexiados: Di Stéfano, Pelé, Cruyff, Maradona e Messi. Sería difícil dicir cal deles foi o mellor. Porén, as ganancias de Messi ultrapasan con creces as dos seus predecesores. Por que?

Por Fernando del Río | Compostela | 24/02/2014

Comparte esta noticia
A resposta á pregunta ten a ver coa tecnoloxía. O auxe e desenvolvemento das tecnoloxías da información posibilita que se regocixen co xogo de Messi millóns de persoa en todo o mundo. E pagan por facelo. En tempos de Di Stéfano só aqueles que podían acudir semanalmente aos campos de fútbol españois podían deleitarse coa súa pericia. As tecnoloxías da información contribuíron a incrementar a non rivalidade do talento futbolístico. Un ben non rival é aquel cuxo uso por unha persoa non impide o uso simultáneo por outra (por ex. o teorema de Pitágoras) mentres que un ben rival é aquel cuxo uso por unha persoa impide o uso simultáneo por outra (por ex. unha mazá). Mais, a característica da rivalidade está condicionada tecnoloxicamente. En tempos de Di Stéfano a tecnoloxía no permitía que millóns de persoas desfrutasen do seu talento, nos tempos actuais, nos de Messi, si. Por iso, aínda que Messi non sexa mellor xogador que Di Stéfano –que non o sei- gaña moito mais diñeiro.
 
 En definitiva, as tecnoloxías da información permitiron que un pequeno número de individuos con talentos excepcionais obteñan rendas de super-estrelas que non eran posíbeis algunhas xeracións atrás, pois a tecnoloxía agora permítelles tirar vantaxe dos mercados globais. O lector pode encontrar unha defensa desta tese no libro do 2011  “Race Against the Machine” escrito por  Erik Brynjolfsson e Andrew McAfee. 
 
As consecuencias desta mudanza tecnolóxica transcenden a anécdota e reflíctense na distribución da renda. Se botamos unha ollada á distribución da renda nos Estados Unidos, e centrándonos nos segmentos superiores da distribución, podemos observar que nos Estados Unidos o 1% superior recibía o 19.3% da renda total (excluíndo ganancias do capital) no 2012 mentres que no 1973 levaba o 7.7%. Se consideramos só o 0.01% estas porcentaxes eran do 0.5% no 1973 e do 4.1% no 2012. Aínda que menos acusadas, estas tendencias tamén se observan en España: o 1% recibía o 7.5% da renda total no 1981 e o 8.24% no 2010, cun máximo no 2007, xusto antes da crise, do 8.9%, e se reparamos no exclusivo 0.01%, a súa participación aumentou do 0.5% no 1981 ao 0.8%  no 2010, cun máximo do 1.06% no 2006. Estes dados pódense encontrar na páxina web do profesor de Berkley Emmanuel Saez: http://elsa.berkeley.edu/~saez/ e son unha actualización dos usados por Thomas Piketty e Emmanuel Saez no seu artigo de 2003 “Income Inequality in the United States, 1913–1998.”  publicado no Quarterly Journal of Economics.
 
De acordo coa explicación baseada na dirección do cambio tecnolóxico, os ricos seríano porque producen mais valor para a sociedade e, en consecuencia, obterían os réditos da súa contribución, a cal debido ás mudanzas tecnolóxicas é hoxe maior que onte.  De ser así as cousas, o incremento na desigualdade da renda estaría a reflectir a atribución eficiente dos recursos e sería necesaria para que existan os incentivos axeitados á xeración de riqueza. Mais, antes de chegar a conclusións precipitadas, un debería ter en conta que a retribución dos produtores de bens non rivais depende  crucialmente das chamadas leis de propiedade intelectual. Por un  lado, estas leis poden ser necesarias para incentivar a produción dos bens non rivais na medida en que retribúan ao produtor polo seu esforzo, mais, polo outro, poden resultar abusivas e simplemente transferir rendas dos consumidores cara os produtores de bens non rivais. Sendo entón unha das chaves da súa riqueza.
 
Porén, existe outra posíbel explicación, non tan encantadora, deste incremento nas porcentaxes dos segmentos superiores da distribución da renda. Pode ser que unha pequena elite estea a extraer rendas do groso da poboación. É dicir, non é que produza algo útil para os demais, simplemente a estrutura institucional permítelle apropiarse do que é dos demais.  Esta é a tese defendida por Joseph Stiglitz no seu libro de 2012 “ The Price of Inequality”. Aínda que Stiglitz non transcende o anecdótico e non fornece de evidencia sólida de que a intensidade das actividades de procura de rendas nos Estados Unidos sexa hoxe maior que antano, para así poder explicar o incremento observado na porcentaxe da renda total que levan os segmentos superiores da distribución. 
 
Mais, se a explicación de Stiglitz for correcta, debemos situar onde está o problema para poñerlle couto. A  procura de rendas é posíbel porque un puñado de individuos se aproveitan do intervencionismo e regulacións estatais, usando procedementos corruptos ou aproveitando os privilexios que o propio aparato estatal lles concede. Este é o denominador común a tantos escándalos que inundan a prensa española e galega nos últimos tempos. Sen prexulgar a culpabilidade de ninguén, pense o lector no Caso Bárcenas, na Operación Pokemon ou en como uns poucos tiraron proveito das Caixas de Aforros. 
 
Por tanto, acabar coa corrupción e os escándalos require acoutar o intervencionismo estatal na economía. De non ser así, sempre haberá espertos que tiren partido. E, ademais, tal vez tamén diminúa a desigualdade na distribución da renda e así, se vostede está inquieto, logre matar dous paxaros dun só tiro.    

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fernando del Río (Ordes, 1968) Licenciado en Economía e Máster en Comercio Exterior pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente é Profesor Titular de Universidade na Universidade de Santiago de Compostela. Previamente foi axudante na Universidade Carlos III de Madrid, profesor visitante na Universidade de Vigo e investigador do CEPREMAP (París). As súas áreas de investigación de interese son a Macroeconomía Dinámica e o Crecemento Económico. Ten artigos de investigación publicados en prestixiosas revistas académicas internacionais tais como o Journal of Economic Theory, Journal of Development Economics ou Oxford Economic Papers. Membro da Executiva Nacional de Converxencia 21 e Presidente da Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia (GALIDEM).