Custodia do territorio (I): unha iniciativa solidaria para conservar e restaurar a natureza

As entidades de custodia mercan, alugan ou chegan a acordos de distinto tipo para restaurar hábitats ou conservar espazos de alto valor ambiental. Protexen afloramentos únicos no mundo abandonados pola Administración, eliminan invasoras, reforestan con especies autóctonas dunha determinada bisbarra, limpan o monte e os ríos.

Por Alicia Casas | Compostela | 25/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Tempo atrás, Rudi Estaban e Sandra Goded buscaban fórmulas para protexer o bosque autóctono e eliminar especies invasoras nas Antas do Ulloa. Namentres buscaban el, que é violinista, e ela, que é bióloga, deron con que xa todo estaba inventado. Tratábase de adquirir dereitos sobre terreos privados. Chegar a alianzas cos propietarios de parcelas para protexer o medio. E de protexer, gardar; e de gardar, coidar; e de coidar, respectar. Para o respecto, entre as fórmulas, nunha caixa, a custodia.

Voluntariado das Fragas do Mandeo eliminando tradescantia.
Voluntariado das Fragas do Mandeo eliminando tradescantia.

"A iniciativa privada semella ser a única solución para protexer o medio, non o planeta enteiro, pero aló menos este anaco que é a comarca da Ulloa pois queriamos protexelo na medida do posible" di Rudi Esteban.

A custodia do territorio é unha ferramenta para a conservación e a restauración da natureza nun rural no que as máis das veces todo é privado.

Como ferramenta ten orixe nos Estados Unidos de finais do século XIX e ao Estado chega co Refuxio de Rapaces de Montejo de la Vega en Segovia, unha inciativa promovida por Félix Rodríguez de la Fuente e WWF/Adena. A experiencia pioneira en Galicia aparece cando a "Aula Verde" da antiga Universidade Laboral de Ourense puido constituír no 1988 a Asociación Cultural- Ecolóxica de Ridimoas grazas aos cartos dun premio medioambiental. Puideron mercar os primeiros terreos do espazo forestal ribeirán de Ridimoas e dese tempo a esta parte veñen comprando unha hectárea por ano, o que son hoxe preto de 300 hectáreas. 

Segundo o último inventario do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, había 16 entidades de custodia do territorio no 2019 en Galicia. Entre elas está a cofundada por Rudi Esteban e Sandra Goded, Quercus Sonora, que traballa na comarca da Ulloa. Ou as Fragas do Mandeo, focalizada na comarca das Mariñas. Tamén a Asociación Galega de Custodia do Territorio, desta volta de ámbito galego, que custodia zonas como as Insuas do Miño ou os Ollos de Begonte, entre outras. En mans das entidades de custodia están, ademais, áreas como as Fragas do Eume ou a Lagoa de Antela. E segundo o inventario do 2019, xunto con Aragón e Murcia, Galicia foi unha das comunidades nas que máis aumentaron os acordos de custodia, alcanzando os 135. 

A Asociación Galega de Custodia do Territorio traballando nas Insuas do Miño.
A Asociación Galega de Custodia do Territorio traballando nas Insuas do Miño.

Os acordos son de distinto tipo. Fernando Bandín, presidente das Fragas do Mandeo, explica que a lexislación vixente permite a custodia a través de diferentes fórmulas: dende arrendar unha parcela ata adquirir a súa titularidade por compravenda, legado testamentario ou doazón. As Fragas do Mandeo, que coa última doazón conseguiría cruzar o limiar das 30 hectáreas custodiadas, traballa nun 5% da súa superficie por arrendamento e de forma aproximada ten o 50% dos terreos por cesión do uso da xestión a longo prazo e por compravenda ou doazón outro 50%. Fernando Bandín apunta que a práctica totalidade das parcelas que mercan son zonas de monte, sendo as parcelas de prados algo "totalmente excepcional".

Non así no caso da Asociación Galega de Custodia do Territorio, pois os acordos aos que chegan (por veces verbais) van dende construcións de colonias de morcegos ata a protección de charcas, prados húmidos ou zonas de monte. Roberto Hermida, presidente da asociación, conta que teñen acordos dentro de espazos protexidos e fóra deses espazos. Sobre os protexidos, di: "os hábitats dinámicos, que precisan de mantemento, non se están a abordar. E a cuestión na práctica é que en moitos casos eses espazos sofren un abandono que ás veces vén moi ben pero que tamén significa a perda dun hábitat de interese que a nós nos interesa manter".

Un dos proxectos da AGCT son as microrresevas de orquídeas no Courel, que son zonas de prados calcáreos que antes se pastoreaban e hoxe están sen uso, abandonadas. Están dentro da ZEC do Courel pero os espazos da Rede Natura non contan con plans de xestión propia. "O que facemos é garantir que cada certo tempo se fai unha roza, porque senón a dinámica natural sería que desapareceran as orquídeas", di Roberto Hermida. O presidente da AGCT explica que a Administración traballa na conservación dende unha óptica legal, por exemplo a través dos catálogos, polo que intentan que a súa acción sexa complementaria porque "ás veces interésanos conservar cousas que non están dentro deses catálogos".

Pero entre Melide e Santiso, na Serra do Careón, hai tres especies de plantas únicas no mundo. Especies que medran sobre solo serpentínico, moi rochoso e tóxico para a maioría de plantas, zona declarada ZEC na que precisamente a riqueza reside na presenza deses afloramentos. Zona na que non se está a facer nada e na que a AGCT alugou máis de 13 hectáreas: "nese caso estamos actuando no meollo da cuestión e é un pouco sanguento porque é un traballo que debería estar facendo a administración".

O presidente de Fragas do Mandeo fala de limitacións. De zonas nas que lles interesaría traballar pero non poden, porque malia que dende o 2007 a lei permite ao Estado facer convenios de custodia sobre o territorio de dominio público marítimo-terrestre, "ata onde sabemos en España non hai ningún". De feito, conta que oito anos atrás presentaron unha solicitude de convenio na Demarcación de Costas de Galicia e "foi ben acollida polo xefe da Demarcación, revisada polos avogados do Estado, e cando se mandou a Madrid para que a aprobaran, aí quedou nun caixón esquecida".

"Hai que garantir que esa parcela non a vai a tocar ninguén nos próximos 100 anos para ter un bosque maduro, e na nosa bisbarra non hai ningún bosque maduro. En Galicia hai moi poucos, practicamente ningún." comenta Fernando Bandín.

Nestas zonas actúan entón por "apadriñamento", sempre baixo autorizacións administrativas de carácter anual e nunca cun futuro asegurado para esas actuacións. Aínda que afortunadamente, di, nesas zonas eliminan invasoras e realizan tarefas de recollida de lixo, polo que non requiren de máis investimentos. Con todo, "estamos condicionados a que nos den a autorización ou pode tamén pasar que lle den unha concesión a outra entidade que faga unha actuación contraria ao obxectivo de restaurar os hábitats". Pola contra, nas parcelas que mercan ou teñen por cesión durante 20 ou 50 anos, se por exemplo plantan un carballo, garanten que aló menos vaia medrar nese tempo. E para ter un bosque maduro, aló menos 100 anos. "E aí esperamos que as xeracións vindeiras teñan un pouco máis de criterio e garantan a conservación deses espazos".

--Cando Fernando Bandín pensa en canto esquecemos ás veces que debe haber espazos no rural galego destinados á conservación da natureza, ademais da zona agrícola, gandeira e forestal, fala dos 'parques no papel'. Lembra que no Parque Nacional das Illas Cíes, a pesares de ser un parque nacional promovido como atractivo turístico, aínda non foron capaces de eliminar as invasoras. A Rudi Esteban tamén lle veñen á cabeza as Cíes e pensa en eucaliptos.--

Tanto Roberto Hermida coma Fernando Bandín coinciden en que a custodia do territorio non é unha ferramenta para substituír a ningunha outra, senón unha entre tantas podes escoller segundo a condición do problema. Para Fernando Bandín, un dos aspectos máis positivos e  reseñables que ofrece a custodia é permitir pór en práctica información teórica nunha determinada bisbarra e cunhas condicións climáticas e xeográficas particulares: "temos unha ampla experiencia en diversas especies e no seu día dixéronnos que cos métodos que iamos empregar non acadaríamos os obxectivos e si os acadamos. Eliminamos os eucaliptos machos sen produtos químicos e demos eliminado a crocosmia e estamos a falar de 40 quilómetros de ribeira de río".

Hai inconvintes, tamén, que Rudi Esteban vencella á Administración porque "funciona como funciona". Fernando Bandín concorda e censura as "dificultades enormes" que conlevan as subvencións, cunha "estrutura ríxida pensada para outro tipo de actividades". Ao que engade un problema "gravísimo" que é a falta de colaboración, que non dan acceso aos datos do catastro "a pesar de ser unha entidade de interese público". A titularidade das parcelas non a coñecen nin os vellos, di, pois "o propietario morreu hai tempo e tivo herdeiros que xa morreron e vai ti saber onde están os propietarios actuais".

Habería que engadir aínda a problemática das parcelas de titularidade descoñecida, nas que non teñen dereito a actuar, ou as parcelas con múltiple titularidade ás que por veces hai que sumar conflitos entre os titulares. Tamén está o asunto de coñecer cal é o valor do monte--"a xente o que quere son cartos!"--porque "estamos a falar de zonas con elevada pendente, rochosidade e en moitos casos afectadas pola lexislación, co cal o valor económico desa parcela queda reducido, e nós damos o mellor prezo que pode ofrecer o mercado pero aínda que hai xente que o entende, outra vive de ideas falsas". Que non ten a ver co valor en si da parcela senón coa actitude do propietario: "pero non penses que isto nos pasa a nós porque somos ecoloxistas. Eu nacín, vivín e vivo nunha aldea, estou integrado no mundo rural e o os meus compañeiros igual. Teño un amigo que vende produtos da horta e ten gando e ten os mesmo problemas ca nós á hora de mercar parcelas".

A pesares de que a xente o que quere son cartos, aínda que son os menos, hai quen desconfía. Fernando Bandín recorda cando unha señora lle preguntou se ían ceibar lobos na parcela. El dixo que non, claro, que como o farían ademais, que escaparían. Pero dixo a señora: bueno, pero podedes botar outros bichos, culebras ou sapos!".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta