O comité de oficinas de Ence recusa o secretario de Estado de Medio Ambiente como interlocutor por ser asturiano

Esixe que sexa a propia ministra a que participe nos encontros. A empresa perde 192 millóns ata setembro por provisións por Pontevedra, pero dispara o seu beneficio operativo un 73%.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 26/10/2021 | Actualizada ás 18:07

Comparte esta noticia

A presidenta do comité de oficinas de Ence, Ana Cedeira, adiantou este martes a intención deste órgano de recusar o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán como interlocutor na mesa de diálogo de Ence pola súa orixe asturiana.

Fábrica de Ence en Pontevedra
Fábrica de Ence en Pontevedra | Fonte: Santos-Diez - Europa Press.

O comité esixiu que sexa a ministra Teresa Ribera a que participe no próximo encontro que reúne a representantes da empresa, o Goberno, a Xunta, os traballadores e o Concello de Pontevedra.

Segundo asegurou Ana Cedeira, "podería ser que Hugo Morán estea a tratar de impulsar un traslado" tendo en conta que a Dirección de Ence desvelou que, se non é posible seguir producindo en Lourizán, a súa intención será ampliar a fábrica de Navia, "o cal crearía un prexuízo para Galicia e un beneficio para Asturias.

"Non podemos esquecer que Hugo Morán é de orixe asturiana", aseverou, antes de apuntar que, en concreto, Hugo Morán é natural da parroquia de Campomanes, en Lena.

Ademais de dirixir un escrito ao Ministerio de Transición Ecolóxica con esta recusación, este comité de oficinas remitirá unha solicitude ao Consello de Estado para que se pronuncie sobre a posible adscrición dos terreos de Ence ao porto de Marín.

O secretario de organización de Comisións Obreiras en Pontevedra, José Luís García Pedrosa, valorou como unha "auténtica aberración" que o Goberno central queira falar agora de desmantelar este complexo industrial xa que a sentenza aínda non é firme.

Tamén advertiu ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, de que "non serve que Ence quede en Galicia, só en Lourizán", subliñou o secretario de organización de Comisións Obreiras en Pontevedra.

Finalmente, Comisións Obreiras confirmou que apraza ata o 2022 a manifestación que estaban a organizar ao atender á posibilidade de que o Tribunal Supremo non se pronuncie sobre a admisión dos recursos ata o próximo mes de xullo.

A día de hoxe xa son catorce os recursos de casación que se interpuxeron ante o Tribunal Supremo contra as dúas primeiras sentenzas da Audiencia Nacional que anulaban a prórroga concedida polo goberno de Mariano Rajoy en 2016 a Ence para que a súa fábrica de pasta de papel permaneza en Lourizán.

DATOS ECONÓMICOS

Ence rexistrou unhas perdas netas atribuíbles de 192,4 millóns de euros no primeiros nove meses do ano, fronte aos 'números vermellos' de 41,8 millóns de euros que se anotou no mesmo período do ano anterior, debido ás provisións realizadas ante o posible peche da súa fábrica de Pontevedra.

Tras as sentenzas ditadas en xullo pola Audiencia Nacional, que anulan a prórroga da concesión dos terreos sobre os que se asenta esta planta, a compañía papeleira dotou unhas provisións de 196 millóns de euros no segundo trimestre ante o potencial impacto que o peche desta fábrica podería causar nas súas contas.

En calquera caso, Ence presentou os correspondentes recursos de casación ante o Tribunal Supremo e xa anunciou que esgotará todas as vías xurídicas "en defensa da legalidade da prórroga desta concesión", de cuxa actividade dependen 5.100 empregos directos e indirectos.

Á marxe destas provisións, a compañía logrou un beneficio neto ordinario de 4 millóns de euros no acumulado do ano, así como un beneficio neto atribuíble de 2,2 millóns de euros no terceiro trimestre do ano.

Os resultados de Ence víronse impulsados pola forte recuperación dos prezos da celulosa en 2021 tras os mínimos rexistrados no exercicio anterior e pese ao impacto das coberturas do prezo da celulosa e da electricidade, pechadas de maneira excepcional en 2020, no marco da crise do coronavirus.

Outro dos datos que mostra a boa evolución do seu negocio é o resultado operativo, que alcanzou os 86 millóns de euros, un 73,5% máis. Os ingresos tamén creceron un 11,7%, ata os 588,5 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta