A CIG gáñalle un pulso á Xunta en favor do persoal interino

O TSXG recoñece que os interinos tamén teñen dereito á traxectoria profesional, en contra dun ditame da administración autonómica.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2021 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

A CIG trunfa nun litixio en favor do persoal interino. O TSXG vén de estimar unha demanda interposta pola central coa que se recoñece o dereito do persoal funcionario interino á traxectoria profesional. Unha sentenza, apuntan dende a CIG, que non afecta en modo algún ao persoal titular que xa está a cobrar a traxectoria, xa que así o especificaría o propio Tribunal.

Protesta do profesorado interino
Protesta do profesorado interino | Fonte: profesorprecario.wordpress.com

Segundo destacan dende o sindicato, pasado outubro a Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG emitía sentenza estimando o recurso interposto pola CIG contra a resolución da Dirección Xeral de Xustiza, do 30 de xuño de 2020, pola que se fixo público o acordo do Consello da Xunta de Galicia, alcanzado o 10 de xuño entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CCOO para a implantación dun sistema de carreira profesional do persoal ao servizo da Administración de Xustiza, que excluía ao persoal interino. Trátase, polo tanto, dun trunfo nun pulso á Xunta. 

A Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG estima así a demanda e anula as disposicións impugnadas pola CIG por ser contrarias a dereito. Deste xeito, declara expresamente o dereito do persoal funcionario interino a participar na traxectoria profesional deseñada pola resolución do 30 de xuño e obriga ademais á Administración a substituír os artigos anulados por outros que fixen o dereito do persoal funcionario interino da Administración de Xustiza de Galicia a participar no sistema de traxectoria profesional en igualdade de condicións que o persoal funcionario de carreira, así como o seu dereito para acceder aos réximes ordinario e extraordinario de acceso aos distintos graos do sistema.

A CIG-Xustiza considera que esta sentenza reforza outras moitas xa ditadas por distintos xulgados do contencioso-administrativo de todo o país, en demandas individuais do persoal interino afiliado á CIG, nas que se condena á Administración a tramitar as súas solicitudes presentadas e que no seu día lles foron denegadas por non ser funcionarios de carreira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta