Facultativos de urxencias na Coruña e Pontevedra denuncian "sobrecarga de traballo insoportable" e "colapso"

Sinalan que "falta" persoal para atender en condicións aos pacientes.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 15/11/2021 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

Facultativos do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra reclaman persoal fronte á "sobrecarga de traballo insoportable" pola "falta" de médicos. Así o trasladaron nun escrito ao conselleiro de  Sanidade, ao xerente do Sergas e á Xerencia da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, ante a situación que viven desde "hai meses" pola "falta de facultativos".

Urxencias
Urxencias | Fonte: JCCM.

"A esta situación chegouse de maneira progresiva grazas á falta de xestión de recursos humanos por parte da Xerencia de Pontevedra, ao non asumir as súas responsabilidades", lamentaron.

Así, denuncian que "existe claramente unha falta de facultativos e todo o que supuxo a pandemia, en canto a desgaste emocional e sobrecarga de traballo dos profesionais fíxose insoportable a presión asistencial, ao ser o Servizo de Urxencias a porta de acceso ao hospital, sen posibilidade de descanso, peche ou cambio de modalidade de consulta, como se fixo noutros servizos do hospital".

Así mesmo, lamentan que "o espazo das Urxencias do CHUP segue sendo excesivamente pequeno para o volume de pacientes que chega" e, aseguran, "están a empezarse vivir situacións de sobreaforo en Urxencias".

Por iso, esixen a contratación dos facultativos "necesarios para cubrir todos os postos de traballo que están descubertos", en relación a catro baixas por enfermidade do Hospital Montecelo e unha praza do Provincial que está descuberta desde hai dous meses.

"A situación é insostible e no caso de que non se dean solucións a curto prazo tomaremos medidas que, salvagardando a asistencia sanitaria da poboación, garantan a saúde laboral dos facultativos", conclúen.

QUEIXAS TAMÉN NA CORUÑA

Por outro lado, a Comisión de Centro de Atención Hospitalaria do complexo hospitalario coruñés denunciou o "colapso" do servizo de urxencias, mentres que a xerencia admite "plena ocupación" que vincula coa maior presenza de persoas de idade avanzada "con patoloxías de base descompensadas, así como o aumento de infeccións respiratorias".

A Comisión de Centro sostén, na súa denuncia, que o servizo de urxencias vive "unha situación permanente de colapso na que, de forma continuada, os e as pacientes permanecen nos corredores".

Por outra banda, sostén que "o aumento de pacientes no servizo non vai ligado ao aumento de profesionais, o que provoca sobrecarga física e psíquica destes, incidindo directamente na súa saúde e mesmo na calidade asistencial prestada".

Mentres, a xerencia recoñece que o hospital se atopa "a plena ocupación, xa que aproveitando o baixón na incidencia do covid, está a realizarse toda a actividiad cirúrxica que é posible para subansar o que, por causas de forza maior, se deixou de facer na pandemia".

"En calquera caso, lamentamos as incomodidades que se poidan producir", sinala en resposta á denuncia da Comisión de Centro. Ao tempo, incide en que a calidade asistencial está "garantida" e agradece ao persoal o seu "esforzo e profesionalidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta