A falta de psicoloxía en Atención Primaria, cando a Xunta non cre necesario atender a saúde mental

O confinamento durante a pandemia e as restriccións á mobilidade aumentaron ou agravaron os problemas de saúde mental na poboación. A falta de profesionais en psicoloxía clínica contribuíu ao engrosamento das listas de espera en Atención Primaria e, por tanto, á incidencia de doenzas mentais como a depresión entre a poboación. Tomaron nota os axentes institucionais e políticos galegos sobre este punto?

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 17/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os orzamentos da Xunta para 2022 en canto Atención Primaria pasan, segundo SOS Sanidade Pública, dun 13,7% a un 13,4%, tres décimas menos. Pola súa parte a Consellería de Sanidade apuntaba que, como contrapartida, non habería centros de vacinación masiva contra a COVID. Aínda máis, desde o Grupo Parlamentario Popular anunciaban que os orzamentos autonómicos para o ano que vén son “os de maior gasto social da historia” da autonomía. A manifestación do pasado 14 de novembro contra os recortes na sanidade pública apuntaba no sentido contrario ás afirmacións do PPdeG no Parlamento. A falta de incremento en sanidade afecta á Atención Primaria e máis en concreto a atención psicolóxica á poboación que vén de sufrir un aumento considerable das doenzas relacionadas coa saúde mental.

Consulta nun centro de atención primaria do Sergas
Consulta nun centro de atención primaria do Sergas | Fonte: Xunta de Galicia.

NON HAI INTERESE?

A necesidade de atención psicolóxica desde o inicio da pandemia aumentou entre un 30 e un 50% segundo SOS Sanidade Pública. A mesma plataforma sinala que “Galicia non contempla a psicoloxía dentro das áreas de Atención Primaria mentres que outras autonomías si”. Durante a reunión da última mesa sectorial, apunta Javier González de CCOO, apuntouse a necesidade de dotar de especialistas en psicoloxía clínica os centros de saúde. Segundo González, desde Sanidade a resposta foi que “moitos deses profesionais estarían moi illados en moitos centros de saúde”.

“O ideal sería que todos os centros de saúde tivesen un ou unha psicóloga clínica ou polo menos os centros de saúde de referencia” di Ana Riveiro, quen forma parte do Movemento Galego pola Saúde Mental. “É como se dentro dos obxectivos do SERGAS a saúde mental ao mellor non está dentro das súas prioridades”. Javier Martínez de UGT-Saúde, tamén destaca que “o número de psicólogos clínicos nos centros de saúde é testemuñal”. Este punto leva a Martínez a rememorar o Plan de Saúde Mental 2006-2011, un plan que non continuou para adiante desde 2009, ano da chegada de Feijóo á Xunta. “Necesitamos un plan de saúde mental  novo logo do abandono do anterior por cuestións económicas”.

A CIG, no seu documento Análise da necesidade estrutural de especialistas en psicoloxía clínica no Servizo Galego de Saúde, apunta que as previsións do SERGAS en canto saúde mental son incumpridas polo mesmo organismo. A día de hoxe o propio Servizo Galego de Saúde incumpre as súas propias previsións nesta materia. “Documentos como o Plan de Saúde 2002- 2005, Plan Oncolóxico de Galicia ou o Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2006 – 2011, simplemente foron promesas incumpridas ó abeiro da crise.

COLAPSO E NECESIDADE DE PROFESIONAIS

“A introdución de profesionais da psicoloxía clínica podería axuda a desatrancar os servizos de Atención Primaria, á parte que o sistema de atención á saúde mental en Galicia é obsoleto” sinala Javier González quen tamén apunta que “a sociedade ten integrado que o SERGAS non ten psicólogos”. Manuel Martín, de SOS Sanidade Pública explica: “un médico de familia pode atender problemas psicolóxicos mais non un número que lle resulte imposible, de aí vén a masificación e a desatención nalgúns casos, destas doenzas”.

A falta de persoas preparadas para esta tarefa é un problema? Ana Riveiro responde que “hai un número importante de psicólogos en situación de desemprego e mesmo co PIR aprobado, persoas hai mais non contido”. Por tanto a falta de persoal preparado non é un problema. A cobertura das necesidades en saúde mental axudaría por exemplo, na atención presencial para as persoas afectadas “porque unha chamada telefónica non resolve moitas cuestións”.

O informe xa apuntado da CIG apunta entre outras conclusións, a moi necesaria incorporación de profesionais, pois a insuficiente creación de prazas de psicoloxía clínica “estase a suplir coa pouco xustificable subcontratación por outras vías (asociacións privadas, bolsas) de profesionais que por eses motivos non se poden integrar plenamente na asistencia”.

Cal sería o número idóneo de profesionais en psicoloxía clínica? O ideal para as fontes consultadas un por centro de saúde. En caso de non poder cumprirse, polo menos un número suficiente en centros de saúde de referencia ademais de prazas en hospitais para atención en áreas especializadas. Mais este 2022 non se verán melloras debido á falta de incremento nas partidas para Atención primaria, que apenas pasa do 13% do orzamento de Sanidade cando a Organización Mundial da Saúde recomenda un 25%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Moine

Seria bom conhecer quantos de estes doentes votárom ao PP. Pois Frijol nom está porque nom lhe tenham votado. Nengum povo é inocente da sua historia.

1 Alienao

Son máis os que non votan que os que o fan por algún partido. Así que non uses argumentos tan simplistas. Toda a democracia parlamentaria está polas privatizacións.