GC Aberto

«Crueldad», de Chema Madoz. Entre o paradoxo e a realidade

Madoz, como Magritte, e como moitos outros que se pretenden ou nos venden como artistas, non pode ser considerado tal porque a función da arte é remover conciencias, non entreter nin expor enigmas pseudofilosóficos que deban descifrarse. Tampouco mostrar obviedades como que cando o tempo da nosa vida chegue ao seu fin sobreviranos a morte.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 13/12/2021

Comparte esta noticia

Entre o 16 de setembro e o 21 de novembro tivo lugar no Círculo de Belas Artes de Madrid a exposición de Chema Madoz titulada «Crueldad», composta por setenta e tres fotografías do recoñecido artista madrileño, merecedor do Premio Nacional de Fotografía no ano 2000.

'Crueldad', do fotógrafo Chema Madoz
'Crueldad', do fotógrafo Chema Madoz | Fonte: Círculo de Bellas Artes de Madrid

Segundo reza o texto de presentación «Las imágenes que componen “Crueldad”, concebidas aquí como conjunto, quedan muy lejos de la sonrisa amable con la que en ocasiones se reciben las fotografías de Madoz […]. Pero todas revelan un aspecto inquietante que resulta de su particular agrupamiento: un elemento cruel, quizá siniestro, que irrumpe al cambiar nuestra mirada y abre un nuevo horizonte en el trabajo de este creador».

Con todo, a pesar do afirmado nesta descrición, o certo é que o que máis chama a atención da maioría das imaxes, e o que máis intriga ao observador, é como Madoz consegue facer ou obter os obxectos que se mostran nelas, por exemplo unha pegada dactilar atravesada por unha agulla, ou unha cobra a piques de introducir a súa lingua bífida nos orificios dun enchufe.

Cabe resaltar ademais que a técnica fotográfica semella ser bastante complexa, principalmente no que se refire á iluminación (son fotografías de estudo), a cal resulta ser un elemento fundamental á hora de transmitir o efecto perturbador que este autor persegue.

No imaxinario de Madoz destacan unha serie de obxectos que se repiten en diferentes contextos e en situacións paradoxais, adquirindo deste xeito un significado distinto en cada circunstancia, mais non tan afastado do orixinal como para desvirtualo ou facelo incomprensíbel: un reloxo na empuñadura dunha espada, unha folla de afeitar con función de marcapáxinas, un coitelo cuxo fío é unha regra…

A morte é un tema recorrente na exposición, aínda que plasmada co persoal estilo, ás veces enmascarado, ás veces explícito, do autor. Así ocorre cun reloxo de area en cuxo fondo se ergue unha modesta cruz. Con todo, non hai aquí crueldade, agás que consideremos a morte natural, despois de esgotado todo o noso impulso vital, un acto abominábel en lugar de liberador.

En realidade, non hai crueldade «sensu estricto» por ningures, polo menos non a que se espera do título que se lle deu á mostra.

Por outra banda, bastantes fotografías son como xeroglíficos que convidan ao público a que os resolva. É por iso que o máis admirábel de Madoz é a súa habilidade para crebar a relación unívoca que adoita darse entre as palabras e os obxectos que designan, non só a eles, senón tamén a súa función. Neste senso, pon en práctica de xeito maxistral as apreciacións que verte Michel Foucault en «As palabras e as cousas», libro no que o filósofo francés evidencia como a relación entre o significante e o significado non é unha relación de carácter esencial, senón azarosa.

Así mesmo, é aplicábel a algunhas das pezas expostas (como ocorre coa xa referida da cobra e o enchufe) o concepto de «deconstrucción» instituído por Jacques  Derrida en «Da gramatoloxía», sobre todo no aspecto sinalado por este filósofo en canto a que o sentido das obras artísticas carece de obviedade porque toda obra encerra unha ou varias ideas que o espectador ou o lector debe sacar á luz do entendemento.

A crítica máis coherente que é factíbel realizar ao conxunto da obra do Chema Madoz é, precisamente, a súa similitude cos xeroglíficos.

En efecto, a concepción do seu traballo trae ao recordo a Pedro Ocón de Oro, o famoso creador de innumerábeis xeroglíficos que publicou durante décadas en numerosos xornais de toda España. Don Pedro logrou que cada mañán millóns de concidadáns se debullaran os miolos tratando de achar a solución ao pasatempo do día.

Esta particularidade lúdica dunha parte relevante das composicións de Chema Madoz lévame a concluír que non ha lugar a conceptualo como artista, aínda que si como un fotógrafo sobresaínte.

Madoz, como Magritte, e como moitos outros que se pretenden ou nos venden como artistas, non pode ser considerado tal porque a función da arte é remover conciencias, non entreter nin expor enigmas pseudofilosóficos que deban descifrarse. Tampouco mostrar obviedades como que cando o tempo da nosa vida chegue ao seu fin sobreviranos a morte.

Irei, incluso, máis aló. A arte, para cumprir o seu labor social, ten que ser delito, senón é entretemento; e o artista un delincuente. Pero un delito e un delincuente de tal natureza que, en caso necesario, a solidez dos seus argumentos creativos exímao, no presente ou no devir histórico, de calquera posíbel condena.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta