A Cámara galega insta o Goberno central a elaborar un novo anteproxecto de Lei de Patrimonio Histórico

Aprobada por unanimidade unha proposta á Xunta para facilitar a formación da poboación nas contornas dixitais

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2021 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei para instar o Goberno central a elaborar un novo anteproxecto de Lei de Patrimonio Histórico Español dialogado e adecuado á lexislación vixente nas comunidades autónomas e que atenda á realidade galega.

A iniciativa, cos votos favorables do PP e a abstención da oposición, foi defendida en comisión polo deputado popular José Luís Ferro, que censurou o texto actual por tratarse dunha proposta "obsoleta", que "obvia o acceso ao patrimonio" e que "carece dunha visión integradora da conservación e posta en común dos bens".

Así mesmo, advertiu que o documento "non atende ao papel do patrimonio da sociedade actual" e que a redacción se presenta "cargada de erros, indefinicións e contradicións" que "retrotrae a un proceso de recentralización case predemocrático". Ferro referiuse, en concreto, a que a proposta de reforma "invade as competencias" das comunidades e trata de recuperar para as Estado "funcións que non é capaz de facer no día a día", ademais de "impor ríxidos trámites burocráticos que dificultan" a xestión nesta materia e "empeora a situación da cidadanía".

"Desde o primeiro momento a Xunta considerou que a proposta realizada polo Goberno central sostíñase sobre criterios e análises anacrónicas e desfasados temporalmente, que invadía claramente o ámbito competencial, e as relacións de lexítima confianza e colaboración entre as administracións públicas", manifestou. Por iso, a Xunta presentou alegacións ao texto "para lograr que os obxectivos da reforma coincidan coas necesidades reais" do patrimonio cultural galego.

FERRAMENTAS DIXITAIS

Doutra banda, foi aprobada por unanimidade outra PNL do grupo popular para solicitar á o Xunta que se desenvolvan ferramentas para axudar e facilitar a formación das persoas ao longo da vida a través das contornas dixitais.

O deputado Ovidio Rodeiro apelou a aprender das leccións da Covid-19, que situou a aprendizaxe a distancia "no corazón das prácticas educativas" e demostrou a importancia de contar cun sistema adaptado á era dixital.

Ábsida do mosteiro de Santa María de Penamaior
Ábsida do mosteiro de Santa María de Penamaior | Fonte: Patrimonio dos Ancares

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta