Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/12/2021 | Actualizada ás 22:00
Á par que o sector da acuicultura foi medrando, tamén aumentou a súa xeración de residuos. Ante este problema, investigadores das universidades de Vigo (UVigo) e Santiago de Compostela (USC) propoñen incluír a acuicultura na bioeconomía circular, a cal engloba o conxunto de todas as actividades económicas relacionadas coa produción, transformación e utilización, directa ou indirecta, de recursos de orixe biolóxica co fin de producir e transformar biomasa para a subministración de alimentos, pensos, materiais, enerxía e servizos relacionados cos cidadáns, potenciando o seu uso sostible e eficiente e reducindo ao mínimo a xeración de residuos .
Como lembran os investigadores (adscritos aos departamentos de Química Analítica e Alimentaria da UVigo e de Anatomía, Produción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC), “para conseguir un sistema de produción máis eficiente que cumpra coa normativa europea, os residuos e os subprodutos da acuicultura deben ser reutilizados para aumentar o seu rendemento”; un enfoque que, din, “repercutirá positivamente no seu rendemento económico, reducindo a súa xeración de residuos e protexendo así a saúde e o medio ambiente”.
Galicia produce máis do 20% dos produtos acuícolas xerados en Europa e máis do 80% en España
Galicia converteuse nos últimos anos nunha potencia en acuicultura, polo que o reto para o país é grande e cabe preguntarse que facemos cos residuos da industria acuícola. De feito, Galicia proporciona máis do 20% dos produtos acuícolas xerados en Europa e máis do 80% en España. Pois ben, estes investigadores presentan agora un estudo no que consideraron diferentes aplicacións para a reutilización de residuos e subprodutos da acuicultura galega.
Os expertos analizaron para o caso galego distintas alternativas para mellorar a sustentabilidade da acuicultura, a partir das potenciais transformacións de residuos específicos en subprodutos revalorizados e as súas múltiples aplicacións. E chegaron á conclusión de que “un dos enfoques máis eficientes é o establecemento de modelos que permitan a redución de residuos metabólicos, como a acuicultura multitrófica integrada” (a acuicultura multitrófica integrada é unha práctica na que varios sistemas acuícolas interactúan entre si e onde os refugallos xerados por algunhas especies son aproveitados por outras como alimento ou fertilizantes, creando un sistema sostible).
Para os subprodutos derivados da acuicultura, estes expertos consideran que “o proceso máis eficiente é a recuperación de biomoléculas importantes como proteínas (coláxeno, xelatina), polisacáridos (quitosano), lípidos (omega 3) ou pigmentos (astaxantina ou betacaroteno)”. Ademais, destacan que “as biomoléculas se poden aplicar para o consumo humano e animal, a industria alimentaria, a cosmética ou a farmacéutica”.
“Para cumprir co marco legal europeo e para seguir xogando no futuro un papel fundamental aportando proteína animal, a acuicultura comezou a desenvolver sistemas de produción sustentables, rendibles e respectuosos co medio ambiente. Para aumentar a produtividade dos sistemas acuícolas e reducir o seu impacto ambiental, os residuos derivados, como os produtos metabólicos ou os alimentos non consumidos, deben ser considerados fonte potencial de minerais, vitaminas, proteínas e lípidos para o seu posterior uso”, explican os investigadores.
Así, sitúan a acuicultura multitrófica integrada como “un modelo para cumprir todos estes requisitos”.
“Este deseño de produción implica o cultivo de poucas especies de diferentes niveis tróficos, polo que os residuos producidos polas de niveis superiores son insumos para especies de niveis inferiores, como ocorre nos ecosistemas naturais”, detallan os expertos.
A acuicultura multitrófica "reduce o impacto ambiental negativo” deste sector
Como explican, o primeiro nivel inclúe normalmente peixes, crustáceos e cefalópodos; o segundo engloba en invertebrados filtradores e suspensívoros (utilizan un proceso de filtración de auga para capturar partículas das que se alimentan), que se alimentan de materia orgánica xerada polo primeiro nivel; no terceiro nivel sitúan as macroalgas mariñas, que utilizan compostos inorgánicos, como os dos produtos excretores liberados por especies dos niveis anteriores. Precisamente, as macroalgas están consideradas unha das claves da acuicultura multitrófica integrada, polo papel que desempeñan, xa que “eliminan o exceso de nutrientes disoltos e CO2, evitando o proceso de eutrofización” (a eutrofización é o proceso de contaminación provocado polo exceso de nutrientes nun ecosistema acuático, principalmente nitróxeno e fósforo).
“Numerosos autores defenden que a presenza de macroalgas é un dos factores máis importantes na acuicultura multitrófica integrada. As granxas de monocultivo descargan grandes cantidades de efluentes con residuos sólidos (alimentos non consumidos, feces) e nutrientes disoltos que poden inducir a eutrofización da auga e afectar os ecosistemas. As algas utilizadas na acuicultura multitrófica integrada eliminan o exceso de nutrientes disoltos e CO2, evitando o proceso de eutrofización”, explican os investigadores da UVigo e USC, que defenden que a acuicultura multitrófica integrada permite a “produción de diferentes especies valiosas con menor cantidade de consumibles e reduce o impacto ambiental negativo”, e, polo tanto, “favorece o uso responsable dos recursos naturais e unha produtividade sostible”, subliñan.
EXPERIENCIAS NO GROVE E BETANZOS
En Galicia realizáronse varias aproximacións á acuicultura multitrófica integrada, tanto en sistemas pechados como en augas abertas, promovidas pola Xunta Nacional Asesora de Cultivos Mariños, e os resultados, até o de agora, “demostraron a eficacia deste modelo acuícola”, salientan os autores do estudo.
Así, comentan como casos de éxito os experimentos realizados no Grove e Betanzos, como exemplos de circuítos pechados e abertos, respectivamente.
Coa acuicultura multitrófica integrada, as sementes de ostra creceron ata 0,07 gramos e a biomasa de ameixas aumentou de 2 a 29 quilos
“A experiencia en acuicultura multitrófica integrada desenvolvida no Grove utilizou efluentes dunha granxa de rodaballos para o cultivo de moluscos filtrantes (ameixas e ostra), suspensívoros (anémonas) e algas (Saccharina latissima e Ulva spp.). Os resultados indicaron a viabilidade dos ensaios para moluscos filtradores: as sementes de ostra creceron ata 0,07 gramos e a biomasa de ameixas aumentou de 2 a 29 quilos (en dez meses, con taxas de mortalidade inferiores ao 18,5%). De feito, as sementes de ameixa (0,010-0,012 g/individuo) obtidas deste experimento creceron recentemente como parte doutro traballo” e “mostraron non só viabilidade, senón un gran rendemento, alcanzando tamaños finais de 3-5,83 g/individuo”, describen os expertos.
En canto á biomasa de algas, esta “incrementouse nun 37% para Saccharina latissima e nun 568% para Ulva, e logrouse a reprodución de Anemonia viridis”, apuntan os científicos, que destacan que “esta mellora exitosa da biomasa leva a un importante beneficio económico, tendo en conta que hoxe en día existe un interese crecente na explotación de algas mariñas con fins alimentarios e farmacéuticos”.
Hai máis beneficios. No plano económico, “tendo en conta o beneficio obtido orixinariamente da produción de rodaballo, pódese conseguir unha mellora económica especialmente ao acadar unha produción eficiente de sementes de ostra (225€/kg), ameixas (ata 28€/kg), anémonas (46€/kg). kg) e Ulva (ata 93€/kg)”, cuantifican os autores do estudo.
Tamén consideran demostrado que este modelo de cultivo mediante efluentes de rodaballo “reduce eficazmente a concentración de amonio, previamente potenciada polos peixes”.
En canto aos sistemas de augas abertas, destacan que a maioría dos estudos realizados en Galicia sobre acuicultura multitrófica integrada están relacionados co cultivo de mexillón.
"A acuicultura multitrófica integrada en augas abertas mellora a calidade da auga ao reducir a súa carga de amonio"
Se no Grove os resultados apuntan a efectos positivos da acuicultura multitrófica integrada en sistemas pechados, o caso de Betanzos fai oi mesmo en augas abertas, xa que se demostrou que “a acuicultura multitrófica integrada desenvolvida en augas abertas tamén mellora a calidade da auga ao reducir a súa carga de amonio, ao tempo que mellora a eficiencia do sistema de produción”, apuntan os científicos das universidades galegas, que exemplifican o caso de éxito nos resultados obtidos, os cales “suxiren que o amonio asimilado por Saccharina latissima se transforman en proteínas, que finalmente melloran o seu valor nutricional”.
“A acuicultura multitrófica integrada desenvolvida en augas abertas tamén mellora a calidade da auga ao reducir a súa carga de amonio ao tempo que mellora a eficiencia do sistema de produción. De feito, proporciona dúas valiosas fontes de ingredientes naturais, mexillóns e Saccharina latissima. Ambos os dous poden ser explotados para o consumo humano ou para aplicacións máis innovadoras na industria cosmética ou alimentaria, empregados como aditivo alternativo”, resumen os científicos.
E outro efecto beneficioso que destacan do uso combinado de algas mariñas na acuicultura é o control que fan de organismos patóxenos, reducindo a mortalidade de larvas de peixe, por exemplo.
APLICACIÓN INNOVADORA DE SUBPRODUTOS DA ACUICULTURA
En canto aos subprodutos da acuicultura que poden ser reutilizados de diversas formas, os expertos destacan a aplicación dun “modelo xerárquico a todos os subprodutos” para maximizar o rendemento desta industria. “A finalidade principal desta pirámide é evitar a produción de residuos e, polo tanto, poñer en marcha un sistema eficiente e xestionado axeitadamente”, apuntan os investigadores, para os que os subprodutos da acuicultura “deberían reutilizarse para reducilos á mínima cantidade e evitar a súa liberación ao medio ambiente”.
Como aclaran, os produtos primarios da acuicultura son os que se obteñen do proceso de produción principal, mentres que os subprodutos son os obtidos secundariamente. O potencial dos subprodutos, segundo estes expertos, é que “poden ser reintroducidos na cadea alimentaria como ingredientes destinados ao consumo humano”, ademais de que “a reutilización dos subprodutos da acuicultura permite recuperar ingredientes de alto valor económico para outras industrias”.
As posibles aplicacións dos produtos derivados dos animais da acuicultura a diferentes sectores relevantes en Galicia van desde ingredientes para a alimentación humana e animal, até o seu emprego en agricultura ou na industria para a fabricación de envases de alimentos, cosméticos ou produtos farmacéuticos, ou a produción de biodiésel e a creación de bioenerxía.
CAMBIO CLIMÁTICO E COVID-19
Outro reto que ten o sector acuícola é o cambio climático, o cal “está a ameazar a sustentabilidade da acuicultura mariña”, como advirte outro estudo asinado por investigadores do Departamento de Ciencias do Mar e Bioloxía Aplicada da Universidade de Alacante, o Instituto de Investigaciones Mariñas IIM-CSIC (en Vigo), o Consello Regulador Mexillón de Galicia, o Departamento de Ciencia Animal da Universitat Politècnica de València, o Instituto de Investigación Informática da Universidad de Alacante, e do Laboratorio de Ecoloxía da Universidade de Palermo (Italia).
“A acuicultura mariña española estivo intensamente sometida a estresores climáticos que a fixeron máis vulnerable á covid-19"
Este grupo de investigadores advirte de que a estes problemas engádese a crise causada pola pandemia de covid-19, a cal “foi unha fonte adicional de perturbación para un sector xa debilitado”. Estes expertos consideran que a industria acuícola “debe aumentar a súa resiliencia fronte a estresores actuais e inesperados”.
En concreto, estes investigadores explican como aos “múltiples factores de estrés como os que exerce o cambio climático global” sobre a acuicultura se sumou a pandemia de covid-19, “agravando” a situación deste sector.
Así, decidiron analizar a situación pre-covid-19 en dúas das comunidades autónomas con maior produción acuícola, Galicia e a Comunidade Valenciana. Os investigadores analizaron a incidencia de tormentas, vagas de calor e peche de cultivos de mexillón no sector, e valéronse de enquisas para coñecer a percepción dos produtores en canto aos problemas económicos derivados da covid-19 e as súas preocupacións medioambientais. Tamén analizaron a tendencia temporal da produción de mexillón.
Na súa opinión, “a acuicultura mariña española estivo intensamente sometida a estresores climáticos que a fixeron máis vulnerable á covid-19, mostrando certa debilidade en termos de produción, como se pode observar na produción de mexillón e no consumo en fresco”.
Pero ante eses estresores, salientan que a acuicultura extensiva e a acuicultura multitrófica integrada “foron algo máis resistentes ao impacto da covid-19”.
Co fin de garantir a sustentabilidade ambiental e económica da acuicultura mariña, nun escenario pandémico incerto, consideran “necesarios programas de adaptación e plans de recuperación máis resistentes que teñan en conta os efectos do cambio climático” neste sector.
“Se a acuicultura mariña, baseada nunha xestión ecosistémica da súa actividade e nunha previsión dos efectos do cambio climático, é menos vulnerable a oscilacións impredicibles dos cambios ambientais, tamén será menos vulnerable a crises inesperadas como a da covid-19”, argúen estes científicos, para os que “unha correcta planificación do territorio tamén pode mitigar os efectos do cambio climático”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.