David Pérez: "O Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa está documentado desde o século X en Celanova"

A Asociación Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa naceu hai dous anos coa intención de por en valor esta ruta xacobea que atravesa o Xurés comezando desde Braga e finalizando en Compostela. Agora esta asociación vén de ser recoñecida pola Igrexa o que avala os futuros traballos para consolidala como camiño xacobeo. Falamos co seu presidente, David Pérez despois desta nova.

Por Moncho Mariño | Ourense | 12/12/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Que tipo de recoñecemento tiña a Asociación Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa e o camiño que representa?

Capela mozárabe de San Miguel
Capela mozárabe de San Miguel

A asociación creouse en 2019 para pór en valor o Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa. Xa se fixeran moitos traballos en relación a este camiño, sobre todo desde a Asociación Arnau, unha asociación de montaña que traballa na comarca do Xurés. Os traballos e os estudos non chegaban a bo porto a pesar de enviar documentación para demostrar que era unha ruta de peregrinación. Con isto xuntámonos varias asociacións e persoas interesadas no mesmo camiño e fundamos a Asociación de Amigos do Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa, con esa vocación. A partir de aí fomos celebrando reunións e encontros para ir xuntado forzas e así ter o recoñecemento. Creamos un logo, investigamos máis o camiño, buscamos máis documentación que aportaron desde Celanova e Portugal. Así pois, sendo un camiño que pasa por unha reserva da biosfera, que eran xa camiños tradicionais e que pasaba unha vía romana a Via Nova, usada para as peregrinaxes desde Braga até Compostela, ademais tamén fomos documentando a presenza dos diferentes hospitais de peregrinos e outros símbolos. Desta maneira recollemos unha serie de documentación que presentamos para xustificar que estabamos diante dunha ruta xacobea. E agora Xunta admitiuno como candidato a ser declarado oficialmente camiño xacobeo, con todo o que iso conleva para a nosa comarca.

-En que afectaría á comarca?

Fose ou non polas crenzas relixiosas, eu vinculeime a este camiño porque podería ser unha riqueza para a nosa comarca, o Xurés, e isto podería darlle outro atractivo máis. Aquí poderíase aproveitar todo este patrimonio incluíndo o histórico como Santa Comba de Bande, o Xurés e convertelo nunha peza base deste camiño.

Xa se fixeran moitos traballos en relación a este camiño, sobre todo desde a Asociación Arnau, unha asociación de montaña que traballa na comarca do Xurés

David Pérez, Segundo Pérez e Marta Delgado
David Pérez, Segundo Pérez e Marta Delgado | Fonte: ACSRRS

-A asociación naceu en Celanova.

Si, na Casa dos Poetas, da Fundación Curros Enríquez. Agora é un espazo de reunión para asociacións e actividades culturais.

-Finalmente como conseguistes reunirvos co responsable da Oficina Internacional do Peregrino en Compostela para recibir o apoio ao voso proxecto?

Foi a través de diversas cartas e tamén por enviarlle todo o dossier coa documentación recollida pola nosa secretaria Laura. Unha vez que puido ver o dossier e estudalo nunha das reunións que celebran sobre estes asuntos, foi a partir de aí cando nos contactaron e nos recibiron.

Recollemos unha serie de documentación que presentamos para xustificar que estabamos diante dunha ruta xacobea

-A Igrexa xa tiña noticias deste camiño antes de que comezarades a enviar documentación?

O deán si tiña información sobre este camiño, xa tivera coñecemento sobre el desde había uns anos e tamén nos confirmou ter estudado a nosa proposta e estivera escrutando os documentos relacionados, non era nada descoñecido para el.

-Por outra parte, a Xunta de Galicia asina un acordo co CSIC para que, a través do Instituto Padre Sarmiento, para elaborar unha ferramenta que permita o estudo dos elementos que compoñen o Camiño de San Rosendo.

Realmente é un procedemento básico que se segue para a investigación de toda ruta por parte das autoridades autonómicas. Para o recoñecemento definitivo, o CSIC fará un estudo previo en base a toda a documentación que lle aportamos e á que eles teñan xa de seu. A partir de aí, solicitará un estudo multidisciplinar que virá ao territorio para describir por onde discorría o camiño coa maior exactitude posible. Nalgúns lugares perdeuse, noutros fixéronse obras que non respectaron o camiño histórico. Por iso ese estudo será fundamental para describir por onde transcorría a ruta e seguidamente elaborarase unha guía, un documento fiable, para que o peregrino poida saber en todo momento onde está cada punto, os albergues e cales serán as diferentes etapas.

-Nun comunicado apuntades que o número de camiñantes aumentou durante os últimos tempos. Quen tivo máis peso para dar a coñecer esta vía de peregrinaxe, o lado portugués ou o galego?

Foi desde o lado galego. Desde Portugal tiñan constancia da peregrinación da raíña Isabel II a Santa, mais tampouco tiñan unha documentación clara sobre o tema. Esperamos que agora se sumen os do lado portugués, pois ademais do recoñecemento dado agora está a información compartillada en redes e medios. Xunto a isto tamén hai unha empresa de turismo MiraXurés que fai o camiño por etapas que organiza viaxes desde Braga xuntando 30 ou 40 persoas. En fin de semana van de Celanova a Ourense nunha etapa de coñecemento para informarnos sobre as etapas para logo consolidar as rutas.

-Que tipo de documentos recollestes e a que fontes recorrestes?

Primeiro foi coa Asociación Arnau como xa dixen, coa Asociación Vilela de Bande, con Manuel Rivero, logo José Benito Reza de Celanova, Manuel Piñeiro, que foron recollendo información. Así levamos desde o 2006. O documento máis importante é o tombo do mosteiro de Celanova, do século X. Aí dase constancia do hospital de peregrinos, do guieiro e outras noticias que teñen que ver co Camiño. En Portugal, os documentos do mosteiro de Dumio en Braga, a documentación dun frade portugués, Matos Ferreira. Durante o século XVII percorre a Via Nova desde Braga a Santiago. Matos Ferreira escribiu o libro Tesouro de Braga atopado no campo do Geres do que agora hai unha edición facsimil. Nel vai describindo todo o camiño xacobeo con todos os pasos, onde están os hospitais e en Santa Comba de Bande e aproveita unha ruta que vai através do alto do Vieiro até Ourense.

Solicitarase un estudo multidisciplinar que virá ao territorio para describir por onde discorría o camiño coa maior exactitude posible

-O mosteiro de Celanova é onde están os restos de San Rosendo. Cal é a importancia deste santo para recoller o seu nome mesmo para a vosa asociación?

É un nome moi asociado ao culto xacobeo e como San Rosendo fundou o mosteiro de Celanova e hai constancia de peregrinación na súa época, foi bispo de Mondoñedo e virrei de Galicia, por toda a connotación historia que ten, ese nome dálle forza ao camiño.

-Cales son as vosas expectativas a medio prazo despois de ter este recoñecemento como ruta xacobea?

A curto e medio prazo as principais accións que queremos afrontar son, encher a nosa web con toda a documentación e datos sobre o camiño, conseguir a sinalización correcta e estudar e ter información do tramo Celanova-Ourense, que é o menos estudado. Eses son a medio prazo os obxectivos. Tendo todo iso xa se pode dar pé para dar máis valor e mellor preservación ao camiño, porque terá un nivel de proteción das dúas bandas, algo necesario para preservar o patrimonio relixioso, ambiental, arquitectónico e o patrimonio histórico.

-Como vos gustaría que as persoas que viven no traxecto deste camiño se impliquen nesta ruta?

Si que pensamos en subsanar o descoñecemento do propio camiño entre a xente que vive arredor del. Iso a xente, cando vexa como se vai incrementando a intensidade de visitas e peregrinacións, tamén se irá sumando. Tamén programamos para o ano que vén ir aos colexios da comarca para que os pequenos coñezan os diferentes tramos e o que pode significar para desenvolver a comarca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xavolve

Veña, un máis, qué non pare a máquina de argallar camiños e todos conduzan a Santiago (ata os que van a Roma e á Meca, a iste paso...).