O Concello de Lugo presenta uns orzamentos para 2022 "solidarios" e "expansivos"

Son medio millón máis que este ano, até case os 107 millóns de euros, e están articulados ao redor de "tres eixos": "políticas sociais", "diversificación económica" e "sustentabilidade".

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 10/12/2021 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

O goberno do Concello de Lugo deseñou uns orzamentos "solidarios" e "expansivos" para o ano 2022 que ascenden a case 107 millóns de euros, medio millón máis que este ano e que están articulados ao redor de "tres eixos": "políticas sociais", "diversificación económica" e "sustentabilidade".

Rolda de prensa sobre os orzamentos do Concello de Lugo para 2022.
Rolda de prensa sobre os orzamentos do Concello de Lugo para 2022. | Fonte: Europa Press

Así as definiron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o seu tenente de alcalde, Rubén Arroxo, que presentaron unhas contas que serán levadas ante o pleno municipal o próximo 20 de decembro nunha sesión que desenvolverá de forma telemática.

Lara Méndez destacou que este orzamento "está pensado para ser o motor da reactivación da vida social e económica que comeza a ver a luz despois de dous anos marcados pola pandemia".

"Debemos seguir envorcando todos os nosos esforzos, liderando políticas públicas que acompañen, ademais, a todos e cada un dos veciños da cidade. O obxectivo é atender aos veciños, atender ás persoas", remarcou.

As contas, segundo explicaron a rexedora e o portavoz do BNG lugués, pivotan sobre "tres eixos": "manter o escudo social" desenvolvido durante a pandemia, "consolidar a senda da recuperación e a diversificación económica" e facer de Lugo "unha cidade sustentable, verde, confortable e onde as persoas sexan o centro de atención".

O proxecto de orzamentos ascende a un total de 106,8 millóns de euros, un 6,8% máis respecto das contas deste exercicio que se traducen en termos absolutos en medio millón de euros máis en comparación con 2021.

Ao capítulo de investimentos destínanse 11,1 millóns de euros, aínda que coas achegas do Estado "poden chegar aos 20 millóns". Neste apartado contemplaranse, entre outras actuacións, a "peonalización" de todo o centro histórico da cidade.

Ademais, as contas incorporan 1 millón de euros de "remanentes" do presente exercicio económico para proceder á demolición das torres do Garañón, un proceso que a alcadesa confía en que se inicie o próximo ano.

Pola súa banda, o seu socio de goberno nacionalista, o tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo, destacou que "nun momento como este, que estamos a saír dunha crise sanitaria que leva consigo unha crise económica, calquera goberno de esquerdas ten que apostar por uns orzamentos expansivos".

"Fixémolo o ano pasado e volvémolo facer este ano. Son uns orzamentos que avanzan na liña de facer unha cidade máis amable, máis segura e máis viva", resaltou Arroxo.

NOVO CONTRATO DE LIMPEZA

Tamén interveu o outro tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, que se centrou no novo contrato da limpeza da cidade, que ascende a máis de 13 millóns de euros ao ano, ata completar os 134 millóns polos que se adxudicou o servizo para os próximos 10 anos.

Noutros gastos, aumenta as partidas destinadas ás festas do San Froilán (1.087.000), así como para o Arde Lucus e o Caudal Fest, que levarán máis de medio millón de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta