Alberto Gago ingresa na Real Academia Galega de Ciencias cun discurso sobre o cambio climático como "principal reto"

O novo académico é doutor en Economía e catedrático de Facenda Pública.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/12/2021 | Actualizada ás 19:18

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega de Ciencias celebrou o acto de ingreso do doutor en Economía e catedrático de Facenda Pública, Alberto Gago Rodríguez, quen realizou un discurso no que chamou a atención sobre que o cambio climático supón o "principal reto" da civilización.

Alberto Gago
Alberto Gago | Fonte: RAGC - Twitter.

Este mércores no Pazo de San Roque de Santiago, o catedrático, que se integrará na institución como académico da Sección de Ciencias Económicas e Sociais, relacionou o quecemento global coa economía e as políticas públicas.

O discurso foi respondido en nome da Academia polo membro e presidente da Sección de Ciencias Económicas e Sociais, o catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña (UDC) José Ramón Cancelo de la Torre.

Durante o seu discurso, Gago tocou varios temas como as estratexias económicas para loitar contra o cambio climático ou o alcance e posibilidades dos impostos ambientais e o seu papel na transición ecolóxica.

Para concluír o seu discurso, o novo membro da RAGC destacou a reacción da sociedade durante as últimas décadas ante a emerxencia climática e sinalou que a pandemia reforzou este empeño. "Demostrou que temos unha enorme capacidade social para adaptar hábitos e procesos, para mobilizar elevadas sumas de fondos e para acelerar a innovación cando nos enfrontamos ao maior reto posible: a sustentabilidade da nosa civilización", afirmou.

ÉXITOS ACADÉMICOS

A RAGC respondeu a Gago co discurso do presidente da Sección de Ciencias Económicas e Sociais, José Ramón Cancelo de la Torre, no que o catedrático fixo un percorrido polos éxitos académicos do novo membro, como a súa iniciativa nos anos 90 de comezar novas liñas de investigación centradas no deseño de instrumentos de política ambiental, a reforma fiscal verde e a relación entre a imposición e a eficiencia enerxética.

Ademais da súa extensa carreira científica, o discurso da RAGC lembrou que Gago dirixiu multitude de teses doutorais, grupos de investigación, comisións de xestión de investigación, transparencia e formación de investigadores, implicándose coa súa institución, a Universidade de Vigo, da que foi reitor entre 2006 e 2010.

"A traxectoria de Gago é a dunha persoa que renunciou aos seus intereses persoais nun dos seus mellores momentos profesionais para dedicarse de maneira absoluta e incondicional á súa universidade", concluíu Cancelo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta