Por Europa Press / Redacción | Lugo | 21/12/2021 | Actualizada ás 16:26
O Concello de Cervo vai explorar a posibilidade de dispor de cámaras de vixilancia para evitar casos como as gravacións "ilegais" durante a festa da Maruxaina, que se celebra a mediados de agosto neste concello da Mariña lucense. Así o trasladou o alcalde, Alfonso Villares, quen matizou que a normativa dificulta este tipo de dispositivos en zonas públicas.
"Podémonos topar con ese impedimento, porque mesmo casos en que nós, desde o Concello, tentamos pór cámaras houbo algún particular e asociacións que nos alegaron por esas gravacións porque atentaban contra a intimidade das persoas", obxectou.
Villares tamén deixou caer que para esas festas se poida "intensificar a vixilancia" e referiuse ao caso das gravacións ilegais producidas durante A Maruxaina, na que foron gravadas diversas mulleres ouriñando.
O rexedor lamenta que "é moi complicado" controlar que "esas gravacións ilegais se poidan colgar mesmo en páxinas pornográficas". "Creo que pasa en máis partes do país, pero hai que saber quen está detrás deste tipo de actos", sostén.
Villares pon o acento en que se podería chegar a desbaratar esta estratexia a través da tecnoloxía "apropiada" para dar co rastro en Internet de quen comete eses "delitos" contra a intimidade. "Haberá que permitir que se poñan para despois visualizar quen son os autores deste tipo de delincuencia", advertiu.
Así o trasladou despois de que o xulgado de Viveiro abrise de novo unha investigación polo caso da Maruxaina.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.