Por Europa Press / Redacción | Compostela | 23/12/2021 | Actualizada ás 11:58
Galicia superou nas últimas horas a súa marca de contaxios diarios de Covid, ao detectarse 2.263 casos novos, unha cifra inédita desde o inicio da pandemia, aínda que a presión hospitalaria contense, cunha lixeira subida de pacientes en UCI, e un leve descenso de ingresados en camas convencionais.
Segundo os datos feitos públicos este xoves pola Consellería de Sannidade (con información recollida ata as 18,00 horas deste mércores) nas últimas horas detectáronse en Galicia 2.263 casos positivos de Covid, o que eleva a cifra total de persoas coa enfermidade activa a 18.664 casos.
Estas cifras de contaxios supera os picos alcanzados en xaneiro deste ano, aínda que é certo que, naquel momento, aínda que o número de casos activos era similar ao de agora, a presión hospitalaria era moito maior. De feito, na xornada deste xoves informouse de 273 persoas ingresadas con Covid, das que 50 están na UCI. O 23 de xaneiro pasado, con todo, cunha cifra de contaxios diarios de 1.888 casos novos, o número de persoas ingresadas en unidades de coidados críticos era de 142, case o triplo que as actuais.
CONTAXIOS E CASOS ACTIVOS POR ÁREAS
Os novos contaxios incrementáronse en todas as áreas sanitarias, salvo a de Vigo que, no entanto, segue tendo o maior número de casos novos detectados. Así, na área olívica, os contaxios novos das últimas horas ascenden a 532 e o número de casos activos sitúase en 5.936 (230 máis que hai un día).
Na área da Coruña-Cee, detectáronse 406 contaxios novos e o número de casos activos subiu ata 2.985 (307 máis); na área de Pontevedra-O Salnés, hai 360 persoas contaxiadas máis e os casos activos son 2.840 (265 máis); e na área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras volveron a subir os contaxios novos e os casos activos, 254 e 2.560 (33 máis), respectivamente.
Mentres, na área sanitaria de Santiago-Barbanza, rexistráronse 358 novos contaxios e os casos activos elévanse a 2.262 (316 máis); na área de Lugo, Monforte e A Mariña detectáronse 200 contaxios e os casos activos soben a 1.319 (166 máis); e na área de Ferrol, hai 153 contaxiados novos e 762 casos activos (120 máis).
PRESIÓN HOSPITALARIA
Con respecto á presión hospitalaria, na xornada deste xoves Sanidade informou de que hai 273 persoas ingresadas, 50 delas en Unidades de Coidados Intensivos (catro máis que hai un día) e 223 en camas convencionais (cinco menos).
Por áreas, a de Vigo mantén o maior número de enfermos graves, con 16 persoas ingresadas en UCI, e ten 65 pacientes en 'planta' (6 menos); na área de Pontevedra hai 10 persoas en UCI (unha máis) e 41 en unidades convencionais (unha máis); mentres que na Coruña hai 7 enfermos de Covid en UCI e 37 en 'planta' (2 máis).
Na área sanitaria de Ourense tamén hai 7 enfermos críticos (un máis) e 39 pacientes en camas convencionais (2 menos); na área de Santiago hai 4 pacientes con Covid en UCI (2 máis) e 22 en 'planta'; na área de Lugo hai 3 pacientes críticos e 12 en 'planta' (un máis); e na área de Ferrol hai outros 3 pacientes en UCI e 7 en hospitalización convencional (un menos).
PROBAS
Segundo informou Sanidade, a taxa de positividade das probas PCR (o número de casos positivos por cada cen probas realizadas) situouse no 14,1 %, lonxe do 5 % que establece a OMS como limiar para dar por controlada a pandemia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.