Denuncian a contaminación con metais pesados de augas en Rede Natura pola mina Penouta

Ecoloxistas en Acción insta á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a incoar un expediente sancionador e dirimir responsabilidades.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/01/2022 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

As masas de auga de Treita de Cortiñas, Rego de Valdafranca e Rego dos Corvos, en Rede Natura 2000, superaran en varias ordes de magnitude os valores máximos permitidos para arsénico, mercurio, cadmio e chumbo. Diso vén de alertar Ecoloxistas en Acción, que apunta que os datos de varios informes en poder das administracións evidencian o estado de "contaminación grave por metais pesados e a ausencia de calquera previsión de tratamento para impedir que continúe esta situación". Por iso, a organización ecoloxista vén de denunciar á empresa da mina da Penouta, Strategic Minerals, ante a Confederación Hidrográfica Miño- Sil.

Mina da Penouta, en Viana do Bolo
Mina da Penouta, en Viana do Bolo | Fonte: youtube.com

No propio Estudo de 'Determinación de los Niveles de Referencia' presentado pola propia empresa mineira, aseguran dende Ecoloxistas en Acción, evidénciase que os valores máximos detectados son "verdadeiramente alarmantes e moito máis elevados que os xa ilegais 'niveis de referencia' propostos". Así, no rego da Treita de Cortiñas, o arsénico alcanza os 128 µg/L, o cadmio os 50 µg/L, o mercurio os 1,15 µg/L, chumbo 50 µg/L e o cinc 1363 µg/L; mentres que no rego da Valdafranca, os valores de arsénico chegan a alcanzar os 283 µg/L e os de mercurio 0,30 µg/L. Todas estas concentracións son varias ordes de magnitude por riba dos limiares que marca a Normativa de Calidade Ambiental.

A mina situada no concello de Viana do Bolo, sinalan desde a organización ecoloxista, é un gran foco de contaminación con metais pesados das masas de auga circundantes (situadas en Rede Natura 2000), tanto polas características xeoquímicas do xacemento como polo incumprimento por parte das sucesivas concesionarias e da administración das súas obrigas en materia de restauración do espazo afectado por actividades mineiras.

 

Por iso, instan á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a que determine o alcance da contaminación das masas de augas a consecuencia da emisións de substancias perigosas procedentes da mina da Penouta. Ademais solicitan que a Confederación incoe un expediente sancionador, dirima a responsabilidade medioambiental da empresa concesionaria e impoña as medidas preventivas necesarias para impedir a continuidade dos vertidos contaminantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta