Seguridade alimentaria na Eurorrexión: Galicia e Portugal deseñan sistemas innovadores para detectar contaminantes

Investigadores galegos e portugueses do proxecto FoodSens presentan sistemas de baixo custo e rápidos para identificar perigos para a saúde humana nos alimentos producidos na Eurorrexión. O obxectivo é establecer unha Rede Transfronteiriza de Tecnoloxías Sensóricas en Seguridade Alimentaria.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O proxecto “Transferencia de tecnoloxías sensóricas para previr riscos alimentarios”, FoodSens, vén de cumprir dous anos de execución con avances substanciais para limitar os perigos para a seguridade alimentaria que afectan á produción de alimentos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Como parte deses progresos, investigadores do proxecto presentan agora os avances rexistrados para a detección dos principais contaminantes identificados, como a proliferación de algas nocivas, micotoxinas (toxinas fúnxicas), listeria monocytogenes (bacteria causante da listeriose), alérxenos e hidrocarburos aromáticos policíclicos (grupo de máis de 100 substancias químicas diferentes que se forman principalmente durante a combustión incompleta de materia orgánica como o carbón, petróleo, gasolina e lixos, así como outras substancias orgánicas, como tabaco, carne preparada na grella, etc.).

Carne de boi
Carne de boi | Fonte: Concello de Allariz.

FoodSens está liderado por Anfaco-Cecopesca e colaboran tamén o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC,  o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo, o Instituto de Ciências, Tecnologias e Agroambiente da Universidade do Porto, a Associação de Produtores de Leite e Carne (LEICAR) de Portugal e o Center for Microelectromechanical Systems (CMEMS) da Universidade de Minho.

“Controlar e vixiar este tipo de perigos é un reto, especialmente para as pequenas ou medianas empresas que abundan na Eurorrexión”

Partindo da evidencia de que a produción de alimentos é un piar socioeconómico importante na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, onde algas nocivas, micotoxinas, listeria monocytogenes e alérxenos e hidrocarburos aromáticos policíclicos foron identificados como perigos relevantes para os alimentos producidos nesta área, os investigadores veñen desenvolvendo metodoloxías e técnicas analíticas para garantir a seguridade dos alimentos producidos aquí.

Algo moi necesario, xa que “malia o establecemento de normas legais para garantir a seguridade alimentaria e da importante capacidade analítica actual para detectar os perigos para a inocuidade dos alimentos, estes perigos continúan presentes ocasionalmente en niveis inaceptables nos produtos alimenticios”, advirten os expertos deste proxecto.

“É evidente que controlar e vixiar este tipo de perigos é un reto, especialmente para as pequenas ou medianas empresas que abundan na Eurorrexión”, engaden os responsables de FoodSens.

O certo é que a agroalimentaria é unha das industrias claves na Eurorrexión e determinou historicamente as características socioeconómicas de Galicia e do Norte de Portugal. Os obxectivos do proxecto FoodSens están aliñados coa estratexia conxunta entre Galicia e Portugal de tomar medidas que axuden a garantir a subministración de alimentos seguros e saudables aproveitando as principais tecnoloxías facilitadoras, concretamente, neste caso, co desenvolvemento de biosensores capaces de controlar os perigos relevantes para a seguridade dos alimentos producidos na Eurorrexión.

Para isto, deseñáronse metodoloxías e técnicas analíticas para o seguimento dos principais perigos alimentarios identificados polos expertos.

“Os consumidores modernos demandan alimentos máis naturais, máis saudables e sen aditivos que tamén sexan máis doados de preparar, ou mesmo xa preparados. Como resultado, a produción dunha gran variedade de alimentos listos para comer –en moitos casos, minimamente procesados– foi aumentando nas últimas décadas, e agárdase que esta tendencia continúe no futuro”, expoñen extes expertos.

Entre os perigos sinalan, por exemplo, como o procesamento mínimo dos produtos e a falta dunha fase microbicida para acabar con posibles microbios antes do consumo aumentan o risco de listeriose, especialmente, din, polo consumo de produtos do mar e cárnicos. A listeriose é unha enfermidade transmitida por alimentos contaminados coa bacteria listeria monocytogenes e pode atoparse nunha variedade de alimentos crus, así como en alimentos procesados e feitos con leite non pasteurizado. A listeria é distinta a moitos outros xermes porque pode crecer mesmo dentro das temperaturas frías dun refrixerador. Os alimentos máis frecuentemente asociados coa listeriose son os listos para o consumo refrixerados cunha vida útil prolongada. Nos gromos coñecidos a nivel mundial, os alimentos implicados incluíron produtos cárnicos listos para o consumo como salchichas cocidas ou patés, peixes afumados, produtos lácteos (queixos de pasta branda, leite cru e xeados elaborados con leite cru) e ensaladas preparadas, así como verduras e froitas frescas.

“Os operadores de empresas alimentarias e as autoridades deben controlar e supervisar estes perigos ao longo de toda a cadea alimentaria”

En canto aos alimentos procesados, os expertos do proxecto FoodSens ​​recordan que estes “adoitan ter varios ingredientes e poden conter varios alérxenos”, tendo como resultado “un número crecente de alimentos que poden causar alerxias”. Ademais, sinalan, “as actividades fraudulentas poden aumentar a complexidade da detección de alérxenos”.

Por outro lado, lembran, a actividade humana “seguirá liberando contaminantes ao medio ambiente no futuro (por exemplo, hidrocarburos aromáticos policíclicos), especialmente en áreas moi poboadas, como gran parte das zonas costeiras da Eurorrexión”, afectando tamén aos alimentos, que poden incluír estas substancias químicas ben por contaminación ambiental ou por procedementos de afumado, secado e quecemento durante a transformación dos alimentos.

Nesta liña, argúen, “o quecemento global e o cambio climático poden mellorar a aparición de problemas de seguridade alimentaria, como unha maior frecuencia de hidrocarburos aromáticos policíclicos e cambios nos patróns cualitativos e cuantitativos de produción de micotoxinas”.

En resumo, todos estes perigos “poden provir de fontes naturais, pero tamén do ambiente de produción dos alimentos, das actividades antrópicas [humanas] ou mesmo do procesamento de alimentos”, polo que “os operadores de empresas alimentarias e as autoridades de seguridade alimentaria deben controlar e supervisar estes perigos ao longo de toda a cadea alimentaria”, explican. Pero como?

SENSORES BARATOS, PRECISOS E RÁPIDOS

Estes expertos recoñecen que os métodos de análise dispoñibles actualmente proporcionan unha “gran sensibilidade, especificidade e precisión” para identificar eses riscos. Porén, consideran que “hai que mellorar en termos de accesibilidade, tamaño, facilidade de uso e portabilidade” destes sistemas. De aí a importancia do proxecto FoodSens, xa que “cada vez son máis necesarias metodoloxías analíticas no punto de atención que se poidan utilizar en calquera fase de produción, pero aínda non están dispoñibles”.

“Tales metodoloxías permitirían unha mellora da xestión e unha explotación sostible dos recursos, beneficiando ás autoridades, investigadores, empresas e a sociedade en xeral”, subliñan.

Esas carencias son as que fan pensar aos responsables deste proxecto que “existen claras oportunidades de negocio para o desenvolvemento e comercialización de metodoloxías que detectan este tipo de perigos de forma rápida e fiable, especialmente os dispositivos analíticos portátiles”, xa que son de “baixo custo e resposta rápida” e “non requiren preparación de mostras ao tempo que garanten niveis adecuados de detección”, afirman.

Nesa liña, desde FoodSens estanse a desenvolver diferentes dispositivos biosensores para a detección deses perigos que, aseguran, teñen unha “alta sensibilidade, especificidade e precisión”.

Isto estase logrando grazas á nanotecnoloxía, a cal “abriu novas vías para o desenvolvemento de nanomateriais funcionais robustos e fiables” que se están aplicando para detectar eses perigos, destacan.

“Polo tanto, espérase unha nova xeración de estratexias de monitorización miniaturizadas para a detección automatizada in situ”, o cal, apuntan, “é unha prioridade tendo en conta os intereses sanitarios e económicos, cun gran impacto en varios ámbitos, especialmente en seguridade alimentaria, calidade da auga, control da contaminación e saúde pública”.

"Na industria alimentaria hai unha gran necesidade de sensores que acheguen fiabilidade, selectividade, especificidade e que sexan reutilizables e de baixo custo”

Entre os dispositivos desenvolvidos, destacan os sensores nanoestruturados baseados en espectroscopia SERS (Surface-Enhanced Raman Scattering), os cales “son especialmente prometedores para a detección de hidrocarburos aromáticos policíclicos, alérxenos ou patóxenos bacterianos”, salientan estes investigadores, que celebran que   o desemvolvemento de aparellos portátiles deste tipo podería abrir o camiño para a detección inmediata e in situ deses riscos.

Así, o obxectivo principal do proxecto FoodSens céntrase no desenvolvemento de sensores miniaturizados “lab-on-a-chip” para análise en tempo real, sensibles, rápidos e portátiles que permitan a detección de substancias químicas e de microorganismos mediante a aplicación de tecnoloxías como as que se están desenvolvendo neste proxecto, con “biosensores capaces de controlar os perigos relevantes para a seguridade dos alimentos producidos na Eurorrexión”, conclúen.

Por exemplo, o departamento de Electrónica Industrial do Centro de Sistemas Micro- Electro-Mecánicos da  Universidade  do Minho traballouno desenvolvemento de sensores de laboratorio nun chip baseado en citometría de fluxo para a detección de fitoplancto tóxico.

O estudo das comunidades de fitoplancto é fundamental para comprender a dinámica e a saúde ecolóxica, así como para avaliar a presenza de fitoplancto tóxico potencialmente daniño. Pero, como advirten os responsables do proxecto FoodSens, aínda que os métodos actuais de identificación son altamente sensibles e fiables, son caros, lentos e complexos. Esas limitacións son, precisamente, as que alentaron o desenvolvemento de tecnoloxías alternativas, económicas, capaces de realizar medición in situ e en tempo real, mediante a combinación de tecnoloxías de citometría de fluxo  microfluídico e medicións ópticas para identificar especies de fitoplancto.

Por outra banda, o ICETA da Universidade de Porto traballa en sensores baseados en puntos cuánticos. Segundo os responsables do proxecto, “a fluorescencia dos puntos cuánticos e a súa doada funcionalización convértenos en excelentes candidatos para a fabricación de sensores ultrasensibles e altamente específicos para a detección de alérxenos e micotoxinas”.

Entre os avances producidos, o grupo do CINBIO da Universidade de Vigo tamén publicou varios artigos en revistas científicas internacionais sobre o desenvolvemento de sensores baseados en SERS (espectroscopía  Raman aumentada en superficie) para a detección ultrasensible de moléculas.

Os responsables do proxecto FoodSens esperan que as tecnoloxías desenvolvidas sexan patentadas e comercializadas 

“Os sensores portátiles ultrasensibles ofrecen grandes vantaxes á industria alimentaria, non só porque facilitan a automatización de ensaios e a súa integración dentro dos sistemas de monitoraxe das plantas, senón porque tamén permiten a detección e/ou cuantificación en tempos curtos posibilitando unha actuación rápida sen precisar un período de espera como ocorre con algunhas das técnicas convencionais. En xeral, na industria alimentaria hai unha gran necesidade de sensores que acheguen fiabilidade, selectividade, especificidade, ademais de que sexan reutilizables e de baixo custo”, xustifican desde FoodSens.

REDE TRANSFRONTEIRIZA

Un dos obxectivos deste proxecto é establecer unha Rede Transfronteiriza de Tecnoloxías Sensóricas en Seguridade Alimentaria para conformar unha base sólida de colaboración entre os socios e os actores implicados na Eurorrexión e, así, incrementar a excelencia na investigación e innovación na área.

Os responsables do proxecto subliñan que os principais beneficiarios do proxecto serán a industria alimentaria, así como as autoridades competentes e en xeral, os consumidores, ao diminuír os gastos en sanidade pública e en retirada de lotes que non cumpren os criterios establecidos na lexislación.

Espérase que as tecnoloxías desenvolvidas sexan patentadas e comercializadas dunha maneira que se garanta o seu uso xeneralizado pola maioría das empresas transfronteirizas no sector alimentario.

Os resultados dos avances conseguidos até agora veñen de ser publicados na revista científica internacional Foods.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta