A Manga da Limia (I): a contaminación da gandaría industrial leva 11 anos silenciada nun caixón en Madrid

A contaminación por nitratos na Limia e a Baixa Limia é un grave problema medioambiental que afecta á saúde das persoas. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil redactou hai xa máis dunha década un informe para declarar masas de auga afectadas os acuíferos da comarca e o encoro das Conchas. O Goberno de Rajoy paralizou a declaración que, tres anos despois da entrada no Goberno do PSOE, segue gardada nun caixón. Namentres, a Xunta continuou a autorizar novas granxas e a conceder ampliacións.

Por Alicia Casas | OURENSE | 27/02/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cada verán dende hai 14 anos o encoro das Conchas, (entre Bande, Lobeira e Muíños), loce un verde que semella emular a cor dos colectores orgánicos. É a cor de máis de 20 anos de intensificación gandeira e o encoro un espello dunha comarca na que xa non hai vida nos cursos fluviais. As responsables desa cor verde son as grandes e tóxicas capas de cianobacterias que emerxen en augas cargadas de nitratos e fósforo de procedencia animal. E así acontece que cada ano, ao chegar o verán, os episodios de cianobacterias obrigan a prohibir todo tipo de lecer no encoro. Os letreiros de Sanidade advirten de nin tan sequera deixar beber ós cans e pasear pola contorna un día de brisa non é aconsellable.

Encoro das Conchas, na Limia, afectado por contaminación de bacterias
Encoro das Conchas, na Limia, afectado por contaminación de bacterias | Fonte: Ecoloxistas en Acción

 

Pero a pesares de todos os riscos, o Concello de Muíños teima en celebrar verán tras verán unhas actividades de ocio e tempo libre na praia fluvial e a Consellería de Sanidade insiste en atrasar a prohibición de baño. O ano pasado había persoas realizando actividades no encoro cando xa aflorara o ‘boom’ das cianobacterias.

 

Para Manuel García, labrego integrante do Movemento Ecoloxista da Limia, o encoro é só un reflexo da situación que atravesa a bisbarra: “Son cheiros e son ruídos, pero o problema máis grave que temos aquí na Limia é que ninguén pode beber auga do seu pozo, todos temos que comprar auga no supermercado para beber”. Para Maite Joga, presidenta da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL), queda aínda por comprobar que o afloramento de cianobacterias no encoro teña por causa a sobrecarga gandeira: “este mesmo problema repítese noutros encoros como o de Cachamuíña, onde non existe nin presión gandeira nin agrícola mais tamén se produce a eclosión, que ademais sucede sempre ao mesmo tempo".   

 

NITRATOS

 

Máis aló do encoro e fóra de toda dúbida, sábese que os xurros e estercos, verquidos sen tratar e en cantidades que a superficie agraria útil non pode absorver, provocan a contaminación por nitratos, fósforo e outros compostos nas augas superficiais e subterráneas. E na chaira limiá que noutrora se caracterizou por albergar o maior humidal de Galicia, non hai vida nos cursos de auga-- “temos uns ríos que non son ríos, son depuradoras de residuos”, di Manuel García-- porque están entropizados. A vexetación acuática medra de forma esaxerada  e, ao consumir todo o osíxeno, prodúcese un fenómeno de descomposicións anaeróbicas que eliminan a vida na auga. Non circulan fotografías de peixes mortos porque xa non hai fauna e de aí que colectivos ecoloxistas deran en chamar á Limia ‘Manga del Mar Menor versión galaica’

 

A Sociedade Galega de Historia Natural, que leva máis de 30 anos tratando de recuperar na zona parte da biodiversidade destruída, analizaba no 2018 a situación como froito dun plan empresarial de intensificación gandeira que nunca se someteu a evaluación medioambiental no seu conxunto. “Nunca se tiveron en conta os efectos sinérxicos e acumulativos da concentración de industrias gandeiras na chaira limiá, área moi sensible dende os puntos de vista hidrolóxico, botánico, e faunístico”, afirmaban. 

 

E na práctica, a contaminación na Limia responde a décadas de xurros ciscados en terras (coñecidas como 'parcelas de sacrificio') non para fertilizar, senón con ánimo de desfacerse dun produto que ninguén quere. As industrias deberan tratar os seus residuos porque así o esixe a normativa vixente pero non o fan: nin superficie agraria útil teñen para facelo. Así que cando se tramitaron as granxas, buscaron superficies en Lugo, Zamora ou Andalucía, que a Administración autorizou.

 

Os residuos entregaríanse entón a 'xestores autorizados', eses camións cisterna que en teoría se encargarían de facer o oportuno pero que "levan décadas espallando xurro ilegalmente pola comarca"."Estes camións nunca foron controlados pola Consellería, nin polo Seprona ou a Garda Civil, tiñan patente de corso para circular por toda a provincia", di o ecoloxista Manuel García, que foi testigo directo deses verquidos xunto a outras catro persoas. O integrante do MEL conta que foron onde a fiscal de Medio Ambiente en Ourense para levar as probas e denunciar a situación pero quedou en nada.

 

“Na Limia atopámonos con instalacións de 12.000 ou 6.000 porcos que comezaron como unha explotación pequena de menos de 2.000. Normalmente a picaresca consiste en pedir unha licencia para 1998 porcos e, entón, líbranse de facer o correspondente estudo de impacto ambiental e o correspondente plan de xestión de residuos”, explica Manuel García. E as sucesivas ampliacións de granxas solicitadas e concedidas dan lugar a un número descoñecido de animais porque Medio Rural non dá datos oficiais pero que o ecoloxista cifra nuns “posiblemente” 300.000 porcos. “E non só porcos, é que hai millóns de polos e centos de miles de pavos... Xúntanse unha cantidade de excrementos e de xurros que son imposibles de asimilar como fertilizantes de forma razoable, entón convírtense nun verquido tóxico. Pero isto xa comezou a ocorrer a principios dos 2000”, di Manuel García.

 

OS TRIBUNAIS CONTRA AS ADMINISTRACIÓNS 

 

Xa en xaneiro de 2022 acontece que  o TSXG anulou o informe de impacto ambiental co que a Xunta autorizou en 2019 a unha granxa de Rairiz de Veiga a duplicar a súa capacidade duns 23.000 pitos a uns 48.000. Na sentenza do tribunal evidenciouse que, malia estar a granxa (propiedade dun concelleiro do PP no Goberno local) nun espazo Rede Natura 2000, nese informe  non se avaliaron os impactos sobre a veciñanza e as augas e as aves. “Eu estiven como testemuña pericial e o tribunal deu por bos absolutamente todos os argumentos presentados por min en nome da Sociedade Galega de Historia Natural, así que o que acontece na Limia debe ser algo bastante indubidable”, recalca Serafín González Prieto, presidente da entidade e biólogo do CSIC que leva  dende o 1984 estudando o nitróxeno en solos e ecosistemas de Galicia. 

 

Esa sentenza do TSXG prodúcese ademais nun momento no que a Comisión Europea ten aberto un procedemento contra o Estado español pola deficiente aplicación da normativa comunitaria para a redución da contaminación por nitratos. A Unión Europea levará a España ante o Tribunal de Xustiza, entre outras cousas, por non designar máis zonas ‘vulnerables a nitratos’ entre outros sitios, en Galicia, onde aínda non hai ningunha declarada. E o contencioso motivou que o Goberno central actualizara, endurecera, o real decreto sobre a contaminación producida por nitratos. Así que, previsiblemente, A Limia será designada zona vulnerable. 

 

Pero a presidenta de ADEGAL asegura que dende a asociación mantiveron reunións tanto coa Xunta coma co MITECO e as administracións comunicaron que durante xaneiro e febreiro ían realizar novos estudos para determinar a orixe da contaminación: se é só de orixe agrogandeiro ou “podería haber tamén un compoñente urbano”. “O que si está claro é que si dende a Administración valoran a posibilidade de facer estudos sobre a depuración de augas urbanas, é verdadeiramente porque eles tampouco teñen claro a orixe ao 100% desa contaminación”, opina. Dende ADEGAL descoñecen se eses novos estudos se fixeron e dende o Movemento Ecoloxista da Limia dubidan da veracidade de tal información.

   

Porque as posibles dúbidas das administracións non son tal para a comunidade científica. A 

contaminación na Limia procede dos verquidos da gandaría industrial e iso sábese dende hai case 10 anos. Quedou comprobado cando no 2012 a Confederación Hidrografica "para curarse de saúde" encargou un informe a Antonio Delgado, investigador do CSIC en Granada. A investigación baseouse en recoller mostras de auga en 14 puntos da conca do Limia e para realizala empregouse a análise de isótopos estables, unha ferramenta que permitiu coñecer a orixe da contaminación: os verquidos da gandaría industrial.

 

Aquí, un informe da SGHN a raíz do estudo indicaba que no 2014 a produción de residuos da carga gandeira equivalería a unha poboación de 1.400.000- 1.600.000 habitantes. É dicir, a metade de toda a poboación de Galicia concentrada nun 1% da súa superficie. E aquí, Eduardo Costas, catedrático de Xenética na Facultade de Veterinaria da Complutense e membro do grupo de investigación Albiotox, calificaba a situación na Limia de "moi, moi grave". Tamén afirmaba que a exposición ás cianobacterias en altas doses pode causar a morte por hemorraxia ou fallo hepático e, en doses baixas, están relacionadas con enfermidades do fígado e con algúns tipos de cancros. "É un segredo a voces que aquí na Limia temos un índice de cancro tremendo e non se sabe moi ben porqué. Debería facerse un estudo epidemiolóxico pero todo se cala porque hai un poder inflitrado na administración", desliza Manuel García.

 

UN INFORME GARDADO 11 ANOS NUN CAIXÓN

 

Retrocedendo ao 2011, a tres anos despois de que comezaran os episodios de cianobacterias nas Conchas e cando os ríos comezaron a morrer e a contaminación a aumentar. Foi entón cando a Confederación Hidrográfica Miño-Sil redactou un proxecto de augas afectadas para os acuíferos e o encoro que foi enviado ao Ministerio en Madrid. E aí quedou nun caixón coa entrada do Goberno de Rajoy e aí segue aínda, tres anos despois de chegar o PSOE ao Goberno. "Chamamos a Madrid e díxonos un funcionario que aí xa había un estudo e había anos que se pedira a declaración de augas afectadas pola propia Confederación. Eles xa saben e teñen os datos, a auga da Limia está moi mal", reproba Manuel García.

 

De non ter paralizado o procedemento, a Xunta veríase obrigada a declarar A Limia como Zona Vulnerable a Nitratos. A controlar aos camións cisternas, a establecer unha moratoria para as granxas... A desenvolver un plan de vulnerabilidade para reducir a contaminación. Pero dun tempo a esta parte, denuncia o agricultor, "como aquí na Limia empezan a encontrar oposición, andan ciscando noutros sitios: en Terras de Maceda, na Xunqueira...". E como insistindo en realizar actividades nun encoro sen vida e atrasando a prohibición de baño, non é oficial aínda que A Limia sexa vulnerable.

 

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta