O cabalo de Atila

Anos atrás pregunteille a un compañeiro, que era concelleiro nunha vila desta provincia, como era o alcalde dese lugar. E con certa retranca contestoume: que queres que che diga, non fai nada, mais tampouco derrama.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 27/01/2022

Comparte esta noticia
Isto que conto venme á memoria pois, cada día que vexo as declaracións do alcalde desta, quedo pensando se son trolas, manías,  gañas de dar a nota, ou afán por saír nos medios de comunicación a calquera prezo. Pois Jácome cando fala non dá unha a xeito. 
 
Vexamos: unha  persoa normal cando descoñece moitas cousas da historia da súa  cidade, das tradicións e  aspectos da  vida pública; ou non sabe  como funcionan os servizos,  o máis  prudente  é que pida  consello e  tente aprender e, sobor de todo, ser humilde  e non ter diarrea verbal.  
 
O caso é que milleiros de ourensás, cada día que lemos o xornal quedamos un tanto abraiados do que di o primeiro rexedor.  E, o que chama a atención deste persoeiro,  entre outras cousas,  é a fobia que lle ten  a todo o que sexa cultura e que non entre no modelo estandar que el ten no seu  caletre. Modelo que ven importado e que apapanata á xente; modelo despersonalizado no que se mestura cultura con diversión e espectáculo.   Desta maneira o obxectivo único  da concellería a que el lle chama de Arte e Festas pasa a ser soamente unha axencia de contratación.   
 
A súa manía persecutoria  comezou na oposición lanzando ataques contra a  Banda de Música, e  agora non hai banda nin se lle espera. Despois veu o festival Pórtico do Paraíso. Logo seguiu coa UPO;  despois  o Museo municipal, e agora  cos premios Cidade Ourense de poesía  e  o Risco de literatura. E fixóo, segundo declarou, pra aforrar cartos. Como se nestes dous premios que son coñecidos máis ala desta cidade e do Padornelo  se dilapidaran fortunas, cando non pasan dun  montante  de seis ou sete mil euros.   
 
E  agora desbarra coa festa dos Maios facendo unha comparanza coas Fallas de Valencia. A verdade é que non sei quen é a mente privilexiada que lle dá tantas ideas ou o inspira. Non sei quen é o que lle da ises consellos pra que el logo desbarre.  Pero,  o máis  triste,  é o papel que xogan os populares neste asunto. Hai uns días, a concelleira  Señora Morenza  dicía: ”non sei se chorar ou rir” referíase a cando falaba o Alcalde. Mais despois de todo   seguen tragando sapos día si e  día tamén. Con todo,  o certo é que Ourense vive un tempo de anticultura e desgoberno; vive un tempo de desprezo polo  galego e pola cultura local. Sí, esa que se fai nas asociacións culturais  e na periferia da cidade. Esa que lle deu nome  e prestixio a esta urbe noutro tempo. Que pena desta cidade que ve como as cuestións publicas, entre elas a Cultura, non son consideradas como deberan selo dende a institución municipal. Que pena de cidade onde non hai mantemento do publico e todo sigue pechado incluíndo as termas. Que pena me dá Ourense é o nivel  de desprestixio ó que está chegando por manter no goberno a un señor que  non ten ética, pois todo o que predicaba levouno ó vento.  E agora fai o que lle peta co amparo do Partido Popular. En fin, o meu compañeiro tiña razón: o alcalde do seu pobo non facía nada, mais tampouco derramaba. Pero en Ourense temos o  Cabalo de Atila, ise que, onde pisaba non nacía nin a herba: ou sexa: temos  na cidade a un alcalde que escaralla todo o que toca.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com