A tecnoloxía e a educación

A revolución das tecnoloxías da información trae consigo mudanzas tecnolóxicas orientadas á cualificación. En artigos precedentes analicei algunhas das súas consecuencias e os novos retos que suscitan en termos de políticas redistributivas. Quero agora desenvolver algunhas reflexións sobre as implicacións deste proceso para a educación.

Por Fernando del Río | Compostela | 02/05/2014

Comparte esta noticia

Para poder confrontar con éxito os novos retos tecnolóxicos necesitamos un sistema educativo que fomente a creatividade e forneza dos coñecementos axeitados ás novas realidades tecnolóxicas. Que prepare as persoas para innovar usando as novas ferramentas. Porén, ao meu modo de ver, os sistemas educativos padecen de esclerose. Unha opinión que a mesma UNESCO compartilla. Se un visita a súa páxina web pode ler: “O ideario que predomina en materia de educación no mundo actual basease mormente nos conceptos que elaborou a sociedade industrial do século XIX.

Nun recente libro de 2014 titulado “The Second Machine Age: Work, Progress, and Prosperity in a Time of Brilliant Technologies” Erik Brynjolfsson e Andrew McAfee, economistas do MIT, argumentan que o progreso tecnolóxico orientado á cualificación está a xerar unha maior desigualdade. Para combatela propoñen un imposto negativo sobre a renda (estas cuestións xa as discutín en artigos precedentes). Tamén tornan estes autores a súa ollada cara a educación e suxiren que para confrontar con bo suceso a revolución tecnolóxica é preciso reorientar os sistemas educativos do seu enfoque nas matemáticas e a lectura, propio da era industrial, cara un conxunto mais amplo de cualificacións intelectuais e persoais, necesarias para traballar ao carón das novas máquinas intelixentes.

A falta de repostas por parte do sistema educativo pode ser en parte responsábel do incremento observado na desigualdade salarial nos Estados Unidos. O progreso tecnolóxico orientado á cualificación aumenta a procura de traballadores cualificados e así tende a incrementar o premio salarial á cualificación. Mais, compre non esquecer que o prezo de calquera ben depende da relación entre a oferta e a procura. Un incremento do salario relativo dos cualificados debería incentivar a mais xente a educarse mais e mellor, aumentando así a oferta de traballadores cualificados. Tal incremento contrarrestaría por tanto as presións alcistas da perturbación positiva da procura. Segundo argumentan Claudia Goldin e Lawrence Katz no seu libro de 2008 “The Race between Education and Technology”, nos anos cincoenta e sesenta nos Estados Unidos foi exactamente o que aconteceu, mais non actualmente. O ritmo dos avances educativos non aguantou o tirón e a desigualdade salarial entre cualificados e non cualificados aumentou. Segundo Goldin e Katz foi debido á decadencia das institucións educativas estadounidenses. Posibelmente os problemas do sistema educativo estadounidense sexan diferentes daqueles que confronta o sistema español. Mais, un extrae a conclusión de que descoidar o sistema educativo non sae gratis.

A educación é unha das chaves da prosperidade dunha nación. Segundo o estudo de Goldin e Katz, a chave do éxito estadounidense, o alicerce da súa lideranza mundial, foi o intenso investimento en educación. Por exemplo, nos últimos anos trinta, só arredor do 38% dos rapaces do Reino Unido de 14 anos e o 4% dos de 17 anos estaban na escola, mentres que nos Estados Unidos estas porcentaxes eran do 68% e o 14% respectivamente. Os dados están tomados do artigo de 2011 de Daron Acemoglu e David Autor “What does human capital do? A review of Goldin and Katz’s the race between education and technology” que pode encontrar en http://www.nber.org/papers/w17820.

Non é disparatado sospeitar que o sistema educativo estea a lastrar a capacidade innovadora da economía española. A comparación do sistema español co dos outros países avanzados non é satisfactoria. A principal eiva do sistema educativo español revelada polo informe PISA ten a ver co escaso fomento da excelencia, da que emana principalmente o extraordinario, as novas ideas, a innovación,... O sistema universitario español tampouco destaca pola súa calidade. Ningunha universidade española pode ser cualificada como excelente nun contexto internacional. Bótelle unha ollada á seguinte clasificación http://www.shanghairanking.com/ e tente atopar na lista a primeira universidade española.

Para superar a atrofia necesitamos que o intervencionismo estatal no campo educativo diminúa para que así a concorrencia, e a destrución creativa que xera, dea lugar a novas alternativas. E non pretendo que o Estado renuncie a garantir o acceso universal a unha educación de calidade. O que debe é desistir de estrangular o sector con regulacións innecesarias e abandonar a súa posición predominante no fornecemento de servizos educativos. Confío –e a historia alicerza a miña convicción- en que a libre iniciativa individual encontre os contidos e métodos educativos preciso para as novas realidades. E non teño dúbidas de que capacitarán para o novo entorno tecnolóxico ao tempo que se servirán activamente do mesmo co fin de fomentar a creatividade potenciando os talentos individuais.

Para realizar esta tarefa poderíamos seguir a proposta de Milton Friedman no seu artigo de 1955 “The role of government in education” e introducir o cheque escolar no sistema educativo. O cheque escolar consiste nunha entrega dunha certa cantidade de diñeiro polo Estado a cada familia para que esta poda escoller o colexio público ou privado da súa preferencia. O cheque escolar xa se implementa hoxe con moi bo suceso en países tais como Dinamarca, Suecia, Nova Zelanda e Australia. Mais non abonda co cheque. O Estado debe tamén renunciar ao férreo control do sistema educativo pois a innovación educativa non será posíbel se está suxeita ás restricións dunha camisa de forza.      

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fernando del Río (Ordes, 1968) Licenciado en Economía e Máster en Comercio Exterior pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Economía pola Universidade Carlos III de Madrid. Actualmente é Profesor Titular de Universidade na Universidade de Santiago de Compostela. Previamente foi axudante na Universidade Carlos III de Madrid, profesor visitante na Universidade de Vigo e investigador do CEPREMAP (París). As súas áreas de investigación de interese son a Macroeconomía Dinámica e o Crecemento Económico. Ten artigos de investigación publicados en prestixiosas revistas académicas internacionais tais como o Journal of Economic Theory, Journal of Development Economics ou Oxford Economic Papers. Membro da Executiva Nacional de Converxencia 21 e Presidente da Asociación Galega para a Liberdade e a Democracia (GALIDEM).