Por Galicia Confidencial | Madrid | 09/02/2022 | Actualizada ás 22:00
Un novo estudo científico realizado por investigadores de Portugal apunta á poboación de vespa velutina en Francia como a fonte da expansión e colonización desta especie na península ibérica e en Italia. A nova achega describe a xenética da invasión da velutina nestas áreas, onde conseguiu asentarse nos últimos anos. Os autores da investigación sinalan dous tipos de expansión da avespa asiática na península ibérica: unha natural e progresiva polo norte e outra, mediante un salto de longa distancia até Portugal, converxendo no territorio galego, onde “o recente contacto secundario entre as dúas frontes invasoras está a axudar a restaurar os niveis de diversidade da vespa velutina”, segundo os investigadores portugueses.
A comunidade científica sitúa en Francia, no ano 2004, o primeiro rexistro de velutina en Europa. Desde entón, o insecto invasor expandiuse polo territorio galo e cruzou a outros países. En 2010 chegou a España e en 2011, a Portugal. Un ano despois, rexistrábase o primeiro exemplar en Galicia e tamén en Liguria, Italia.
“Este feroz depredador de abellas melíferas estendeuse por moitos países, dando lugar a unha das invasións de insectos máis fenomenais de Europa”, describen os autores do novo estudo.
Estes científicos lembran que “un primeiro estudo realizado en Francia mostrou unha poboación xeneticamente pobre, orixinaria dunha única raíña multipareada introducida desde China”. Agora, nesta nova achega científica, móstrase que “a poboación francesa actuou como fonte dos exemplares que colonizaron en España, Portugal e Italia, o que leva a rexeitar a hipótese de múltiples introducións desde a zona nativa”, Asia.
"A vespa velutina invadiu España e Italia por un proceso de expansión natural, mentres que o proceso invasor en Portugal derivou dun salto de longa distancia"
Con todo, apuntan, “a nosa análise xenética suxire que a vespa velutina invadiu España e Italia por un proceso de expansión natural da área de distribución, mentres que o proceso invasor en Portugal derivou dun salto de longa distancia” que, como xa avanzaron noutro estudo previo, comezou con raíñas fundadoras que ingresaron no territorio luso a través dun salto mediado por humanos (os informes apuntan ao transporte terrestre de madeira), como aconteceu recentemente no Reino Unido”.
En todo caso, ambos os procesos, por dispersión natural ou por mediación da acción humana, “víronse acompañados dunha importante redución da diversidade xenética” nos exemplares de vespa velutina que colonizaron estes tres países, pero “con perdas máis fortes” para as colonias de Portugal que para as asentadas en España e Italia.
CONVERXENCIA EN GALICIA
Os investigadores destacan tamén do seu estudo que a detección de exemplares migrantes de velutina de primeira xeración nos tres países “suxire un fluxo xenético continuo que está a traer novos alelos, e este efecto é máis forte en Portugal, como reflicte un aumento do 20,3% da riqueza alélica” (a riqueza alélica refírese ao número medio de alelos por poboación e é un parámetro moi informativo, comunmente utilizado como indicador da diversidade dunha poboación dunha especie; un alelo é cada unha das dúas ou máis versións dun xene).
“O contacto secundario en Galicia entre as dúas frontes invasoras está a axudar a restaurar os niveis de diversidade, o que pode aumentar a adaptación da poboación e a súa capacidade invasora”
Unha das achegas máis substanciais do estudo é que “as graves perdas de variabilidade xenética derivadas de eventos de pescozo de botella xenético non evitaron a propagación exitosa da velutina en Portugal” e “o recente contacto secundario en Galicia entre as dúas frontes invasoras está a axudar a restaurar os niveis de diversidade, o que pode aumentar a adaptación da poboación e a súa capacidade invasora” (en bioloxía, unha situación de pescozo de botella prodúcese cando unha poboación experimentou un drástico descenso no número de membros nalgún momento do pasado, chegando nalgúns casos ao bordo da extinción e, como consecuencia, os exemplares das xeracións posteriores ao pescozo de botella presentan unha escasa variabilidade xenética e a antiga proporción de alelos no conxunto da poboación cambiou considerablemente).
Nesta liña, apuntan, “os exemplares descendentes da poboación fundadora portuguesa establecéronse rapidamente e estendéronse por toda a costa atlántica cara ao sur e cara ao norte, até a veciña Galicia”.
Como lembran, “os primeiros avistamentos de vespa velutina en Galicia, só un ano despois da súa chegada oficial a Portugal, producíronse na Mariña, a máis de 200 km ao norte do núcleo fundacional de Viana do Castelo e a 400 km ao oeste da fronte invasora no País Vasco”.
Considerando unha taxa de dispersión media de arredor de 40 km por ano na costa atlántica, cren que a introdución da avespa asiática na Mariña “foi moi probablemente mediada polos humanos”.
E o patrón xenético, proseguen, “suxire que Galicia é un lugar de contacto secundario entre dúas frontes: unha derivada da poboación fundadora en Portugal e outra da expansión natural da área de distribución pola costa atlántica no norte de Iberia” (o contacto secundario significa que existiu un illamento xeográfico previo, o cal se rompe pola razón que sexa, permitindo encontros entre os individuos de ambas as poboacións).
O estudo aporta evidencias de que o empobrecemento da diversidade xenética non foi suficiente para reducir o potencial reprodutivo e expansivo da velutina
Este novo estudo aporta máis evidencias de que o empobrecemento da diversidade xenética non foi suficiente para reducir o potencial reprodutivo e expansivo da velutina, que estaría mudando xeneticamente no territorio galego polo cruzamento de exemplares que se espallaron naturalmente desde Francia, a pequenos saltos polo norte da península ibérica, cos que se asentaron en Portugal despois dun salto directo desde o territorio francés, o que pode estar producindo novas poboacións da avespa asiática con maior diversidade xenética e maior capacidade de invasión.
Con todo, os autores do estudo sinalan que o seu traballo se centrou na análise de marcadores moleculares neutros, é dicir, non adaptivos Os marcadores moleculares permiten estudiar directamente o material xenético, pero normalmente se trata de rasgos sen reflectir no fenotipo (calquera característica ou trazo observable dun organismo). Distínguense dous tipos de variación: a diversidade neutral, é dicir, aqueles trazos non determinados por forzas selectivas, e a variación adaptativa, constituída polos caracteres con valor adaptativo.
Neste sentido, os investigadores explican que no estudo deron a coñecer “os patróns de diversidade xenética neutral”, non adaptativa, da especie, pero “Por desgraza, aínda non se secuenciou todo o xenoma da vespa”, fundamental para avanzar no estudo xenético desta especie.
Os autores deste traballo consideran que o seu estudo “ofrece máis información sobre a xenética da invasión da velutina en Europa, o que pode axudar a desenvolver estratexias para xestionar esta gran ameaza para a apicultura”. E piden impulsar medidas de vixilancia e control “máis estritas” na Unión Europea para deter o fluxo xenético e a expansión da velutina.
Como lembran estes investigadores, a velutina “asentouse con éxito na península ibérica, onde ocupa unha zona continua desde Cataluña (Mediterráneo) ata Lisboa (Atlántico), e actualmente está a expandirse na península italiana ao longo da costa occidental”. A taxa de expansión media desta avespa, segundo datos recollidos neste estudo, oscila entre os 18,3 km/ano en Italia e os 37,7 km/ano en Portugal, “o que suxire que a vespa velutina se estende a un ritmo máis lento nestes territorios que en Francia, onde se documentou unha velocidade de invasión de ata 82 km/ano”, salientan.
A FAUNA AUTÓCTONA, AMEAZADA
Outro estudo realizado por investigadores do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, do Departmento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo e do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS), considerou se a vespa velutina, como especie exótica e invasora, pode estar contribuíndo a deteriorar a saúde dos ecosistemas polos seus efectos directos sobre a fauna autóctona e a dinámica local parasito-hóspede.
O estudo demostrou que a velutina alberga “varios novos taxóns de parasitos” e os seus autores advirten de que esta especie “pode alterar gravemente a dinámica do patóxeno nativo-hóspede, xa sexa contribuíndo activamente á dispersión dos parasitos e/ou interactuando directamente con eles, o que podería ter consecuencias prexudiciais inesperadas a longo prazo sobre a entomofauna autóctona”.
Os investigadores galegos recordan que “a chegada da vespa velutina a Europa, xunto co seu enorme éxito reprodutivo, supón unha seria ameaza para a saúde da comunidade de insectos polinizadores nativos”. Só en Galicia, como lembran, “os servizos públicos retiraron preto de 70.000 niños en tres anos (2018 a 2020)”.
Os científicos galegos temen que a velutina poida “contribuír aínda máis á evolución dos patóxenos”
Estes investigadores calculan que a densidade da velutina en Galicia “pódese aproximar a 14-17 niños por quilómetro cadrado”. E “tendo en conta que cada niño produce de media 6.150 exemplares por estación reprodutiva (xuño-outubro), as zonas moi infestadas albergan de media 100.000 exemplares de vespa velutina por quilómetro cadrado e ano”, estiman.
E esta “presenza enorme” da velutina, alertan, “pode ter polo menos dous efectos principais sobre a entomofauna autóctona”. Un, clarifican, “deriva directamente da intensa actividade depredadora que exercen sobre unha gran variedade de insectos, entre os que se atopan avespas comúns, avespas de papel, abellas, abellas melíferas, dípteros e himenópteros, entre outros”.
O segundo efecto, din, apenas se explorou e “refírese ao impacto indirecto desta gran poboación nova na dinámica local hóspede-parasito”. “Os nosos datos revelaron que a vespa velutina invasora alberga a maioría, se non todos, os parasitos que se atopan habitualmente nos polinizadores europeos nativos”. Polo tanto, proseguen, “a súa presenza está a provocar un cambio significativo na comunidade hóspede, cuxo efecto estará determinado polas relacións específicas entre a velutina e os parasitos, e como a súa presenza modifica a abundancia de espalladores de parasitos, a taxa de encontros parasito-hóspede e a probabilidade de transmisión da enfermidade”.
Os científicos galegos temen que a velutina poida “contribuír aínda máis á evolución dos patóxenos, favorecendo o encontro e a reprodución sexual entre cepas de patóxenos que adoitan atoparse en diferentes hóspedes dos que se alimentan”.
Por todo isto, consideran “necesarios máis estudos para cuantificar e comprender as posibles consecuencias desta perturbación e axudar a propoñer estratexias para minimizar o seu impacto e protexer as poboacións de insectos nativos, xa moi ameazadas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.