Alguén dixo unha vez aquilo da vella Europa, non é? Segundo unha lista da revista Fortune, elaborada no 2012, os doce emprendedores mais importantes do século XX son Steve Jobs (USA), Bill Gates (USA), Fred Smith (USA), Jeff Bezos (USA), Larry Page (USA)-Sergey Brin (nacido en Rusia, mais criado nos Estados Unidos), Howard Schultz (USA), Mark Zuckerberg (USA), John Mackey (USA), Herb Kelleher (USA), Narayana Murthy (INDIA), Sam Walton (USA) e Muhammad Yunus (INDIA). Ningún europeo, coa posíbel excepción de Sergey Brin. Segundo a mesma revista as compañías tecnolóxicas mais admiradas son Apple, Google, Amazon, IBM, Microsoft, Intel, Accenture, eBay, Facebook, Cisco Systems. Todas estadounidenses, coa excepción de Accenture con sede en Irlanda. Segundo a revista Business Insider, nunha lista do 2012, as dez empresas tecnolóxicas que están a mudar o mundo son VMware, Facebook, Amazon, Salesforce.com, 10gen, Bromium, Google, Apple, Fusion-io e Calxeda. Tamén todas estadounidenses. Segundo a mesma revista, no 2012 as dez compañías tecnolóxicas mais valiosas eran Microsoft, IBM, Oracle, Cisco Systems, Siemens, SAP, EMC, VMware, Hewlett-Packard e Infosys. Siemens e SAP son alemás, Infosys hindú e os resto estadounidenses. Debemos ser precavidos ante a inevitábel tendencia caseira desta listas e non debemos tampouco sacralizar o sector da tecnoloxías da información, pois o emprendemento e a innovación tamén abranguen todos os sectores económicos. Mais non deixa de chamar a atención a escasa presenza europea. Ademais, debemos ter en conta que Europa é moi diversa, o que converte a xeneralización en moi inxusta.
Para encarar con perspectivas de bo suceso o desafío, un país non só debe contar cun sistema educativo axeitado -tal como argumentei nun artigo anterior-, mais tamén cunhas institucións que permitan os procesos de destrución creativa imprescindíbeis para a adaptación á intensa dinámica de mudanzas tecnolóxicas. As institucións están en grande medida deseñadas a imaxe e semellanza dos grupos que detentan o poder político e económico. O progreso tecnolóxico en tanto e en canto implica destrución creativa pode poñer en cuestión as rendas destes grupos, propietarios e/ou beneficiarios das vellas tecnoloxías e métodos de traballo ameazados pola destrución derivada da creación das novas. Eles tentarán manipular as regras do xogo –as institucións- para impedilo. Detendo así o progreso tecnolóxico e, en última instancia, a prosperidade.
As nosas institucións non son as mais axeitadas para confrontar os novos desafíos. Receo que o deficiente deseño institucional español estea a trabar a adaptación. Sen ánimo de ser exhaustivo podería enumerar algunhas destas deficiencias. Limitada responsabilidade dos gobernantes ante os electores e, consecuentemente, escasos incentivos a emprender políticas públicas eficientes. Demasiados e importantes sectores atenazados polo intervencionismo estatal, entre os que salientaría o enerxético. Unha lexislación laboral pouco amiga da creación de emprego estábel. Un sistema tributario con elevadísimas taxas impositivas, desincentivador da actividade económica, discriminatorio e recadatoriamente ineficaz. Excesivo afán regulador das administracións públicas.
Podemos botar unha ollada ás comparacións internacionais para termos unha idea da flexibilidade da economía española. Debuxan un ilustrativo cadro.
O Banco Mundial elabora medidas da facilidade para facer negocios en diferentes países do mundo. Bótelle unha ollada e compare España cos países da nosa contorna (
www.doingbusiness.org). Creo que non ficará moi satisfeito. Para que se faga unha idea, no informe do 2014 España ocupa o posto 52 do ránking. Os primeiros postos ocúpanos por este orde Singapur, Hong Kong, Nova Zelanda, Estados Unidos e Dinamarca. Das economías da OCDE só temos por detrás Luxemburgo (60), Italia (65), Grecia (72) e República Checa (75).
Os problemas institucionais que confrontamos tradúcense finalmente no esmorecemento da liberdade económica. E sen ela non é posíbel que a iniciativa individual prospere. Non é de estrañar que exista unha elevada correlación entre a liberdade económica da que goza un país e o seu Produto Interior Bruto per cápita. O Instituto Fraser do Canadá elabora un índice de liberdade económica para unha larga mostra de países. Se aínda quere incrementar a súa decepción bótelle tamén unha ollada (
http://www.freetheworld.com/). España obtén 7.4 puntos sobre 10 no ano 2010. No posto 34 dunha lista de 144 países. Lonxe dos postos de cabeza: Hong Kong (8.9), Singapur (8.7), Nova Zelanda (8.4), Suíza (8.2) e Australia (8). Alén da Suíza, os cinco países europeos mellor clasificados son: Finlandia (7.9), Irlanda (7.8), Reino Unido (7.8), Dinamarca (7.7) e Estonia (7.7). Se un centra neste índice a súa ollada no apartado que mide as regulacións dos negocios, o crédito e o traballo encontra que España ocupaba no 2010 o posto 83 con 6.8 puntos. Os primeiros países europeos eran Suíza e Dinamarca na novena posición con 8.5 puntos seguidos de Suecia no posto 15 con 8.1 puntos. O líder era Hong Kong con 9.1 puntos.
En resumen, para confrontar con perspectivas de bo suceso os novos desafíos tecnolóxicos precisamos de institucións que non cohiban a iniciativa individual. Precisamos de liberdade económica para que os individuos innoven e adopten as novas tecnoloxías en negocios rendíbeis. As reformas neste sentido permitirán non só unha saída mais rápida da crise económica mais tamén non perder o tren do progreso. Non facelas prolonga os sufrimentos da crise económica mais tamén pode, quizás sen case caer na conta, privarnos da nosa posición de privilexio na distribución da riqueza das nacións. Outros veñen detrás petando forte. E este pode ser o seu momento. No próximo artigo prestarémoslle atención.