A Xunta axustará o horario do autobús de primeira hora da mañá entre Ferrol e A Coruña

O PSdeg pediulle ao Goberno galego que deixe de botar "balóns fose" e "sexa sensible" ante os "problemas" que padece a veciñanza.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2022 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que a Xunta axustará este mes os servizos de primeira hora da mañá entre Ferrol e A Coruña para atender as necesidades dos traballadores.

Así o manifestou este mércores na Cámara galega en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do PSdeG Patricia Otero, quen instou á Xunta a darlle "unha solución rápida" aos "numerosos problemas" que padece a veciñanza da comarca do Eume a consecuencia do "mal funcionamento" do transporte interurbano de viaxeiros por estrada.

Na súa intervención, a conselleira explicou que a Xunta traballa para axustar nas próximas semanas o horario e o percorrido do autobús directo entre Ferrol e A Coruña, que adiantará un pouco a súa saída, ás 6,30 horas, e pasará polo CHUAC para dar cobertura aos profesionais que entran a traballar na primeira quenda de mañá.

Así mesmo, lembrou que o Goberno galego comezou en outubro a reestruturación da concesión para adaptala mellor ás necesidades trasladadas pola veciñanza. Para iso, sinalou, realizáronse 1.600 enquisas aos viaxeiros e solicitouse a participación dos concellos. Ethel Vázquez sostivo que esta análise posibilitou a activación o 10 de xaneiro de novos servizos, con 55 expedicións directas máis á semana entre Ferrol e A Coruña, dos que tamén se beneficia a comarca do Eume.

Ademais, destacou que a Xunta implantou o 24 de xaneiro melloras para atender as poboacións intermedias, como a nova liña Pontedeume-Miño-Betanzos, cun servizo ás 15,25 horas para trasladar o estudantado e poder enlazar co autobús directo de Betanzos á Coruña das 16,30 horas. A conselleira explicou que tamén o Concello de Cabanas pediu incrementar algúns servizos e reaxustar os horarios noutros e que a Xunta aplicou o día 24 de xaneiro esas modificacións.

Así, dixo que aumentaron os servizos na liña Pontedeume-Monfero para adaptalos ao horario do instituto; fixouse un novo servizo na liña Pontedeume-Miño-Betanzos ás 14:30 horas; e estendeuse ata Miño o servizo de Ferrol das 15:30 horas. 

CRÍTICAS DOS SOCIALISTAS

Pola súa banda, a deputada socialista pediulle ao Goberno galego que deixe de botar "balóns fose" e "sexa sensible" ante os "problemas" que padece a veciñanza, máis aló de que "as competencias e a responsabilidade é excusivalmente da Xunta". Á sesión acudiron convidados polo PSOE os alcaldes de Pontedeume e Cabanas e a tenente de alcalde de Miño.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, no pleno da Cámara. XUNTA
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, no pleno da Cámara. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta