A Xunta quere "privatizar" o servizo de trens de Galicia dando entrada a novas empresas

O PPdG demanda da Renfe un cambio no ancho da vía para permitir que o AVE circule a 300km/h máis alá de Ourense, un obxectivo para o que a empresa prevé contar cos trens Avril en verán. Pero a Xunta demanda o cambio de vía tamén para abrir a porta a novos provedores e, segundo o BNG, permitir a privatización do servizo ferroviario.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2022 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

O Parlamento galego reclama ao Goberno central que concrete a planificación que ten prevista para adaptar a vía entre Ourense e Santiago ao ancho internacional, co cal os trens do AVE poderían circular a 300 quilómetros por hora. Esta proposta do PPdeG, que saíu adiante cos votos a favor de BNG e a abstención do PSdeG, chama a atención sobre "os beneficios" que esta medida "suporía en canto a maior competencia de operadores e para o conxunto de Galicia".

Respecto diso, o deputado Diego Calvo (PP) mostrou a "preocupación" pola chegada do AVE ás cidades galegas despois de que se inaugurara ata Ourense, co "menoscabo" da non posta en marcha en Galicia dos trens Avril que poden circular por diferentes anchos de vía a velocidades de 300 quilómetros por hora.

Por iso, aposta pola modificación do ancho de vía ao internacional entre Ourense e Santiago, o que "posibilita" que compañías ferroviarias privadas operen a liña, xa que "non necesitaría de trens Avril que a día de hoxe só ten Renfe". O obxectivo da Xunta pasaría, pois, por cambiar o ancho de vía para liberalizar o servizo e dar entrada a novos provedores ferroviarios.

Unha azafata nas portas do tren que vai efectuar unha viaxe polo novo tramo de alta velocidade Pedralba de la Pradería-Ourense, na estación de Madrid-Chamartín na primeira viaxe de probas do AVE a Galicia
Unha azafata nas portas do tren que vai efectuar unha viaxe polo novo tramo de alta velocidade Pedralba de la Pradería-Ourense, na estación de Madrid-Chamartín na primeira viaxe de probas do AVE a Galicia | Fonte: EP

Sostén que o cambio do ancho de vía para a alta velocidade "conta co aval de expertos ferroviarios", e sería unha acción "sinxela" desde o punto de vista técnico porque se instalaron travesas polivalentes para facilitar o cambio, mentres hai experiencias previas como a liña entre Castelló e Vinaròs. Paralelamente, Calvo queixouse de que Renfe "decidiu non repor todas as frecuencias que tiña anteriormente á pandemia", a pesar de que se pediu "por activa e por pasiva".

"SÓ BUSCA BENEFICIAR" A EMPRESAS PRIVADAS

O BNG presentou unha emenda de substitución --a cal foi rexeitada polos populares, a pesar do cal o Bloque votou a favor-- a esta proposta para que se elabore un estudo para unha planificación "global" de actuacións para a rede ferroviaria. Alexandra Fernández pide "non repetir erros do pasado e investir de forma eficiente", xa que a proposta popular "só busca beneficiar" a operadores privados que queren explotar a liña.

Ademais, a deputada nacionalista quéixase de que a argumentación do PP está baseada nun informe "opaco" da Xunta que só se filtrou a un medio de comunicación, pero que "non coñece o Parlamento". De feito, a deputada nacionalista tachou de "falaz" que a non posta en marcha de ancho internacional "coartaría" a competencia, posto que as empresas privadas "teñen exactamente a mesma capacidade" para poder operar a liña, pero "están a presionar ao Goberno para non ter que facer ese investimento". "A urxencia que lle entrou ao Goberno galego en realidade é unha urxencia desas empresas", espeta Fernández.

E é que deixa claro que "para o usuario vai ser exactamente igual circular en AVE que en ancho variable", "non vai servir para mellorar prestacións". Por tal motivo, pregúntase "se é unha prioridade para os galegos este investimento", e apela a que ese diñeiro se invista na conexión entre A Coruña e Ferrol, o saída sur de Vigo ou en baixar os prezos "abusivos" entre Santiago e Ourense.

Pola súa banda, a deputada socialista Patricia Otero dixo "non entender a urxencia desta iniciativa", xa que recentemente a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, mostrou, nunha reunión con Alberto Nuñez Feijóo, o seu compromiso de "analizar a especificidade galega". Otero lembra que "son os técnicos os que deben decidir" se se aposta ou non por esa solución. Asegura que non se opoñen a esta proposta, pero que sexa a comisión técnica entre Goberno e Xunta a que decida.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta