Por Europa Press / Redacción | Lugo | 10/02/2022 | Actualizada ás 19:28
O goberno local de Lugo considerou que dúas sentenzas que anulan multas por incumprimentos de normativas asociadas á covid ao entender que a Administración lucense é "manifestamente incompetente" para iso evidencia que a Xunta se equivocou ao delegar nos municipios a xestión das sancións polas restricións.
O executivo local que encabeza a rexedora Lara Méndez sinala que os fallos, o último do Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Lugo, "reafirman" a postura mantida polo goberno lugués "desde o primeiro momento nesta materia".
"Un aspecto que lle trasladamos á propai Xunta, xa en decembro de 2020, cando lle remitimos o informe coas actas levantadas pola Policía Local ata ese momento por infraccións á Lei galega de Saúde, advertíndolle que a pesar de estar habilitado un dispositivo para tramitalas, non concordabamos co ditame emitido polo Consello Consultivo, ao entender que a titularidade era autonómica, como así o entendía tamén a asesoría xurídica muncipal", sinalou o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández.
Así as cousas, o goberno municipal da capital luguesa incide en que a sentenza reflicte que "a determinación da Xunta non era máis que unha derivación indebida de funcións, unha nova mostra do seu empeño por delegar nas administracións locais cada vez máis obrigadas, pero sen achegar ningún tipo de recurso".
O concello lugués asegura que para facer fronte á xestión administrativa das multas por normativa covid viuse obrigado a modificar hai un ano o contrato en vigor "para incrementar o labor da empresa que presta colaboración na xestión administrativa e recadación de multas".
Cifran o custo desta medida en 58.080 euros anuais, a razón de 40 euros por cada boletín ou acta tramitada, e estiman nun milleiro as sancións por incumprimentos entre xuño de 2020 e febreiro de 2021, momento no que foi modificada a Lei galega de Saúde.
Aseguran que, de todas estas, só se presentaron "unha ducia de recursos". Para elas, o goberno lcoal entende que a sentenza que anula as sancións por ser expedida por unha administración non competente (a local) sentará precedente; pero non así para o resto de multas.
"Atendendo a este factor, o percorrido económico do ditame será, por tanto, escaso aínda que, non podemos esquecer que aos concellos actuar con responsabilidade e someternos ás consideracións do Consello Consultivo ocasionaranos, ademais, ter que repercutirlle ás arcas municipais os gastos derivados das costas procesuais", conclúe Fernández.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.