A denuncia contra o Ministerio de Defensa por símbolos franquistas en Ferrol chega ao Supremo

A fiscalía galega remite a denuncia ao alto tribunal por tratarse dunha materia da súa competencia. Presos da ditadura reclaman a retirada de nomes do franquismo das rúas do arsenal ferrolán, ao que Defensa xa se negou.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2022 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

O fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes Pérez, asinou un decreto polo cal se remite ao Tribunal Supremo a denuncia, realizada polo colectivo de presas e presos de Ferrol na ditadura, ao Ministerio de Defensa por non retirar os nomes asociados ao Franquismo da zona do Arsenal ferrolán. A Fiscalía de Galicia remitiu a este órgano dita denuncia por considerala da súa competencia.

Este colectivo de presas e presos de Ferrol, segundo informa nun comunicado, enviou un escrito en 2020 dirixido ao Ministerio de Defensa no que expuña a presenza de 13 rúas con nomes de militares franquistas no Arsenal de Ferrol e solicitaba a súa retirada. Defensa, despois de revisar a situación respondeu que non vía motivo para a súa retirada.

Estes feitos propiciaron a denuncia ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que agora estableceu que "os feitos presuntamente delituosos veñen atribuídos a autoridades do Ministerio de Defensa que non teñen a consideración de aforadas ante a xurisdición do TSXG", indica. O colectivo de presas asegurou nunha nota de prensa que esta situación "recobra actualidade" tras a proposta de deputados socialistas de Andalucía para que se considere a 'Desbandá' como 'Lugar da Memoria Democrática'.

Ademais, sinalaron que "non se pode pedir un recoñecemento ás vítimas da 'Desbandá' e, ao mesmo tempo, manter en Ferrol cales e distincións para os protagonistas deses crimes contra a humanidade", en referencia a que o rueiro ferrolán conserva o nome de Salvador Moreno e do Cruceiro Baleares, perpetradores deste crime. Por último, o colectivo lembrou que a cidade aspira ao recoñecemento como Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e que para logralo "non pode persistir en honrar coa denominación das súas rúas a quen traizoaron a vontade do pobo e a legalidade".

Arsenal do Porto de Ferrol
Arsenal do Porto de Ferrol

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta