Saúde mental: invisibilizar o sofrimento

En Galiza non houbo un plan de saúde mental até a chegada do governo bipartito. Un Decreto do ano 94, nun dos governos Fraga, definía as bases organizativas da atención pública aos doentes mentais. Estaba moi recente a transferencia de Sanidade á Xunta de Galiza, e o SERGAS daba os seus primeiros pasos, cunha temeraria precariedade orzamental.

Por Alberte X. Araúxo | Compostela | 20/05/2014

Comparte esta noticia
Ese Decreto constituía, até o ano 2006, a única aportación legal publicada no DOG respecto a atención á saúde mental no país.  Algún documento posterior, como o “Documento de Bases” –realizado por  unha comisión asesora integrada por profesionais do sector-, tentaban orientar, aportar e complementar, para o desenvolvemento do Decreto, mais non deixaban de ser documentos de asesoría, desouvidos case sistematicamente pola administración sanitaria.
 
 Para a Consellería de Sanidade, a atención á saúde mental nunca foi unha prioridade. Non é unha afirmación gratuíta. Mentras noutras comunidades do Estado, ca sanidade transferida,  fóronse aprobando e executando periódicos plans estratéxicos de saúde mental, ao longo dos  últimos vinte anos, na Galiza, até o ano 2006 non houbo un documento destas características. Cataluña, Asturias, Euskadi, Madrid, Navarra e mesmo Andalucía, foron plasmando en documentos oficiais a análise da situación da atención á enfermidade mental, describíndose os puntos fortes e febles, definindo os obxectivos a acadar en cada periodo, e cuantificando o seu custe. Como un instrumento lóxico e esperábel na política e na xestión dun governo, estos plans supuñan un compromiso dos executivos ca povoación enferma, así como unha referencia para profesionais, doentes e as súas familias.  Estos plans asistenciais obrigan asemade a asumir, ou cando menos, ter en conta, as directrices consensuadas noutros foros, xa sexa dende a Comisión Interterritorial do Ministerio de Sanidade do Estado, ou ben dende a propia OMS, que periodicamente publica as súas orientacións. Máis aínda: os plans de saúde mental definían e definen, cando menos sobre o papel, a filosofía e modelo que os governos asumen na atención destos enfermos. 
 
O porqué da singularidade na abordaxe da saúde mental é xa sabida: existe unha bolsa de povoación moi numerosa afectada, require de dispositivos inter e multidisciplinares complexos -socio-sanitario-laborais-, comporta un número alto e moi variado de recursos, e ademais, parte dunha situación en todo o Estado moi deficitaria ao respecto da atención a outras patoloxías e doentes, e aos estándares dos países do noso contorno.  Como se di nun recente documento da OMS (2013): “A carga dos trastormos mentais segue a aumentar, e ten grandes repercusións na saúde, ademais de importantes consecuencias sociais, económicas, e para os dereitos humanos en todos os países do mundo”. 
 
Durante os quince anos de governo Fraga non se elaborou nin un só plan de saúde mental. Cando no 2006 o governo PSOE-BNG presenta o Plan Estratéxico de Saúde Mental 2006-2011 (PESM), Galiza atópase nos últimos lugares do Estado en recursos para a povoación enferma. Non existían plans asistenciais, nin plans de prevención, nin se desenvolveran indicadores que permitiran a planificación, non se fixaran obxectivos estratéxicos, e ignorábanse todas e cada unha das recomendacións da OMS en saúde mental. O PESM pretendía situar o noso país na media do Estado en recursos. Era un Plan realista, factíbel e ben orzamentado. Xerou unha razoábel ilusión e esperanza nas asociacións de doentes e nos profesionais. Mais no ano 2009, ca chegada do primeiro governo de Núñez Feixóo o Plan ficou paralizado. Nin xiquera anunciaron unha reforma, nin se atreveron mesmamente a proclamar a súa anulación. Sinxelamente deixaron de executalo. Sen explicacións e sen alternativa. Nestos anos de governo do PP, a indolencia, a incompetencia, o desleixo, e a irresponsabilidade política e de xestión, foron as características máis salientabeis, foran Farjas ou Mosquera os titulares da Consellería de Sanidade. O posterior discurso de austeriade orzamentaria, serviu como coartada para xustificar o que xa era unha desfeita. Porque nin xiquera un discurso de austeridade xustificaría a ausencia de plans públicos e transparentes na acción de governo, sexan para santificar a miseria, sexan para definir modestísimos obxectivos asistenciais, ou sexan para mellorar a eficiencia do que se ten. Incompetencia é o que mellor define estos xeitos de governar.
 
Mais a realidade é moi teimuda. O dramatismo dela vése se atendemos e entendemos á cotidianeidade dos enfermos e as súas familias. Serva para exemplificar, coñecer a situación dalgunhas povoacións de pacientes ca peor atención asistencial, aos que non se lles están a ofrecer os recursos que lles cómpre - sempre en relación ao que é posíbel por competencia e saber profesional-: 
 
1) Povoación de nenos e adolecentes: por dar só un par de datos, o total de facultativos que en Galiza atende a esta povoación é inferior á da área asistencial de Sabadell, en Cataluña, cunha povoación atendida seis veces menor; ou saber que non existe nin un só Hospital de Día para adolescentes en Galiza -dispositivo de atención básica-.
 
2) Povoación xeriátrica: co brutal avellementamento da nosa povoación,  non existe un plan galego para a atención aos demenciados, nin un modelo integrado e multidisciplinar xeralizado psicoxeriátrico, descansando a atención, en cada área asistencial, en equipos fragmentados e mal dotados.
 
3) Pacientes con trastorno mental grave: desmantelamento dos escasos recursos sociosanitarios, con peche de unidades hospitalarias, sen crear alternativas: potenciación da transintitucionalización –do psiquiátrico á residencia-, da neo-exclusión (do psiquiátrico á pensión) e da vetero-asistencia (do psiquiátrico á familia-coidadora). Engadir que estos pacientes, na súa maioría, non están accedendo aos beneficios económicos que a Lei de Dependencia lles recoñece.
 
4) Pacientes con trastorno límite de persoalidade, e outras patoloxías graves de carácter: nin un só programa específico para a súa atención, como existen noutras comunidades; e polo tanto abocados a ser porta xiratoria nos servizos de urxencias, e unidades de hospitalización, presentando unha elevada morbi-mortalidade.
 
5) Povoación psiquiátrica penitenciaria: nin unha soa liña dende a Consellería, nin un só programa, nin unha soa avaliación. Nada.
 
6) Povoación drogodependente. Arrombouse definitivamente a integración dos equipos municipais na rede de saúde mental xeral, deixándoos nunha incerteza laboral aos profesionais, e asistencial aos pacientes, preocupante. Aquí si que actuou a Consellería: reducindo drasticamente os recursos. Carécese dun plan específico para a loita contra o alcolismo, probabelmente un dos máis graves problemas de saúde mental do noso país .
 
7) Ao anterior hai que engadir que Galiza ten unha das taxas de suicidios máis altas do Estado, algo que, polo que se ve, pouco ter a ver cas preocupacións desta Consellería de Sanidade. De nada informa ao respecto, e nada fai para palialo, dando por sentado que non é posíbel intervir sobre este dramático feito. Nin xiquera asumiron e seguiron as suxestións realizadas pola OMS para a súa redución. 
 
Estáse asistindo nos últimos anos a unha desmontaxe sistemática dos escasos recursos públicos que se tiñan. Trátase de reducir en persoal e en dispositivos, venteando o discurso de que “se abusa” dos mesmos, que certas intervencións “non son necesarias” (como as hospitalizacións), e que as familias poden asumir os coidados en boa medida. Destruir o público, velaí a idea: marcan un obxectivo, crean un discurso, deseñan unha estratexia, designan e pagan aos encargados, e executan. Dende a Xunta e a súa Consellería de Sanidade tratan de invisibilizar o sofrimento dos enfermos, negar a enfermidade mental, eliminala por decreto, silenciar a voz destos doentes, porque son o elo máis feble da cadea social.
 
 Diante destas amezas e agresións constantes e sistemáticas, este marzo pasado presentábase en Compostela o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) cun documento fundacional de análise e propostas concretas, esperanzador. Unha organización novidosa en defensa da atención sanitaria pública dos enfermos mentais, cun funcionamento en rede e horizontal, que está sustentada por tres piares imprescindibeis e complementarios: os doentes e as súas familias, os profesionais sanitarios e os sindicatos. Unha boa nova no futuro desolador da sanidade pública. Só queda pois dar a batalla organizada, tanto dende o MGSM como dende outros colectivos,  para botar fóra das institucións aos enemigos do público e amigos do alleo, e garantir unha atención sanitaria e social de calidade aos pacientes. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Alberte X. Araúxo Vilar Alberte X. Araúxo Vilar (Pontevedra, 1961) Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista en Psiquiatría polo Hospital Clínic i Universitari de Barcelona. Foi profesor de Psicopatoloxía na Universitat Autònoma de Barcelona. Actualmente realiza a actividade asistencial no Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, onde tamén imparte docencia universitaria en Clínica Psiquiátrica como Profesor Asociado de Ciencias da Saúde da USC. Autor de numerosos capítulos de libros y publicacións en revistas especializadas, no campo da psiquiatría e a saúde mental. Membro da Coordenadora Nacional do Movemento Galego da Saúde Mental.