O xornalista Thomas Friedman –tres veces gañou o Pulitzer- no seu libro de 2006 “La Tierra es plana: breve historia del mundo globalizado del siglo XXI” describe o proceso e as súas consecuencias. O autor divide a globalización en tres etapas: a globalización 1.0 desde 1492 ata 1800 emprendida por países con afáns colonizadores amparados pola súa superioridade tecnolóxica, a globalización 2.0 desde 1800 ata finais da pasada centuria comandada polas empresas multinacionais norteamericanas e europeas propiciada pola redución dos custos de transporte (no seu libro de 1999 “The Lexus and the Olive Tree” analiza esta etapa) e, por último, a actual globalización 3.0 protagonizada por individuos de todas as razas e credos e conducida polo avances nas tecnoloxías da información que permiten aos individuos competir e cooperar a escala global. Neste contexto, as cadeas de subministros, a subcontratación e a deslocalización adquiren unha escala global.
Xa enormes partes do planeta están a experimentar as vantaxes da globalización, o que se ten traducido no que levamos de centuria nunha significativa redución na desigualdade da distribución da renda a nivel mundial. Todo indica que o proceso ha continuar. A China, India, ou o sudeste asiático, por exemplo. Recentemente tamén se está a observar que países de áreas historicamente problemáticas como África Subsahariana ou América Latina na medida en que resolven os seus problemas institucionais están a emprender a senda da prosperidade. En Sudamérica, Chile, Colombia e Perú –integrantes xunto con México da recentemente creada Alianza do Pacífico- están a facer as cousas especialmente ben. Están agora nunha posición privilexiada para o gran pulo, xa que o progreso tecnolóxico estalles a fornecer de posibilidades mais semellantes ás dos países avanzados. Ao mellor a vella dicotomía Norte-Sur fica obsoleta en poucas décadas.
O ecomomista Richard E. Baldwin, do Graduate Institute de Xenebra e Policy Director do CEPR, argumenta no seu artigo de 2011 “Trade and industrialisation after globalisation’s 2nd unbundling: How building and joining a supply chain are different and why it matters”, publicado como un documento de traballo do NBER, que estamos a asistir desde finais dos anos oitenta a un segundo tipo de globalización caracterizado polo que chama tecnoloxías conectivas, que están a permitir unha drástica redución dos custos de transmitir información (por tanto a facilitar o aceso ao coñecemento e a conexión a escala global de persoas e empresas), mentres que a etapa globalizadora previa estivo conducida por unha forte redución dos custos de transporte. A diferenza é de extrema importancia. Nun mundo no que a información era pouco accesíbel os países recentemente incorporados á senda da prosperidade necesitaban investir inxentes recursos e tempo en adoptar, aprender a usar e desenvolver as tecnoloxías mais avanzadas, o que freaba a súa converxencia. Porén, o doado acceso á información achegado polas novas tecnoloxías permite o atrape tecnolóxico con moita maior celeridade.
O dinamismo dos emerxentes é xa unha realidade. Durante vaga globalizadora previa, ata finais dos anos oitenta, a participación do G7 nas exportacións e no PIB mundial incrementou, mentres que a partires desta data ambas participacións non deixaron de diminuír. A participación das exportacións do G7 no total mundial aumentou de arredor do 45% desde finais dos setenta ata un máximo do 52% no 1991. Logo desta data esta porcentaxe diminuíu constantemente ata superar só lixeiramente o 30% no ano 2011. O PIB do G7 representaba a finais dos setenta arredor do 60% do PIB mundial. A porcentaxe incrementouse durante os oitenta ata un máximo do 67% no 1988. O descenso foi constante desde entón e no ano 2011 estaba levemente por debaixo do 50%.
Se o progreso tecnolóxico está a igualar as oportunidades dos países, a aplanar a terra que diría Friedman, entón non debería sorprendernos que no futuro próximo observemos unha proliferación de espectaculares milagres económicos aínda mais rápidos e intensos que os experimentados en época recente polos chamados Tigres Asiáticos ou, moito mais perto, por Irlanda. Claro que a predición é condicional a que non se deteña a propagación polo planeta das institucións favorecedoras da prosperidade. De ser así, o acceso á información facilita a adopción tecnolóxica e, consecuentemente, a veloz converxencia aos mais avanzados. Mais, coidado, teñamos en conta o reverso da moeda. Tamén un país que repouse sobre os loureiros pode experimentar un rápido decline.